A Área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo organiza a II Edición da Semana do Libro e da Lectura, que se vai a desenvolver no Pazo de San Marcos de Lugo entre o 10 e 15 de abril. Deixamos aquí o programa de actividades: É mentira_II Semana do Libro e da Lectura.
Arquivos da etiqueta: Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Cultura
A AELG avaliou coa Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo a actividade conxunta
O
encontro entre Antón Bao, Vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo e responsábel da Área de Cultura, e o presidente da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, acompañado do vogal da Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG, Antonio Reigosa, e do vogal por Lugo desta Asociación, Isidro Novo, tivo lugar o xoves 3 de marzo ás 18:30 h., co obxectivo de analizar a colaboración entre ambas entidades desde 2007 e avaliar o programa de actividades previstas para 2011, ano en que, malia a forte redución orzamentaria, mantén o seu apoio ao sistema literario en 2011 tamén a través da AELG.
A Asociación de Escritores entende que a decisión da Vicepresidencia de consolidar a colaboración na provincia de Lugo referenda a calidade das propostas e demostra a sensibilidade da institución na defensa, promoción e posta en valor do noso patrimonio de literatura oral e tamén lingüístico. Sempre desde un enfoque de cultura viva e participativa, ambas entidades colaboran na organización das Xornadas de Literatura de Tradición Oral, que este ano acadará a súa cuarta edición en outono baixo o lema Lendas urbanas. Mitos e ritos dos tempos modernos. Estes encontros teñen levado a Lugo especialistas de varios países, pero non se descoidou a transmisión dos contidos aos máis novos, para o que puntualmente se envían as actas, acompañadas dun DVD que permite a aproximación didáctica aos temas propostos, a todos os centros de ensino e bibliotecas da provincia.
Tamén coa premisa de convidar a sociedade a participar e gozar do seu patrimonio literario oral, continúase coa organización das Polafías, encontros nos que o elemento fundamental e imprescindíbel está constituído polos homes e mulleres, narradores, cantadores e romanceadores, da veciñanza onde teñen lugar. Sempre co obxectivo de recuperar usos de creación musical e literaria de carácter popular, por medio dunha adaptación das antigas xuntanzas tradicionais (fiadas, polavilas) aos tempos actuais, na que os recursos técnicos permiten darlle un carácter estábel axudándose das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de internet, para conseguir unha ampla difusión deste patrimonio a través da web da AELG.
Aprovéitase tamén esta plataforma, na súa sección Palabras con memoria, para recompilar e devolver ao sistema literario vocábulos que están na memoria dos nosos maiores e aínda non foron recollidas nos dicionarios. Esta iniciativa conxunta permitiu até o momento salvar do esquecemento máis de mil palabras ou expresións do noso patrimonio máis simbólico, o lingüístico.
Finalmente, acordouse colaborar tamén na homenaxe O Escritor na súa Terra, que en xuño recibirá o autor lugués Paco Martín, quen pasará así a ser socio de honra da Asociación de Escritores. O ente provincial participará así do sentido da homenaxe, que é facer que o escritor se sinta arroupado pola súa terra natal e as súas institucións.
IV Certame Literario Terras de Chamoso
Por
cuarto ano consecutivo a Asociación Cultural Arumes do Corgo, coa colaboración da Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo, quere premiar a todos os autores que expresen no papel os seus sentimentos empregando como ferramenta a lingua do país. Unha iniciativa pioneira no Corgo e nos concellos da contorna que debido á alta participación, á calidade dos traballos e á valía do xurado estase a converter nun certame literario recoñecido a nivel galego. As bases do certame son as seguintes:
1. Temática e idioma: A organización do certame non quere limitar a imaxinación dos autores. A única norma é que a obra se redacte en LINGUA GALEGA.
2. Categorías:
– CATEGORÍA INFANTIL (dos 10 aos 14 anos).
– CATEGORÍA XUVENIL (dos 14 aos 18 anos).
– CATEGORÍA ADULTOS (maiores de 18 anos).
3. Modalidades:
– POESÍA (de 30 a 60 versos).
– RELATO CURTO (de 3 a 6 folios escritos a dobre espazo).
NOTA: A categoría infantil non ten límite de espazo inferior, pero si superior.
4. Presentación: cada participante poderá presentar varios traballos (non premiados noutros certames literarios). Entregaranse mecanografados (non é necesario na categoría infantil) indicando a categoría, modalidade, título e pseudónimo e achegando nun sobre pechado a información persoal: nome, apelidos, data de nacemento, enderezo e teléfono de contacto. Remitiránse ao seguinte enderezo: A. C. Arumes do Corgo. Antigas escolas do Corgo s/n, 27.163 O Corgo (Lugo).
5. Prazo: o prazo de entrega rematará o día 26 de novembro de 2010.
6. Premios: para cadansúa CATEGORÍA establécense 1º e 2º premio de poesía, e tamén 1º e 2º premio de relato.
Cada premio consiste nunha figuriña de cerámica do país, un lote de libros e o correspondente diploma.
7. Xurado: estará composto por membros da Xunta Directiva da Asociación, profesores de lingua galega e por profesionais de recoñecido prestixio do mundo das letras.
8. Entrega de premios: a cerimonia de entrega de premios realizarase o sábado, día 18 de decembro de 2010 no centro sociocultural do concello do Corgo acompañada de actuacións e de varias sorpresas.
9. Non premiados: Os traballos non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas no prazo dun mes despois do fallo, se os/as autores/as non o solicitan.
10. Outros: A presentación ao premio supón a conformidade coas presentes bases por parte dos/as concursantes. A Asociación Cultural Arumes resérvase todos os dereitos de publicación das obras premiadas (en papel, CD ou mediante internet).
Máis información neste enlace.