Crónica fotográfica do acto de Lectura de textos de Xela Arias, o 16 de maio, na Coruña

Estas son algunhas das fotografías do acto de Lectura de textos de Xela Arias na Coruña, que tivo lugar o 16 de maio, organizado pola AELG xunto á Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.

Queremos tanto a Xela

Xela Arias é a autora homenaxeada en 2021 polo Día das Letras Galegas.

Desde a AELG sumámonos a esta celebración animando a todas as persoas interesadas a colocaren nas redes sociais dúas fotos, unha dun libro de ou sobre Xela que lle tape a cara e outra co rostro ao descuberto e cun cartel/papel/folla de caderno/graffiti/liña de xiz ou outra superficie/material da súa invención coa expresión “Queremos tanto a Xela“.

Podedes etiquetar as vosas achegas co cancelo #QueremostantoaXela

Aproveitamos tamén para lembrar a homenaxe realizada o 29 de maio de 2004 á autora, e que pode verse aquí.

Actividades arredor de Xela Arias en centros de ensino das provincias da Coruña e Pontevedra

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza diversas actividades arredor de Xela Arias en centros de ensino das provincias da Coruña e Pontevedra.

Coa colaboración da Deputación da Coruña, durante os meses de abril e maio a AELG promove a organización de obradoiros literarios arredor da figura de Xela Arias en diferentes centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria da provincia da Coruña.
– En Educación Primaria son impartidos por Andrea Barreira, baixo o título de Cada día, a familia.
– En ESO e Bacharelato levan por título Xela Arias e a revista literaria, a cargo de Dúas gamberras e un micro.

Tamén están dispoñíbeis para toda a cidadanía dous Proxectos Didácticos elaborados por Beatriz Maceda Abeleira:
Xela Arias. A poesía como acción (Educación Primaria)
Xela Arias. A poesía como acción (Educación Secundaria e Bacharelato)

Así mesmo, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, a AELG promove tamén a organización de obradoiros literarios arredor da figura da autora homenaxeada no Día das Letras en diferentes centros de ensino de Educación Primaria e Secundaria desa provincia.
– En Educación Primaria son impartidos por Jesús Castro Yáñez, baixo o título de XELAPALABRA.
– En ESO son impartidos por Lara Dopazo Ruibal.

Homenaxes realizadas pola AELG a Xela Arias en 2014

Recollemos, a continuación, as actividades realizadas desde a AELG en homenaxe a Xela Arias en 2014:

Á procura de trazos que nos describan. Homenaxe a Xela en Vigo, o 11 de marzo, coa colaboración do IES Álvaro Cunqueiro (poden verse aquí dúas recensións en prensa).

Homenaxe da AELG a Xela Arias no Concello de Sarria, o 6 de setembro de 2014. A crónica fotográfica completa pode verse aquí.