A Coruña: homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz no seu bicentenario

“Hai agora cen anos a Real Academia Galega rendía homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz (Viveiro, 1811-Madrid, 1863) cunha ofrenda na súa vila natal e dedicándolle ao intelectual o número 50 do seu emblemático Boletín. Naquel exemplar de setembro de 1911 escribían enormes eloxios ao poeta e político de Viveiro Manuel Murguía, entón presidente da RAG, e Uxío Carré Aldao. Tamén se recuperaban para os lectores da época discursos e poemas de Pastor Díaz, mesmo unha curiosa peza en francés titulada Vie et mort. Un século despois, a Academia mantén viva a súa memoria e volverá lembrar ao autor de Alborada. Nesta ocasión a homenaxe non terá lugar no Viveiro de Pastor Díaz, senón na sede da Real Academia Galega na Coruña (Rúa Tabernas, 11). A Academia contará tamén coa colaboración da Universidade, que se sumará aos actos programados para o 1 de decembro. A xornada arrancará ás 17:00 horas cunha ofrenda floral na rúa Nicomedes Pastor Díaz, na que intervirán o sucesor de Murguía na presidencia da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín; o reitor da Universidade da Coruña, Xosé María Barja, e a poeta Luz Pozo Garza. Ás 18:00 h. terá lugar o acto central da homenaxe na sede da RAG, na coruñesa rúa Tabernas. Luís Caparrós, vicerreitor da UDC e editor da poesía de Pastor Díaz, analizará o seu labor poético, faceta literaria na que afondarán tamén o investigador Emílio Xosé Ínsua e o académico Henrique Monteagudo. O doutor Fausto Galdo, pola súa banda, lembrará a relación do intelectual coa súa vila natal e, por último, o académico e historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández dará conta da intensa actividade política do deputado Pastor Díaz.” Vía La Voz de Galicia e Cultura Galega.

A Universidade da Coruña fai Honoris Causa a Manuel Rivas e John Rutherford

“O escritor Manuel Rivas e o filólogo John Rutherford foron nomeados o 17 de outubro doutores Honoris Causa pola Universidade da Coruña. A Mesa do Claustro da Universidade da Coruña aprobaba as distincións, confirmando a proposta que saíra da Facultade de Filoloxía. Encol de Manuel Rivas, a entidade considerou que se trata o “máis senlleiro escritor coruñés vivo e un dos máis polifacéticos e relevantes creadores en lingua galega”. Pola súa banda, Rutheford foi recoñecido como ” un dos máis importantes valedores internacionais da cultura galega” co seu traballo desde a Universidade de Oxford. Aínda non se estableceu data para o acto do duplo nomeamento.” Vía Cultura Galega.

A Universidade da Coruña propón facer honoris causa a Manuel Rivas

“O claustro da Universidade da Coruña decidirá o lunes 17 de outubro se aproba distinguir co título de doutor honoris causa ao escritor Manuel Rivas. A proposta deste recoñecemento partiu da Facultade de Filoloxía, cuxa xunta decidiu elevar ao claustro a decisión. (…)” Vía La Opinión. Tamén en Galaxia e Xerais.

A Coruña: curso de verán Literatura e espazo urbano: ‘Os libros arden mal’, de Manuel Rivas, do 11 ao 15 de xullo

