Areal-Berres (A Estrada): presentación de Maxina ou a filla espuria, de Marcial Valladares

A Coruña: presentación de Cultura e política na Galicia do século XX, de Ramón Villares

O martes 22 de xuño, ás 19:00 horas, na Fundación Luís Seoane da Coruña, preséntase o libro Cultura e política na Galicia do século XX, de Ramón Villares, publicado por Galaxia. Acompañando o autor, asistirá Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega. Para as persoas interesadas, recoméndase reservar praza no seguinte teléfono: 981 21 60 15 (reserva de entradas por persoa: 2).

Xela Arias ten a súa rúa en Sarria

Desde Cultura Galega:
“Segundo se achega o Día das Letras Galegas multiplícanse as homenaxes a Xela Arias. Este 2 de maio foi a quenda da vila de Sarria, onde a poeta pasou a súa infancia. Un acto inaugurou a rúa que a partir de agora levará o seu nome, ata o momento coñecida como Rúa de José Antonio Primo de Rivera. Ademais deste espazo, situado nas proximidades da casa dos avós da autora, o Concello instalou tamén unha placa de lembranza á homenaxeada no Día das Letras e mais un retrato mural realizado polo artista Mon Devane no xardín da Capela de San Lázaro. O acto contou coa presenza do presidente da RAG Víctor F. Freixanes canda a membros da corporación.”

Freixanes, ante os datos de competencia lingüística: “Algo está a fallar, non miremos para outro lado”

Desde Nós Diario:
“O presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, renovou o seu mandato á fronte da institución cunha chamada á responsabilidade dos poderes públicos e á sociedade ante a situación do idioma entre a mocidade, especialmente polos desequilibrios de competencia e coñecemento detectados nas contornas urbanas: “Algo está a fallar, non miremos para outro lado”, afirmou.
A Academia deu a coñecer o resultado dun rigoroso e profundo estudo sociolingüístico no que analiza o grao de competencia en galego e en castelán co que o alumnado remata os seus estudos no ensino secundario obrigatoria.
O informe reflicte un acusado desequilibrio, especialmente nas contornas urbanas. A pesar de que o alumnado galegofalante mostra un dominio similar en ambos idiomas, máis do 35% do estudantado castelanfalante presenta unha escasa competencia no idioma propio da Galiza.
Do mesmo modo, o documento constata a maioría de uso do castelán entre a mocidade. Así, o 70% das e dos participantes responderon que falan única ou preferentemente en castelán fronte a un 30% que se comunica en galego de forma prioritaria.
Nunha entrevista concedida a Europa Press, o escritor e docente reivindicou o papel exercido pola Academia para, a través deste tipo de investigacións e estudos, “chamar a atención” sobre “aqueles aspectos que deben ser reforzados”. Pola contra, lembrou que a institución “realiza propostas” na medida das súas posibilidades, mais a execución das medidas “depende da iniciativa civil e da iniciativa política”.
“Hai un universo de persoas e institucións que teñen que comprometerse, a lingua é algo de todos”, advertiu, para matizar que a potestade para regular a política lingüística do territorio está nas mans do Goberno galego. “Creo que hai que facer unha reflexión, que algo non estamos a facer ben”, considerou respecto diso.
O presidente da Academia insiste en que as cifras evidencian unha realidade moi clara: que boa parte dos “futuros cidadáns galegos” sae do sistema educativo sen competencia en ambos os idiomas e “sobre todo nos ámbitos urbanos”.
Neste sentido, instou a non mirar “para outro lado” ante a evidencia de que as formulacións unánimes plasmadas na Lei de Normalización Lingüística “non se cumpren” na actualidade coa normativa e o modelo implantado pola Xunta nos centros de ensino.
Outro dos membros do seu equipo e un dos impulsores do estudo, o académico Henrique Monteagudo, tamén advertiu esta semana de que o cambio na lexislación realizado polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo, coa implantación do sistema plurilingüístico desde 2010 e a supresión da discriminación positiva do galego nos centros, acentuou aínda máis ese desequilibrio a favor do castelán.
Freixanes sinalou que “moitos pais denuncian” en zonas como Ames, Brión ou Bertamiráns que os seus fillos volven da escola “falando en castelán” e que “deixan de falar galego”, a pesar de ser a lingua coa que foron educados na casa e coa que os seus proxenitores se comunican con eles. (…)”

Tres mulleres de Ourense, Lugo e Tui gañan o IV Concurso de microrrelatos da Real Academia e PuntoGal na categoría de adultos

