Lugo: Muralla de letras, do 11 ao 13 de decembro

Inventario dun adeus. Expiatoria de Andrea Fernández Maneiro acada o primeiro premio no IX Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro

Desde o Concello de Mondoñedo:
“Andrea Fernández Maneiro, natural de Vilagarcía de Arousa, álzase como gañadora da IX edición do Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, premio convocado polo Concello de Mondoñedo en colaboración coa Área de Cultura de Deputación Provincial de Lugo. Unha edición marcada polo gran número de participación de obras, preto de 100 orixinais recibidos. O traballo presentado pola gañadora, que obterá un premio de 1500 €, placa e diploma, ten por título Inventario dun adeus. Expiatoria.
O xurado destacou nos versos de Andrea Fernández Maneiro a “elaborada imaxinería do conxunto, o coidado na dicción e na escolla das solucións léxicas, así como o estreito diálogo entre o musical e o textual que envolve harmonicamente toda esta escrita”.
O segundo premio, dotado con 600 €, placa e diploma, recaeu na obra titulada Antípoda, da que é autora Paula Luís González, de Vigo.
O xurado salientou “a intelixente alternancia nestes versos de elementos da tradición culta con outros perfectamente pop, así como a hábil inserción de indicadores metapoéticos nun micropoemario con múltiples referencias á fauna e flora en xeral e mariña en particular”.
Rosa María Novoa Vázquez acadou o 3º premio, dotado con 300 €, placa e diploma, coa obra presentada baixo o rótulo Barazas e Sedeños. Branca Trigo é de Xunqueira de Ambía.
O xurado puxo en valor neste texto “a elegancia na dicción, a capacidade para ganduxar os elementos poéticos nun todo consistente e o delicado equilibro entre os versos máis emotivos e íntimos e aqueloutros que acubillan unha evidente crítica social”.
A entrega do premio terá lugar o sábado día 12 de decembro de 2020 segundo o seguinte programa:
– 13:15 h. Recepción oficial no Cemiterio Vello e Ofrenda Floral ante a tumba do poeta.
– 13:30 h. Entrega de Premios no Auditorio Municipal Pascual Veiga de Mondoñedo.
Manteranse as normas aprobadas polas autoridades en canto á capacidade e medidas sanitarias en relación coa situación actual de pandemia provocada pola COVID-19.”

XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. O humor na literatura de tradición oral

A XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. O humor na literatura de tradición oral é unha iniciativa da AELG co apoio da Deputación Provincial de Lugo e a colaboración da Asociación Sócio-Pedagóxica Galega.

A XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral terá lugar o 24 de outubro no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8).

Está solicitada a homologación ante a Consellería de Cultura, Educación e Universidade por 8 horas. As persoas interesadas deberán facer a matrícula, gratuíta, na páxina web da AS-PG (o formulario da matrícula estará activo só entre o 25 de setembro e o 22 de outubro), nesta ligazón.

A matrícula seguirá rigorosa orde de inscrición na web da AS-PG, tendo preferencia os-as socios-as e afiliados-as á AS-PG e á AELG.

Aquelas persoas que non estean interesadas no certificado homologado e unicamente queiran un certificado de asistencia emitido pola AELG, deberán facer a inscrición no correo electrónico oficina@aelg.org.

No desenvolvemento desta actividade aplicaranse os protocolos sanitarios vixentes en cada momento.

O humor constitúe un estado de ánimo exclusivo dos humanos. Sen ese recurso para transformar a realidade e para sorprender, a comunicación e transmisión de coñecementos e cultura entre nós quedaría moi limitada. O humor é liberador,  axuda a relativizar situacións excesivamente serias e incluso as tráxicas, ademais de producir goce e efectos beneficiosos para a saúde.

O humor como método de comunicación e como recurso de socialización. O humor como estímulo e como virtude pero tamén como arma de dobre fío, segundo o uso que se lle queira dar; como factor afectivo ou, pola contra, como elemento crítico, denigrante, impositivo ou, incluso, destrutivo.

Con esta xornada dedicada a ‘O humor na literatura de tradición oral’ preténdese amosar como funciona ese recurso intrínseco, estrutural dentro dos xéneros de literatura tradicional popular, como inflúe na memoria ou como pode axudar a resolver situacións de conflito. 

Programa

10:15 Recepción, entrega de material e inauguración

10:30-11:30 Conferencia “Humor salgado”
Suso Lista
Nacido en 1962 en Corme. Escritor, actor e guionista. Con 16 anos embarca na Mariña Mercante. Aos 25 comeza a traballar como percebeiro. Dende 2009 exerce como actor e guionista da serie “Para Mariñeiros Nós”. No 2013 gaña o premio da Audiencia do VII Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural da Radio Galega coa obra O demo nunca dorme. No 2014 publica Salseiros, no 2015 Xeixos e no 2017 Charamuscas.

