Santiago: V Bienal Literaria Internacional De pedra e de palabra

O venres 15 e sábado 16 de marzo, na Aula Seminario do Museo Centro Gaiás (Cidade da Cultura) de Santiago de Compostela, terá lugar a V Bienal Literaria Internacional De pedra e de palabra, organizado polo Centro PEN Galicia, coa colaboración da Fundación Cidade da Cultura. O programa é o seguinte:

Venres, 15 de marzo
11:30 hs.- Palabras de benvida: Xabier Castro Martínez (Director do Centro PEN Galicia).
11:45 hs.- Ramón Nicolás e Román Raña: Sobre pedras e poetas.
12:45 hs.- Massimo Saltafuso: In cammino fra le pietre della letteratura italiana. Presenta: Manuel Outeiriño.
13:30 hs.- Percorrido pola exposición Gallaecia Petrea.
17:00 hs.- Lecturas comentadas: Contan as pedras?.
Modera: Inma López Silva.
Interveñen: Clara Usón, Bieito Iglesias e Diego Ameixeiras.
18:30 hs.- Acto inaugural. Con Luís González Tosar (presidende do Centro PEN Galicia) e Jesús Vázquez Abad (Conselleiro de Cultura e Educación).
19:00 hs.- Luis Mateo Díez: Contar la vida. Presenta: Alfredo Conde.

Sábado, 16 de marzo
12:30 hs.- Músicas e palabras.
– Presentación de Sinfonía Atlántica. Antología general de la poesía gallega, edición bilingüe (Eneida, 2012). Palabras de Carlos Clementson (antólogo) e Miro Villar
– Recital poético con Xosé María Álvarez Cáccamo, Marica Campo, Manuel Forcadela, Luís González Tosar, Xulio L. Valcárcel, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xavier Seoane.
– Actuación do Grupo de música tradicional do AGADIC, formado por José Ramón Bugliot, Juan Carlos Rilo, Daniel Romero e Carlos Taboada.

Serxio Iglesias gaña o XXV Premio Eusebio Lorenzo Baleirón con Viaxe ao interior da fenda

“O libro orixinal Viaxe ao interior da fenda, do escritor de Corcubión Serxio Iglesias Rodríguez, resultou gañador da XXV edición do Premio de Poesía Eusebio Lorenzo Baleirón, que convoca o Concello de Dodro. O autor, nado en Bos Aires en 1966, actualmente profesor de Lingua e Literatura Galegas en Cee, mostrou unha «grande satisfacción» por acadar este premio que o xurado elixiu por unanimidade.
Coordinado nesta edición por Xabier Castro Martínez, director do Centro PEN Galicia, o xurado estivo composto por María Xesús Nogueira, Inma López Silva, Pura Prado e Bieito Iglesias. O xurado destacou do libro orixinal premiado a «capacidade para reescribir unha temática universal como é a perda, así como o coidado no rexistro poético, especialmente na selección léxica e na creación de imaxes». Asemade, quere deixar constancia da alta calidade dos 38 traballos presentados nesta edición, o que indica «o momento de grande vitalidade da poesía galega actual e da importante contribución do Premio Eusebio Lorenzo Baleirón ao prestixio e promoción das nosas letras», segundo declara o alcalde de Dodro, Valentín Alfonsín.
Na xornada do fallo, celebrada días atrás, os membros do xurado, acompañados de Manuel Lorenzo Baleirón, irmán de Eusebio, fixeron unha ofrenda floral na tumba do escritor no cemiterio de San Xián de Laíño. A entrega do premio, que ten unha dotación de 2.300 euros, terá lugar o vindeiro día 15 de decembro”. Desde La Voz de Galicia.