Desde a Real Academia Galega:
“O xurado de adultos, composto polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o presidente e o director xeral de PuntoGal, Manuel González González e Darío Janeiro; a académica Chus Pato e a xornalista Alba Tomé, decidiu conceder o primeiro galardón á historia titulada Non te gastes. A autora é a ourensá Paloma de Toro, profesora de inglés de profesión. Luca Chao Pérez, investigadora en ciencias sociais e profesora en prácticas de Historia, fíxose co segundo premio con Aves de paso, un relato de 113 palabras; e María Cabaleiro Alfaya, bióloga residente en Salceda de Caselas e investigadora predoutoral no campo da micoloxía, gañou o terceiro premio cunha historia de 198 palabras titulada Sara.
O xurado declarou ademais finalistas Insomnio, un relato de só 30 palabras asinado por Marta Isabel Villar Rodríguez (Malpica, 1973), xornalista de profesión; e Euloxio, de 200 palabras, co que concorreu Iria Ramos Mesía (Valdoviño, 2000), estudante de Xornalismo.
As persoas premiadas recibirán diferentes premios tecnolóxicos, libros e, no caso dos primeiros e segundos premios das categorías de adultos e xuvenil, un dominio .gal gratuíto durante un ano. A Real Academia e PuntoGal publicarán os textos seleccionados nas súas páxinas web e en relatos.gal, a páxina do concurso, onde se ofrece toda a información sobre a convocatoria. Luzes tamén os reproducirá e agasallará as gañadoras na modalidade de adultos cun lote de publicacións da revista, onde tamén se publicarán os relatos finalistas non premiados.”

O pleno da Real Academia Galega reelixe a Víctor F. Freixanes presidente

Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega reelixiu o sábado 24 de abril a Víctor F. Freixanes como presidente da institución con 17 votos a favor e 3 abstencións. Acompañarano na nova comisión executiva Margarita Ledo Andión como secretaria, Fina Casalderrey na tesouraría, Marilar Aleixandre no posto de arquiveira-bibliotecaria e Henrique Monteagudo na vicesecretaría. O equipo traballará nun proxecto de continuidade centrado no reforzamento do labor científico da RAG e da súa proxección social, pensando especialmente na promoción da presenza activa do idioma entre a xente nova. “A forza da Academia reside na súa condición de institución centenaria, na solvencia do seu traballo científico, centrado fundamentalmente na lingua, no seu compromiso insubornable coa cultura e co idioma do país, mais tamén na capacidade que teña para comunicar ese labor, poñéndoo ao servizo da sociedade”, salientou Víctor F. Freixanes ante o pleno.
Víctor F. Freixanes foi elixido presidente por primeira vez en marzo de 2017. O equipo de goberno que o acompañará nesta nova xeira reafirma o compromiso coa presenza cada vez máis activa das mulleres na RAG e será, por primeira vez na historia da institución, maioritariamente feminino. A catedrática de Comunicación Audiovisual e directora de cine Margarita Ledo Andión, arquiveira-bibliotecaria durante a presidencia de Xesús Alonso Montero, asumirá a secretaría ocupada ata o momento por Henrique Monteagudo, que continuará como vicesecretario. Seguirán tamén no equipo a ata agora tesoureira Marilar Aleixandre, desta volta como arquiveira-bibliotecaria, e Fina Casalderrey, que pasa a ocupar a tesourería. O presidente agradeceu a todos eles a súa implicación e tivo palabras de especial gratitude para Andrés Torres Queiruga tras completar oito anos no posto de vicesecretario.
Na exposición do seu proxecto ante o pleno, que se desenvolveu presencial e telematicamente, Víctor F. Freixanes expresou a súa preocupación pola perda de falantes, sobre todo entre as novas xeracións. Insistiu así na necesidade de seguir avanzando nos proxectos que teñen a mocidade como protagonista, tanto para avaliar os problemas de transmisión xeracional do idioma e formular propostas de actuación como para promover o seu uso e o mellor coñecemento. Nesta liña, nos vindeiros catro anos seguirase a procurar colaboracións con novos creadores audiovisuais, como as desenvolvidas nos proxectos Novas voces para a lingua ou a serie documental Xela Arias. A palabra esgazada; e a creación de espazos de divulgación da riqueza lingüística na Rede, entre outras iniciativas, ademais de avanzar en experiencias como a plataforma colaborativa de recollida de microtopónimos Galicia Nomeada ou o Portal das Palabras. “A lingua, en todas as súas manifestacións e demandas, é o noso principal activo. A súa continuidade nas novas xeracións de falantes, non coma un elemento arqueolóxico nin exclusivamente sentimental, senón como algo operativo, rendible cultural, social e economicamente, é un desafío que nos compromete e no que cómpre afondar”, concluíu.
A RAG seguirá igualmente a traballar na proxección exterior do galego e tendendo pontes con outras linguas e culturas próximas, moi principalmente coa área lusobrasileira; e no fortalecemento das relacións con outras academias e institucións análogas na procura de obxectivos comúns.
A maior visibilización do traballo dos distintos seminarios da Academia, a posta en marcha do dicionario en liña castelán-galego e os traballos de dixitalización de fondos históricos do arquivo e a biblioteca da RAG e das publicacións propias serán tamén parte das actuacións estratéxicas do mandato que comeza. A institución confía ademais en afrontar neste período a rehabilitación da súa sede, na rúa Tabernas da Coruña, de acordo co proxecto financiado polo Ministerio de Cultura.”