11:30-12:30 Conferencia: “A ágora da taberna”
Quico Cadaval
Francisco Cadaval Ayaso ‘Quico Cadaval’ (Ribeira, 1960) é actor, director e adaptador teatral, pioneiro do movemento contacontos en Galicia. Comezou no Centro Dramático Galego e fundou a compañía “O Moucho Clerc”. Traballou en producións da TVG, en curtas e longametraxes, sendo recoñecido con premios como o María Casares (2002), Premio Max ao mellor autor teatral en galego (2010), Premio Cultura Galega das Artes Escénicas en 2011 e o Premio Xiria ao Labor Teatral (2020). Como autor destacan obras de seu como O Códice Clandestino (1898), O ruisinol de Bretaña (1991) e Espantoso (2002).

12:30-14:00 Mesa redonda: O segredo do humor
Quico Cadaval e Suso Lista
Coordina: Antonio Reigosa

16:00-17:00 Conferencia “Rir do mundo, comezando por nós. Algúns mecanismos do humor nos contos tradicionais.”
Paula Carballeira
Nacida en Maniños (Fene, A Coruña), aínda que despois de licenciarse en Filoloxía na Universidade de Compostela, quedou a vivir nesas terras. Narradora oral profesional desde 1994, actriz e escritora. Tivo a sorte de ser convidada aos principais festivais de narración oral nacionais e internacionais (Portugal, Polonia, Francia, Cabo Verde, Colombia, Perú, Ecuador, México, Costa Rica…). Ademais, mantén actividades regulares en bibliotecas e centros de ensino. Como actriz, é membro da compañía Berrobambán e participou en varias series e programas da Televisión de Galicia. Como directora de teatro, levou adiante producións infantís tanto na súa compañía como no Centro Dramático Galego ou noutras compañías. Como autora, ten máis de trinta títulos publicados, tanto de narrativa, como de poesía ou teatro, moitos deles traducidos a varias linguas: portugués, inglés, italiano, coreano, catalán, éuscaro…, algúns deles premiados e a maioría pensados tamén para a infancia e a xuventude.

17:00-18:00 Conferencia: “Humor e lingua”
Xosé Lois González “O Carrabouxo”
Humorista, conferenciante, monologuista e tertuliano nacido en Ourense, o 3-4-49. Estudou Telecomunicacións e foi funcionario. Foi presidente da Asociación Cultural Auriense. Colabora con La Región de Ourense e fíxoo tamén en  Atlántico Diario de Vigo e tamén na revista Sermos Galiza, na Revista Galega do Ensino e en Tempos novos . Colabora no xornal Nós Diario. Creou o personaxe O Carrabouxo, que ten un monumento en Ourense, que tamén é pseudónimo do autor. Publicou 10 libros de humor gráfico individuais e numerosos colectivos. Recibiu a Medalla Castelao en 2008. No 2013 recibiu o premio Bo e Xeneroso da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. Recibiu tamén os premios Galicia de Comunicación (2 veces) e o Xosé Aurelio Carracedo. Ten tamén a Curuxa de Honra do Museo de Humor de Fene. O seu personaxe, O Carrabouxo, foi animado por Lhosca Arias no 2000 nunha serie titulada O Carrabouxo de 26 capítulos dun minuto de duración, que se emiten en Televisión.

18:00-19:30 Mesa redonda: Anatomía da retranca
Paula Carballeira e Xosé Lois González Vázquez “O Carrabouxo”
Coordina: Lois Pérez