Lionel Rexes gaña o certame Minicontos de Outono

Luzada, un relato do mestre alfocense Lionel Rexes, é o texto gañador da segunda edición do certame literario Minicontos de Outono, promovido polo Centro PEN Galicia e LV. De Luns a Venres co patrocinio da Xunta de Galicia. Deste xeito, Rexes faise cun premio de 600 euros grazas a unha historia sobre o furtivismo na que a emigración e o humor teñen un papel moi importante. O segundo premio, dotado con 300 euros, recaeu en Fulgores feridos, un texto erótico protagonizado por dúas mulleres que se deixan levar pola paixón no seu lugar de traballo. Asina o relato a coruñesa Concha Parga, que tamén se dedica á docencia. Finalmente, o poeta e xornalista lugués José Sixto foi merecedor do terceiro premio, que conta cunha dotación de 100 euros, grazas ao seu miniconto A estrela que veu, onde aborda o drama do paro desde o punto de vista da inxenuidade infantil. Ademais, as tres pezas premiadas serán publicadas nas edicións, tanto impresa como dixital, do xornal gratuíto LV. De Luns a Venres. Nesta segunda edición, o xurado cualificador, que se reuniu o pasado 25 de xaneiro en Santiago, estivo composto polo presidente do Centro PEN Galicia, Luís González Tosar; o director de LV, Alfonso Riveiro (con voz pero sen voto); o xornalista e escritor Diego de Cora; o director do Centro PEN, Xabier Castro, e o xornalista Juan Méndez. Tras a súa deliberación, os membros do xurado quixeron salientar a abraiante acollida do certame, no que competiron máis de 200 orixinais chegados de toda Galicia e España e mais de países como Arxentina, Colombia, Venezuela, Alemaña ou Reino Unido. (…)” Vía Galiciaé.

Xosé Daniel Costas Currás gaña o X Premio de Poesía Novacaixagalicia, coa obra Monicreques

“A X edición do Premio de Poesía Novacaixagalicia, que organiza a Fundación Novacaixagalicia en colaboración co Centro PEN de Galicia, foi para Xosé Daniel Costas Currás. O poeta, nado en Moaña en 1981, impúxose entre os 71 participantes coa obra Monicreques. O xurado destacou “a aposta arriscada por unha estrutura autenticamente novidosa, a teatralidade da mesma, un ritmo e unha musicalidade singulares e unha plasticidade que vai máis alá das imaxes e cromías para construír un mundo poético e pletórico de modernidade, que non por iso deixa de lado a tradición”. Costas levará 12.000 euros e verá publicado o seu traballo na colección Arte de trobar. O presidente do Centro PEN, Luís González Tosar, Emma Pedreira, Ana Salgado, Edelmiro Vázquez Naval, Antón Pulido e Xabier Castro Martínez foron os compoñentes do xurado.” Vía Cultura Galega e Fundación Novacaixagalicia. Recollido tamén en La Voz de Galicia.

Silvia Álvarez gaña o certame Minicontos de Outono, promovido polo Centro PEN Clube e L-V

No ventre morno do río, unha crúa historia de Silvia Álvarez que agocha moitos segredos, resultou o relato gañador do primeiro premio do certame de Minicontos de Outono, que promoveron o Centro PEN de Galicia e LV-De Luns a Venres e que está dotado con 600 euros libres de impostos. O segundo premio, que ten unha dotación de 300 euros, recaeu en Controladores e calendarios, un texto do mestre pontevedrés José de la Torre Culler que aborda unha temática tan de actualidade como é o recente caos aeroportuario vivido en España. Finalmente, un orixinal e arriscado microtexto de Eugenio M. Alonso, Calcio, foi merecedor do terceiro premio, que está recompensado con 100 euros. Ademáis, as tres pezas recoñecidas serán publicadas nas edicións, tanto impresa como dixital, do xornal gratuíto De Luns a Venres. O xurado do certame, que se reuníu o pasado venres en Compostela no Centro PEN de Galicia, que preside Luís González Tosar, estivo composto polo escritor e xornalista Santiago Jaureguizar, o escritor Bieito Iglesias, a escritora e profesora da UVigo Rexina Vega, a profesora e tradutora Daniela Sotgiu, o director do Centro PEN Galicia, Xabier Castro Martínez, e os xornalistas Diego de Cora e Juan Méndez. Máis información en Galiciaé. Tamén aparece recollida esta nova en Galicia Hoxe, e ampliada posteriormente en Galiciaé.