O curso Literatura e espazo urbano: ‘Os libros arden mal‘, de Manuel Rivas, celébrase do luns 11 ao venres 15 de xullo na Reitoría da Universidade da Coruña, Casa Museo Casares Quiroga e Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña, organizado pola Universidade da Coruña, a Fundación Vicente Risco e a colaboración do Concello da Coruña e a Xunta de Galicia, centrándose na análise da presenza da cidade da Coruña a partir dunha obra literaria, neste caso: Os libros arden mal, de Manuel Rivas. Como obxectivo final do curso, o alumnado terá que elaborar propostas para roteiros e/ou unidades didácticas que teñan esa obra como referente e punto de partida. Estas propostas serán presentadas ao Concello da Coruña para a súa publicación e difusión. No primeiro día, despois dunha breve introdución á obra realizada polo propio autor, Manuel Rivas, explicarase o plano de traballo para o que se distribuirá o alumnado en catro grupos pequenos (máximo 10 persoas). Cada grupo estará tutorizado por un/unha profesor/a que será quen lle dea as indicacións pertinentes para guiar o seu traballo durante o curso. Este traballo terá unha primeira fase a partir das sesións (teóricas e prácticas) que se levarán a cabo nos talleres multidisciplinares, cada un deles dirixido por un/unha docente pertencente a diferentes ámbitos do coñecemento (arquitectura, urbanismo, socioloxía e arte); a segunda fase do traballo consistirá na elaboración, sempre guiada polos/as profesores/as tutores/as, de materiais didácticos sobre a cidade da Coruña creados a partir da novela de Manuel Rivas, que serán entregados á Concellaría de Cultura para a súa difusión e utilización no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
Nota: Sería necesario que o alumnado lese a obra antes do comezo do curso, polo que a obra se entregará (na Oficina de cursos da UDC) como agasallo ao formalizar a matrícula -para un máximo de 36 alumnos- (toda a información sobre este proceso aquí).
* RELACIÓN DE TUTORAS/ES:
– 2 profesoras-tutoras: María dos Anxos González Refoxo e Mercedes Queixas Zas.
– 2 profesores-tutores: José Alfeirán e Luis Martínez-Risco Daviña.
Os/as catro son profesores/as de Ensino Secundario, con recoñecida experiencia na elaboración de unidades didácticas e outros materiais para o ensino e a difusión do noso patrimonio cultural.
* RELACIÓN DE PROFESORES/AS DOS OBRADOIROS MULTIDISCIPLINARES:
– Arquitectura: Pablo Gallego Picard (Arquitecto e profesor da UDC).
– Arte: Xosefa Cerviño Lago (Catedrática de Historia e prof. Asociada na UDC).
– Socioloxía: Xosé Leira López (Profesor Titular de Socioloxía na UDC).
– Urbanismo: María José Piñeira (Profesora Asociada na USC).

PROGRAMA DO CURSO

Luns 11 de xullo
MAÑÁ [Reitoría: sala de xuntas do Consello de Goberno]
– 10:00 h. Recepción de asistentes.
– 10:30-11:00 h. Inauguración polas autoridades académicas e institucionais.
– 11:15-12:15 h. Conferencia inaugural a cargo de Manuel Rivas: O autor fala da súa obra [título por definir].
– 12:30-13:30 h. Presentación do plano de traballo e organización dos grupos.
TARDE
– 16:30-20:30 h. Traballo de campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña].

Martes 12 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Posta en común co/a tutor/a.

Mércores 13 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de Campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Posta en común co/a tutor/a.

Xoves 14 xullo
MAÑÁ

– 10:00-14:00 h. Traballo de Campo [breve sesión na Casa Casares Quiroga e rota pola Coruña]
TARDE [Filoloxía]
– 16:30-20:30 h. Traballo co/a tutor/a. Posta en común con correccións.

Venres 15 xullo
MAÑÁ [Filoloxía]
– 10:00-14:00 h. Posta a punto das propostas co/a tutor/a. Elaboración final das diversas propostas de materiais didácticos para seren entregadas a Concellaría de Cultura para o seu uso no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
TARDE [Casa Casares Quiroga]
– 17:00-19:00 h. Presentación pública das diversas propostas de publicación elaboradas para seren entregadas a Concellaría de Cultura para o seu uso no ámbito da difusión cultural, pedagóxica e/ou turística.
– 19:00-20:00 h: Conferencia de clausura a cargo de Javier Gómez Montero: O conxuro anamnésico de ‘Os libros arden mal’.
– 20:00-20:15 h. Clausura do curso polas autoridades académicas e institucionais.
– 20:30-22:00 h. Concerto de clausura.

A Coruña: presentación do número 189 da revista Grial

O luns Grial 1896 de maio, ás 13:00 horas, na Sala de Prensa da Reitoría da Universidade da Coruña (Maestranza, 9), preséntase o número 189 da revista Grial, titulado Valar o común?, publicada en Galaxia. No acto participan Víctor F. Freixanes, Carlos Fernández, coordinador do número, e Carlos Amoedo, profesor de Dereito Administrativo na Universidade da Coruña, e colaborador deste número.

