Arquivos da etiqueta: Somos un pobo de artistas! O método Luísa Villalta
Xurxo Souto: “A visión do mundo de Luísa Villalta era punki e rupturista”
Entrevista de Jacobo Caruncho a Xurxo Souto en La Opinión:
“(…) – La Opinión (LO): Somos un pobo de artistas. O título do seu libro é xa toda unha declaración de intencións.
– Xurxo Souto (XS): É un título manifesto, punki e rupturista. Hai toda esa tradición de tópicos escuros dicindo que eramos un pobo pusilánime e morriñoso e non, somos un pobo cargado de forza vital e de talento. Coma todos os pobos do mundo.
– LO: E Luísa tamén era así, punki e rupturista?
– XS: Era, era. Temos esa imaxe dela absolutamente plácida, porque por outra banda era unha rapaza elegante, era un sorriso, era unha presenza de amor. Pero a súa visión do mundo era punki e rupturista. Comezando coa propia idea que tiña da poesía. O que se entende pola poesía é só unha parte. A poesía é moito máis e sempre ten que estar relacionada coa música. E fronte a outros, ela buscaba sempre esa emoción.
– LO: Temos entón mal entendida a poesía galega?
– XS: A literatura galega está mal explicada. Ten moi boa letra, pero falta a música. Luísa Villalta no seu libro O outro lado da música, a poesía explica todo o estudo da literatura galega en clave musical. Ese libro saíu en 1999 e por desgracia pasou desapercibido. Agora, con todas estas pompas que está recibindo por todo o seu mérito, vexo que se acode moi pouco á visión de Luísa como teórica. En esencia, a música e a poesía son o mesmo. Cal é o primeiro monumento da literatura galega? As cantigas medievais. Como se poden explicar as cantigas sen música? Cal é o gran monumento do Rexurdimento? Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro. Non pode ser máis claro. (…)”
Vídeo da presentación en Vigo de Somos un pobo de artistas, de Xurxo Souto
Xurxo Souto: “Ninguén fala de Luísa Villalta como teórica da literatura. Ela moveu os marcos”
Entrevista a Xurxo Souto na Radio Galega:
“”Ninguén fala de Luísa Villalta como teórica da literatura. Ela moveu os marcos”. O escritor e músico Xurxo Souto reivindica o método Luísa Villalta e reúne no volume Somos un pobo de artistas, un conxunto de ensaios e artigos que subliñan a unidade entre a música e a poesía. A entrevista pode escoitarse aquí.”