Desde La Voz de Galicia:
“Admite que de nena era medorenta. «Tiña receo a estar soa, á escuridade, ao que podía haber debaixo da cama e non me atrevía a mirar, pero encantábame ler historias coas que sentía pequenos arrepíos», confesa Paula Carballeira, unha das escritoras e narradoras orais que máis contribúen a sumar adeptos á corrente dos libros infantís de medo, un xénero no que Galicia fala con voz propia e incorpora, non só no Samaín, títulos calorosamente recibidos.
«O medo é un sentimento que esperta aos rapaces, ponos en alerta e dálles curiosidade. Queren que llelo provoque para ver como poden vencelo. A súa enorme imaxinación agranda todo o que contas», defende a recoñecida autora, que este ano asinou dous libros sobre a temática. No álbum poético A pantasma da illa de Cortegada (Triqueta Verde), logra a complicidade dos primeiros lectores con Maruxa a Brava, unha muller que aposta unha empanada a cambio de pasar unha noite nunha illa onde se di que viron bailar a unha pantasma. En Trece avisos. Contos para ler pola noite (Xerais), explora, para mozos, medos atemporais, como soños premonitorios, cuartos perigosos ou chamadas por teléfono aterradoras. «Nesta obra hai unha serie de avisos que indican que algo extraordinario vai suceder, pero se se teñen en conta, se se bota man do coñecemento, non vai pasar nada. A miña gran motivación para tratar o xénero, máis alá de buscar o efecto, a risa ou o susto, foi axudar aos rapaces a enfrontarse ao medo; tranquilizalos coa ficción», remarca a escritora, que acompaña cada historia dese libro con citas ou testemuños reais. «Varios son de estudantes dunha escola de Leganés, a onde me convidaron. Cando cheguei, os alumnos agardábanme cun ataúde de cartón no que quixeron compartir ideas ou vivencias. Os contos de medo falan de situacións que a xente debe crer», resalta.
«O máis incrible que me aconteceu pasou nun centro de Santiago. Eu fun falar dun libro, pero os rapaces, de dez anos, insistiron en que lles contase unha historia. Optei por unha que ten un sobresalto final. Asustáronse moitísimo. Houbo un berro, despois quedaron calados e, inmediatamente, chegou a risa e un aplauso final. Esa mañá tiña máis encontros no colexio, pero eses nenos non paraban de seguirme, preguntando pola historia. Ata querían sacarme a ombros do centro. Nunca me sucedera iso. Foi brutal verlles gozar así cun conto de medo, querer agradecermo», subliña, razoando ese tirón. (…)
Tamén feliz ante unha comuñón cos lectores que non cesa, declárase Ledicia Costas, a autora viguesa que axudou no 2014, a partir do éxito de Escarlatina, a cociñeira defunta —unha suculenta novela sobre unha chef que prepara receitas de vivos e mortos—, a que a corrente de medo se estendese por Galicia. «Cando chego a un colexio, nenos que a leron lévanse unha sorpresa ao non entender que eu estea viva. Pensan que, se sei tantas cousas do inframundo, debo estar morta», explica divertida. «Durante moito tempo os profesores presentábanme como Escarlatina en vez de como Ledicia ante a forza do personaxe», engade aínda marabillada polo eco dun libro xa traducido a idiomas como o coreano e que rematará o ano falando checo. «Moitos rapaces din que na súa casa non se trataba a morte e que co libro a comprenderon mellor. Agradéceno, sobre todo ao abordarse de forma lúdica, desmitificadora», sostén a autora, que insiste en que foi ese tabú, xunto a súa paixón polo gótico, o que a centrou no eido.
No 2020, nun ano complicado, conquistou de novo aos rapaces con Vampira de biblioteca (Xerais), unha divertida historia sobre unha vampira vegana e uns morcegos que adoecen polo xamón. Unha obra de moito humor —«a iso non renuncio, ao ser o motor que me permite tratar todos os temas»— na que interpela ao lector para que anote os seus medos. «Foi unha aprendizaxe ver que os temores dos pequenos son cotiáns, semellantes aos dos adultos, como o receo á soidade, ao abandono ou á perda dun ser querido», resalta. (…)”
Arquivos da etiqueta: Vampira de biblioteca
Un café con… Ledicia Costas
Vídeo sobre Vampira de biblioteca, de Ledicia Costas
Feira do Libro da Coruña 2020: actividades destacadas do 8 e 9 de agosto
O 9 de agosto continúa a Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, s/n.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, con horarios de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa para estes días:
Sábado 8
– 13:00 h. Alberte Momán asina A viaxe de Ana, publicado por Galaxia.
– 13:00 h. Paula Merlán asina Un trevo para Xulieta, publicado por Bookolia.
– 18:00 h. El Hematocrítico asina Alcaldesa Vermella, A media hora dos heroes e Campións do mundo, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
– 18:00 h. Marcos Viso asina O meu baleiro, publicado por Hércules.
– 19:00 h. María Reimóndez asina A semente, a árbore e a froita, A formiga destemida, publicados por Xerais, e O meu avó e o queixo, publicado por Alvarellos.
– 19:00 h. Pura Tejelo asina As horas de Hanna, publicado por Urutau.
– 20:00 h. Elena Gallego Abad os libros da Serie Dragal, publicados por Xerais, e o resto da súa obra.
– 21:00 h. Kiko da Silva asina Aprende banda deseñada con Fiz, publicado por Xerais.
– 21:00 h. Alberto Varela Ferreiro asina Wolfram. Espías, nazis e maquis, publicado por Xerais.
– 21:00 h. Miguelanxo Prado asina Amani, publicado por Retranca.
Domingo 9
– 18:00 h. Ledicia Costas asina Vampira de biblioteca, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
– 18:00 h. Paola Sepúlveda asina Alén dos mapas, publicado por Tulipa.
– 19:00 h. Isaac Xubín asina Xenealoxía dun intruso, publicado por Galaxia.
– 20:00 h. Henrique Alvarellos e Xulia Nieto asinan A nena que abrazaba as árbores, publicado por Alvarellos.
– 20:00 h. Yolanda Castaño asina a súa antoloxía bilingüe Un cobertizo lleno de significados sospechosos, publicada por Milenio, e o resto da súa obra.
– 21:00 h. Pilar García Negro asina Ricardo Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación, publicado por Laiovento.
Ledicia Costas: “Tiña pendente escribir unha historia sobre vampiros”
Desde Xerais:
“Televigo emitiu unha entrevista coa escritora Ledicia Costas sobre o libro: Vampira de biblioteca, ilustrado por Víctor Rivas e publicado por Xerais na colección Merlín.
A entrevista pode verse nesta ligazón, a partir do minuto 12.00″.”
Vigo: actos destacados na Feira do Libro 2020 para o 3 de xullo
O 3 de xullo continúa a Feira do Libro de Vigo (na Rúa do Príncipe, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados para este día:
– 13:00 h. Belén Rodríguez Suárez asina De Carballo Calero a Carvalho Calero, publicado por Hércules.
– 18:00 h. Ledicia Costas asina Vampira de biblioteca, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
– 18:00 h. Vanessa Glemsel asina Sutura, publicado por Urutau.
– 19:00 h. Manuel Esteban asina A vinganza dos homes bos, publicado por Xerais, e o resto da súa obra.
– 19:00 h. Bieito Romero asina Simboloxía máxica en Galicia, publicado por Baía.
– 20:00 h. Manuel Bragado asina Vigo, puro milagre, publicado por Xerais.