A Coruña: Voces nas letras, lectura pública aberta na Universidade o 23 de maio

“A Universidade da Coruña quere convidarvos a participar de modo activo nunha lectura pública aberta ao conxunto da cidadanía, Voces nas Letras, que se desenvolverá o luns, 23 de maio, entre as 10:00 e as 14:00 horas no Paraninfo da Reitoría (Maestranza, s/n, A Coruña). Por cuestións organizativas solicitamos que nos fagades chegar ao enderezo electrónico vocesnasletras@udc.es as vosas propostas de textos, que deben cumprir as seguintes condicións:
– 1) Os textos para ler estarán escritos en lingua galega, con independencia de seren traducidos doutra lingua.
– 2) Non existen limitacións temáticas nin estilísticas ou de autoría.
– 3) A duración da lectura non poderá exceder os cinco minutos.
– 4) A propia persoa propoñente será quen o lea.
– 5) Acéptanse, xustificadamente, como alternativa aos textos outras intervencións, como execucións musicais, mimo, danza etc., sempre que estas non superaren tamén os cinco minutos.

As propostas poden enviarse ao enderezo arriba mencionado até o mércores, 18 de maio.”

Muxía: Acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente

O sábado 29 de xaneiro, ás 11:30 h., no salón de plenos do Concello de Muxía, terá lugar o acto fundacional da Fundación Gonzalo López Abente, que nace co fin de poñer en valor a obra e a figura do escritor Gonzalo López Abente (Muxía 1878-1963), e con vocación de ser un foco de irradiación de actividade cultural para toda a Costa da Morte. Farán a presentación Félix Porto, Alcalde de Muxía e Presidente da Fundación, e X. H. Rivadulla Corcón, Vicepresidente. Logo farase a sinatura da acta fundacional por parte dos representantes das institucións que forman parte do Padroado: Deputación da Coruña, Real Academia Galega, Universidade da Coruña, Universidade de Santiago, Consello da Cultura Galega, Asociación de Escritores en Lingua Galega e PEN Clube de Galicia, tras o que o poeta e escritor Miro Villar, membro da Comisión Executiva da Fundación, fará o laudatorio de López Abente. A continuación os asistentes trasladaranse ao cemiterio para facer unha ofrenda floral -a cargo dos familiares- diante da tumba do poeta nun acto presentado por Xesús Sambade, membro da Comisión Executiva da Fundación, e lectura de poemas de López Abente por: X. H. Rivadulla Corcón, Miro Villar, Luís González Tosar (presidente do PEN Clube de Galicia), Cesáreo Sánchez Iglesias (presidente da AELG) e Xosé Luís Méndez Ferrín (presidente da RAG). Os actos continuarán coa visita á sede da Fundación (Casa das Beiras) onde será interpretado pola Coral Virxe da Barca o himno á Virxe da Barca (obra de López Abente) por primeira vez en galego, xa que nos anos 50 prohibíuselle escribilo en galego, e agora como acto de xustiza fíxose a tradución, rematándose cun ágape de confraternización para os asistentes. Crónica posterior en Galicia Hoxe.

A Coruña: Xornadas Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación

As Xornadas Carvalho CaleroXornadas Ricardo Carvalho Calero: ciencia, literatura e nación, organizadas pola Asociación Sócio-Pedagóxica Galega, a Concellaría de Cultura do Concello da Coruña e a Universidade da Coruña, terán lugar os días 24, 25, 26 e 27 de novembro, na Sala de xuntas da Reitoría (Maestranza) da Coruña, co obxectivo de achegarse á súa vida e obra tanto desde a súa faceta literaria como da propia historia, dando visibilidade a un dos grandes da literatura galega e darlle o recoñecemento que merece. O programa é o seguinte:

Mércores 24
17:00 – 17:30 h. Recepción e entrega de material.
17:30 – 17:40 h. Inauguración.
17:40 – 20:30 h. Mesa redonda Ricardo Carvalho Calero na memoria.
– Proxección de Carvalho Calero: a posibilidade de rectificar a história, Francisco Salinas Portugal, 1988.
– Presenta, introduce e modera: Carme Fernández Pérez-Sanjulián, escritora e profesora do departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña.
– Participan:
* Carmen Blanco, escritora e profesora titular de Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.
* Araceli Herrero, escritora e profesora na Universidade de Santiago de Compostela.
* Aurora Marco, escritora e profesora de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega na Facultade de CC da Educación da Universidade de Santiago de Compostela.
* Francisco Pillado, escritor, actor e profesor.
* Miguel Anxo Fernán Vello, escritor e director de Edicións Espiral Maior.
21:00 h. Espectáculo no Teatro Rosalía de Castro: Isto é o que nos foi dado. Homenaxe escénica a Ricardo Carvalho Calero:
* 1ª Parte: Recital a cargo de Lino Braxe, Flor Maceira, Santiago Fernández e Manu Clavijo.
* 2ª Parte: Concerto de Ugia Pedreira e Fred Martins.

