Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Galiciaé:
“- Galiciaé (G): Fálenos deses outros proxectos…
– Xavier Rodríguez Barrio (XRB): Aparte de estar traballando na elaboración doutro poemario, que comecei dunha forma case paralela a este, e de desempeñar o cargo de coordinador de normalización lingüística na Deputación de Lugo; adiqueime á paixón que teño polo recitado, unha actividade que desempeñei xunto a Luciano Pérez. Xuntos fixemos unha montaxe musical moi moderna. Percorremos vilas e cidades de Galicia, Portugal; Madrid e Barcelona. Mesturábamos instrumentos como a zanfona recitando poesía moderna e contemporánea. Imaxínate o poema de Ferrín Magnolias recitado con instrumentación medieval. Tamén recitabamos outros autores como Manuel Cuña Novás, Tovar ou Manuel María, e mesmo os trovadores que foron homenaxeados no Día das Letras Galegas de 1998. Durante os anos 96, 97, e 98 recitamos unhas montaxes musicais cos clásicos e moitos dos contemporáneos; desde os precursores Curros, Rosalía… ata García-Bodaño e Manuel María. Son un grande amante dos recitais, é unha forma directa de facer chegar a mensaxe ao receptor. Prefiro que a xente escoite os meus poemas a que os lean. Baixo a miña opinión é a mellor maneira de divulgar a poesía, ademais cando publiquei o meu primeiro libro tiven a sorte coincidir dous grandes mestres nisto de recitar: Uxío Novoneyra e Carlos Oroza. (…)
– G: Como lingüísta, ¿como ve a saúde do galego na actualidade?
– XRB: A saúde do galego é boa comparandoa a cando eu comecei a escribir. Daquelas non había máis gramática que a de Ricardo Carvalho Calero e estaba en castelán: Gramática elemental del gallego común. E o único diccionario que había era o de Xose Luís Franco Grande, un tocho vermello publicado por Galaxia. Desde logo o avance é abismal a nivel de implantacion e saúde, o avance é infinitamente grandioso. Outra cousa e que a estas alturas, uns 30 anos despois da normalización lingüística debería haber un tipo de implantación máis avanzada da que hai. E desde logo o que o idioma estea baixo un constante sometemento aos vaivéns das lexislaturas dunha ou outra cor, facendo que unhas veces suba, outras baixe, outras oscile, outras quédase aí… É como o poema de Xosé María Díaz Castro, Un paso adiante i outro atrás, Galiza, / i a tea dos teus sonos non se move. Eu creo que o idioma ten que ser respeitado politicamente con independencia da cor que teña. É un apoio indispensable para a saúde perfecta, ideal e plena do idioma.”
Arquivos da etiqueta: Xavier Rodríguez Barrio
Xavier Rodríguez Barrio: “Din nos libros de texto que son un poeta raro: vivir apartado en Lugo sálvame dos problemas que hai nos gremios”
Entrevista a Xavier Rodríguez Barrio en Galicia Hoxe:
‘Foi así como comezou a moldear os versos de Calado testamento en 1995. Foron máis de quince anos de escrita a lume lento, nos que non renunciou ao verso libre e longo pero con ritmo nin ao pracer do recitado e á pulcritude lingüística co galego. “Cando comezamos a escribir non había dicionario nin gramática do galego. Eu nacín en Lugo capital e fun educado en castelán. Así que a miña preocupación máis profunda era recuperar formas perdidas da lingua para a linguaxe poética, o cal me valeu que me consideren nos libros de texto un poeta escuro e raro: vivo apartado en Lugo porque non teño carné de conducir. Pero iso permitiu que me salvara dos problemas que hai en todos os gremios e que me leve ben con poetas de Vigo ou A Coruña….”, argumenta.
O resultado é Calado testamento, un balance “amoroso, vital, da Terra, de Galiza como raíz”, pero non significa un punto e final senón unha obra de madurez. “O libro está dividido en tres partes nas que xogo con sensacións contraditorias. A primeira chámase En brazos da súa sombra, que xa no seu propio título fai referencia a connotacións positivas e negativas; a segunda parte, Tan inhóspita luz supón a vivencialidade da terra, un resumo do país onde vivimos e a derradeira parte Ningún regreso é unha volta ao que xa non existe, á infancia, a certas felicidades que non van volver”, comenta o autor. Para o autor lucense, a proba de que a literatura galega “evolucionou” reside nos “borbotóns” de novos escritores. “Antes eramos seis ou sete poetas que tiñamos como referentes a Ferrín, García Bodaño, Bernardino Graña, Arcadio López Casanova, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Novoneyra, Xosé María Díaz Castro ou Cuña Novás. Hoxe o 90 por cento das novas xeracións de escritores son profesores de galego ou xornalistas”, comenta.’
Xavier Rodríguez Barrio gaña o Premio de Poesía Cidade de Ourense, con Calado testamento
O escritor Xavier Rodríguez Barrio converteuse no gañador do XXVII Premio de Poesía Cidade de Ourense coa obra Calado testamento. O galardón está dotado con 6.000 euros e implica a publicación do libro coa editorial Espiral Maior. O xurado, integrado por Miguel Anxo Fernán-Vello, Soedade do Muíño, Fernando de Castro Blanco, membro do Grémio Literário de Vila Real e Edelmiro Vázquez Naval, emitiu o seu veredicto sobre as 48 obras presentadas a esta edición. (Xornal, La Voz de Galicia, La Región, El Progreso, Cultura Galega).
Lugo: actividades do martes 17 de maio na Feira do Libro
Comeza a Feira do Libro de Lugo (na Praza Maior), que abre o martes 17, con horario de 11:30 a 14:30 h. e de 17:00 a 21:00 h. O programa completo pódese consultar aquí.
As actividades máis destacadas do martes 17 son as seguintes:
– 18:30 h. Recital poético: Poetas de Lugo arredor de Lois Pereiro. Participan Xavier Rodríguez Barrio, Marica Campo, Isidro Novo, Xerardo Quintiá, Xosé Miranda e Manuel Xosé Neira.
– 19.45 h. Inauguración oficial. Actuación dun grupo de música tradicional galega, homenaxe da Federación de Libreiros de Galicia á Libraría La Voz de la Verdad polo centenario da súa fundación, e pregón inaugural a cargo da escritora e académica Margarita Ledo Andión.
A Coruña: Alberte Suras presenta o seu novo poemario
O vindeiro xoves 18 de xuño ás oito da tarde en Portas Artabras (rúa Sinagoga 22, na cidade vella da Coruña) terá lugar a presentación do libro de poesía Olladas dun intre de amor, do que é autor o escritor e profesor coruñés Alberte Suras. O acto contará coa participación do autor e de Felipe Senén, Henrique Rabuñal e Jacobo LLamas, director de publicacións da editorial Toxosoutos. Asemade recitaran poemas: Manuel Celso Matalobos, Xavier Rodríguez Barrio, Xulio López Valcárcel, Estíbaliz Espinosa e Diana Varela Puñal. Durante a presentación rendirase unha pequena homenaxe a Manuel María e Saleta Goy.