19:30-20:30 Sesión práctica: “Contaba morrer”
Lois Pérez
Nado en Lugo, mestre do ensino público, actualmente traballa como representante sindical do STEG (Sindicato de traballadoras e traballadores do Ensino de Galiza). En 2008 gañou o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico coa peza Saltimbanqui, dirixida e adaptada por Quico Cadaval e interpretada ademais del por Xosé Olveira “Pico” e Xan Cejudo. Mención especial no Pedrón de Ouro polo relato “A corrente salvaxe” en 2009; segundo premio no Certame de Ames de 2010; e relato gañador no premio de Noia, no 2011.
Emerxente Editora publicou o seu poemario LP en 2013. Participou no Festival de Mondoñedo de Poesía en 2015 e no “Ponme un Poema” de Allariz en 2016.
Como narrador oral, humorista e comediante ten actuado e actúa en institutos, feiras do libro, universidades, escolas de idiomas, teatros, museos, pubs, bares ou cárceres.
No eido do ensino coordinou varias iniciativas normalizadoras, todas elas premiadas pola administración educativa ou por entidades privadas vinculadas ao ensino. No curso 2009-2010 coordinou o proxecto Premio de Innovación Educativa en Normalización Lingüística “Mergullados nos mares da palabra”, no CEIP de Sofán (Carballo, A Coruña), e o proxecto “A imaxinación no peto”, Premio Antonio Fraguas. No curso 2010-2011 coordinou o proxecto de normalización lingüística “As palabras que soñan co vento” no CEIP de Bemantes (Miño, A Coruña), cualificado como pioneiro e seleccionado pola administración educativa para ser exposto en Lugo, Santiago, Coruña e Ferrol nas Xornadas de Normalización dese mesmo ano. No curso 2011-2012 coordinou o proxecto de normalización lingüística “Irradio Lingua” no CEIP de Barrantes (Tomiño, Pontevedra), sendo valorado coa mellor puntuación canda o da ESAD de Vigo.
Foi relator dos Cursos de galego para Funcionarios en prácticas desenvoltos nos CEFORES da Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol en 2010 e 2011.
Membro do Xurado Premios Xerais 2017.
Gañador do Premio aRi[t]mar Galiza e Portugal 2018, ao mellor poema publicado en galego en 2017 por “Blues do Rei Bergman=B.B. King”.
En 2017 publica en Xerais o libro de poemas Long Play.
Cronista do rock and roll no suplemento literario e cultural Táboa Redonda do Progreso de Lugo e Diario de Pontevedra e na revista Ruta 66.

Bases do XIV Certame de investigación Condado de Pallares

“Co gallo de promover os labores de investigación nos ámbitos da lingüística, da historia, a arte, a arqueoloxía, a antropoloxía, etnografía e o folclore no antigo territorio que conformaba o Condado de Pallares, a Asociación Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, en colaboración coa secretaría xeral de Política Lingüística, a dirección xeral de Políticas Culturais, a Deputación de Lugo, os R. Comarca de Lugo e Miño Ulla, Caixa Rural Galega e os concellos de Guntín, Taboada e Chantada, convoca o XIV Certame de Investigación Condado de Pallares.

BASES

​- Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que presenten escritos orixinais e inéditos en lingua galega, axustados á normativa de 2003, sobre temas lingüísticos, históricos, artísticos, arqueolóxicos, antropolóxicos, etnográficos e folclóricos, cinguidos ao ámbito territorial dos concellos de Guntín, Portomarín, Taboada, Chantada e Carballedo.
– A extensión dos escritos é ilimitada, e contarán cun mínimo de cen folios. Deberán ser presentados por cuadriplicado, en formato DIN A4, mecanografados a dobre espazo e por unha soa cara con tipografía Times New Roman, tamaño 12. Xuntarase tamén unha copia en formato dixital.
– Os orixinais serán enviados por correo certificado, baixo plica, no que figurarán os datos do autor/a, o lugar de residencia, teléfono e currículo, ao seguinte enderezo: Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, Casa reitoral, nº6 -Ferreira de Pallares- 27211 GUNTÍN (Lugo), indicando no sobre: XIV Certame Condado de Pallares.
– O prazo de presentación remata o 30 de setembro de 2020.
Establécese un único premio de 3.000€ que será outorgado ao autor/a da obra que reúna suficientes méritos científicos. O premio poderá ser declarado deserto.
– O xurado estará composto por tres membros de recoñecido prestixio do mundo da cultura galega, designados polas institución que convocan o certame. Actuará de secretario un directivo da Asociación, con voz e sen voto.
– O xurado emitirá o seu fallo nun acto que se celebrará o día 7 de novembro de 2020.
– O acto de entrega do citado premio será na Casa de Cultura de Chantada, no día, lugar e hora que se comunicará oportunamente.
– As institucións convocantes resérvanse todos os dereitos sobre o traballo ganador, incluído a da súa publicación na primeira edición. Neste caso, a obra gañadora será publicada na normativa oficial e a organización entregaralle 25 exemplares.
– Os orixinais non premiados serán enviados aos autores/as e ao seu cargo, nun prazo de tres meses, sempre que o soliciten por escrito. Transcorrido dito tempo, serán destruídos.
– A participación nesta convocatoria requirirá a aceptación de todas as normas contidas nestas bases, así como as decisións do xurado que se designe. O seu fallo será inapelable.”

As Letras na rede: Lois Pérez

Desde a AELG recollemos a actuación de Lois Pérez no ciclo cultural en liña As Letras na rede, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, aquí.

Rechiade e unídevos baixo cancelos comúns como #CorentenaLiteraria, #Euquedonacasa, #LerGalegoSempre, #Acasainfinita, #DescobreACulturaGalega, #CulturaGalegaCuradora, #Aculturasegue e/ou #CulturaNaRede.