Xoves 25
18:00 – 20:00 h. Mesa redonda: Pensamento, intervención e ciencia.
– Presenta, introduce e modera: Mª do Pilar García Negro, escritora e profesora titular do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña: Ensaio lingüístico e literario.
– Participan:
* Francisco Rodríguez, Licenciado e Doutor en Filoloxía Románica e Catedrático de Literatura Española:  O compromiso co nacionalismo.
* José Luís Rodríguez, profesor e catedrático da Universidade de Santiago de Compostela: O labor universitario.
20:10 – 21:40 h. Presentación do libro Cautiverio de Fingoi. Os anos lugueses (1950-1965) de D. Ricardo Carvalho Calero e proxección do vídeo inédito do seu autor, R. Raimunde Noreña.

Venres 26
17:00 – 21:00 h. A creación literaria.
17:00 – 18:15 h. A poesía de Ricardo Carvalho Calero.
– Conferencista: Francisco Salinas, profesor titular da Universidade da Coruña.
– Argüente: César Morán, profesor asociado da Universidade da Coruña e catedrático de Lingua e Literatura Galega no IES Agra do Orzán.
18:15 – 19:45 h. A narrativa de Ricardo Carvalho Calero.
– Conferencista: Claudio Rodríguez Fer, Licenciado en Filoloxía Hispánica, profesor na Universidade de Santiago e ocasionalmente en Nova York e na Bretaña.
– Argüente: Henrique Rabuñal Corgo, Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa, escritor e profesor.
19:45 – 21:00 h. O teatro de Ricardo Carvalho Calero.
– Conferencista: Laura Tato, Doutora en Filoloxía Galego-Portuguesa e profesora titular das Facultades de Filoloxía e Humanidades da Universidade da Coruña.
– Argüente: Carlos C. Biscaínho, profesor do Departamento de Galego-Portugués, Francés e Lingüística da Universidade da Coruña.

Sábado 27
10:00 – 13:00 h. Mesa redonda O pensamento lingüístico de Ricardo Carvalho Calero.
– Presenta, introduce e modera: Xosé Ramón Freixeiro Mato, profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña.
– Participan:
* Rosario Álvarez Blanco, profesora de Filoloxía Galega na Universidade de Santiago de Compostela: A gramática galega no século XX: O contributo de Carvalho Calero.
* Martinho Montero Santalha, profesor catedrático da Universidade de Santiago de Vigo: Etapas do pensamento lingüístico de Carvalho Calero.
* Goretti Sanmartín, profesora titular de Filoloxía Galega na Universidade da Coruña:  A sociolingüística galega antes e despois de 1936. O contributo de Carvalho Calero.
* Bernardo Penabade Rei, Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela: Carvalho Calero, planificador da língua galega.
13:00 – 14:00 h. Visita guiada á exposición sobre Carvalho Calero instalada na Casa Casares Quiroga da Coruña.
14:00 h. Clausura.

A matrícula realizarase a través da web da AS-PG, no apartado de Formación. O prezo da matrícula é de:
– Socios/as da AS-PG. 11 euros.
– Parados: 21 euros.
– Normal: 41 euros.
– Estudantes universitarios: gratuíta. Os/as estudantes universitarios, á hora de rexistrarse para facer a matrícula, deben indicar, onde pide o número de rexistro persoal, que son universitarios/as.
O número de prazas é limitado e cubrirase por rigorosa orde de inscrición tendo en conta que hai unha reserva máxima dun 30% para aquelas persoas que nunca traballasen como docentes para a Consellería de Educación. Os estudantes non se contabilizan nesta porcentaxe. Solicitada a homologación por 15 horas lectivas.

Aquí se pode descargar o programa en .pdf: Xornadas Ricardo Carvalho Calero.