Arquivos da etiqueta: Virxilio Rodríguez Vázquez
Virxilio Rodríguez gaña o Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta
Desde Nós Diario:
“A obra Off the record, do profesor de Dereito Penal Virxilio Rodríguez Vázquez, gañou a sexta edición do Premio Xosé Neira Vilas de novela curta. Así o acordou por unanimidade o xurado deste galardón, reunido na tarde do sábado 30 de outubro no Pazo de San Roque, en Compostela.
O xurado -composto polos membros da Fundación Xosé Neira Vilas Juan Andrés Fernández, Henrique Neira e Fernando Redondo, así como polo crítico literario e profesor universitario Armando Requeixo– destacou a estrutura da obra ao alternar o relato en primeira persoa e as informacións que achegan testemuñas nunha gravadora.
Ademais, quixeron resaltar a “pulcritude estilística” da historia de Off the record, que “avanza, imparable, até un sorprendente final”, segundo destaca nun comunicado a Fundación Xosé Neira Vilas.
Por outra banda, o xurado puxo o foco no “estimábel nivel de participación e a calidade de varias das obras presentadas”, o que confirma “a boa saúde” da que goza este certame.
O vencedor da sexta edición, Virxilio Rodríguez Vázquez, é profesor de Dereito Penal na Universidade de Vigo. Recibirá o premio esta terza feira, 3 de novembro, nun acto público na Casa do Romano de Vila de Cruces (Pontevedra), sede da Fundación Xosé Neira Vilas.
O galardón está dotado de 1.000 euros e a obra seleccionada será publicada a través de Edicións Embora.”
Estíbaliz Espinosa gaña o certame Modesto R. Figueiredo
Desde La Voz de Galicia:
“A escritora coruñesa Estíbaliz Espinosa resultou gañadora do certame galego de narracións breves Modesto R. Figueiredo, que se fallou en Ribeira. Despois de analizar as 39 obras que concorreron a esta cuadraxésimo quinta edición, o xurado decidiuse polo seu traballo, titulado 23 xeitos de inventar unha constelación. Tamén se concederon dous accésit, que foron a parar a mans de Yolanda Ceide Calviño, por Trinta minutos antes, e Virxilio Rodríguez Vázquez, por A primeira vista.
O rexedor ribeirense, Manuel Ruiz, foi o encargado de entregarlle o galardón, un cheque por importe de 1.000 euros, á escritora da Coruña, nun acto que contou coa presenza de Xosé Ramón Fandiño, o presidente da Fundación Pedrón de Ouro, que é a promotora deste certame considerado un dos referentes da literatura galega contemporánea. Os autores dos outros dous textos que foron distinguidos recibiron 400 euros. (…)
David Otero, que exerceu como secretario do xurado, leu a acta no salón de plenos da casa consistorial ribeirense. Xunto a el, encargáronse de revisar e valorar os textos presentados o propio Fandiño; o escritor ribeirense Antonio Piñeiro; Pablo Rubén Eyré, en representación do Pen Club de Escritores de Galicia; Agustín Agra, pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega; e José Carou, membro tamén do Pedrón de Ouro.
A entrega de galardóns contou coa asistencia de María Xosé Rodríguez, que se sumou en representación da familia de Modesto Figueirido. (…)”
Ourense: Ciclo de Literatura Infantil. Música e Poesía dende a primeira infancia, con Montse Rivera
A AELG colabora co Ciclo de Literatura Infantil. Música e Poesía dende a primeira infancia ao abeiro do convenio coa Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Todas as sesións comezan ás 17:00 horas na Sala multiusos Emilia Pardo Bazán do Edificio Facultades do Campus As Lagoas (Ourense). A inscrición é gratuíta. Para obter diploma deasistencia pódese contactar neste correo: imocino@uvigo.es
O Ciclo, coordinado por Isabel Mociño e Susa Herrera (Facultade de Ciencias de Educación, Campus de Ourense – Universidade de Vigo), comeza co seguinte relatorio, que desenvolverá a temática que se detalla a continuación:
5 outubro | Montse Rivera | A tradición oral nas aulas
Recollida da transmisión oral e versión musical.
Nesta sesión inaugural contarase coa presenza de:
- Sr. D. Valentín García, Secretario xeral de Política Lingüística.
- Vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.
- Decana da Facultade de Ciencias da Educación, Mar García Señorán.
- Isabel Mociño e Susa Herrera, profesoras da Facultade de Ciencias da Educación e coordinadoras do ciclo.
- Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG.
Obxectivos:
– Continuar co Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil iniciado en outubro de 2015 na Facultade de Ciencias da Educación (Ourense), que tivo unha media de asistencia a cada sesión de 100 persoas.
– Dar a coñecer estratexias, recursos e ferramentas para achegar a poesía e a música á infancia e adolescencia.
– Divulgar experiencias e producións de Literatura Infantil e Xuvenil galega da man das propias creadoras (autoras, ilustradoras), aspecto fundamental entre futuro profesorado da Educación Infantil e Primaria.
– Reforzar as carencias dos currículos académicos en materias específicas para o traballo coa poesía e a música na etapa da Educación Infantil e Primaria.
– Desenvolver coloquios/conversas coas creadoras participantes (autoras textuais, da ilustración, da música que acompaña os libros infantís…) para contrastar as liñas de creación das persoas participantes coa percepción que se ten da súa producción.
– Tomar conciencia entre o alumnado, mediadores e público en xeral da importancia de coñecer a literatura para os máis novos/as, saber recomendar as obras de calidade e sobre todo aquelas que promovan valores en positivo, entre eles a educación estética e musical.
– Visibilizar a poesía e a música para a infancia e adolescencia, incidindo en criterios de selección coherentes e acordes ao coñecemento da evolución histórica destas producións.
– Valorar o papel do profesorado e a escola como axentes dinamizadores, programadores e normalizadores culturais.