Víctor F. Freixanes, elixido novo presidente da Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega (foto: RAG):
“O Pleno da Real Academia Galega, reunido o 28 de marzo en sesión extraordinaria, apoiou a candidatura á Presidencia da institución de Víctor Fernández Freixanes. O académico obtivo a maioría necesaria para saír elixido, con 18 votos a favor e 1 en contra.
No mandato que inicia, o décimo quinto presidente da institución estará acompañado por unha comisión executiva integrada por Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga, que continúan como secretario e vicesecretario, e Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, que ocuparán os cargos de tesoureira e arquiveira-bibliotecaria, respectivamente, desempeñados na executiva anterior por Rosario Álvarez e Margarita Ledo Andión. Mantense así a mesma proporción feminina, unha cuestión non menor, apuntou o novo presidente ante o Pleno no seu discurso, no que salientou que a RAG debe fomentar a incorporación de máis mulleres.
A candidatura de Víctor F. Freixanes, a única formalizada para optar á Presidencia, fora rexistrada o pasado venres, 24 de marzo, subscrita por Margarita Ledo Andión, Antón Santamarina e o seu predecesor na Presidencia, Xesús Alonso Montero, para quen tivo palabras de especial recoñecemento.
A executiva entrante márcase dúas grandes liñas de traballo, unha de carácter interno e outra centrada na proxección social da Academia. Canto á primeira, Víctor F. Freixanes defendeu a necesidade de manter un “clima de transparencia interna” para superar unha “etapa delicada”. Nesta liña, comprometeuse a “facer todo o esforzo posible para avanzar no camiño do encontro, na construción dese clima necesario para podermos compartir os proxectos de futuro, considerando a lexítima discrepancia unha riqueza”.
No tocante á proxección cara á sociedade, salientou que a RAG debe atender, de acordo cos seus propios estatutos, dúas dimensións principais: a do estudo da lingua, mantendo o “servizo á cidadanía” fornecéndoa de recursos, determinacións e traballos a prol do coñecemento e uso normalizado do idioma; e a dimensión da dinamización social, “levando a causa do idioma galego, a súa práctica e a súa estima a todos os estamentos sociais e a todos os ámbitos xeracionais”. (…)”

Entrevista a Víctor F. Freixanes no Diario Cultural

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
““Estamos instalados nunha banalidade do consumo que nos está empobrecendo aceleradamente e que vai ter, ou pode ter, consecuencias políticas graves”. Logo de trinta anos dedicado ao mundo da edición Víctor Freixanes deixa a dirección de Galaxia e a actividade profisional neste ámbito. Pode accederse á entrevista aquí.”

Víctor Freixanes: “Este é un país demograficamente pequeno que fai milagres”

Entrevista a Víctor Freixanes en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como se ve Galaxia fóra de Galaxia?
– Víctor Freixanes (VF): Realmente non me sinto fóra de Galaxia porque sigo sendo conselleiro, presidente da Fundación Otero Pedrayo, codirector de Grial e, ademais, participo moito neste proceso de transición que capitanea Francisco Castro. Síntome moi satisfeito de como unha empresa produce os seus propios mecanismos de renovación, que é do que se trata.
– VF: ¿Non lle quedou nada por facer?
– FC: Recollendo e ordenando os papeis con Francisco [Castro] atopamos a memoria que eu escribín cando cheguei no ano 2002. Do que era debuxar aquela realidade a hoxe cambiaron moitas cousas. Con todo, as grandes preocupacións e as liñas estratéxicas da editora que hoxe seguen vixentes estaban xa escritas nese momento. O cambio das tecnoloxías, os novos hábitos de consumo da sociedade lectora, as novas demandas das novas xeracións… Iso obriga a que a empresa editorial estea continuamente lendo a sociedade e transformándose.
– VF: ¿Que retos lle agardan a Francisco Castro?
– FC: Para min os novos desafíos que ten Galaxia son o cambio xeracional de hábitos de consumo da cultura, onde o libro está vivindo un momento de transformación, non me atrevo a dicir crise, porque non é certo, nunca se leu tanto como agora, nunca se produciu tanto libro como agora. Hai que traballar o mundo da lingua e da lectura. A lingua galega ten problemas que non temos solucionado. Despois están as novas tecnoloxías, o mundo xa non é Vigo, A Coruña, Lugo e Ourense, o mundo é o mundo mundial. Con iso ti tes que competir dende a propia identidade dun país. (…)”