Libro aberto, programa do mércores 8 de abril

Esta semana visita o programa Libro aberto da Televisión de Galicia o poeta, ensaísta e crítico de arte Xavier Seoane. O autor falará do seu poemario máis recente Do ventre da cóbrega, nunha entrevista gravada na Imprenta Litonor, en Santiago de Compostela.

A reportaxe semanal estará dedicada ao Premio Literario San Clemente, outorgado polos lectores máis novos. Estudantes de diferentes institutos galegos conseguiron que un autor como Haruki Murakami viaxase a España por primeira vez para recoller este galardón. Ademais, o programa inclúe unha conversa en Noia co escritor Xerardo Agrafoxo, que falará da súa última novela O violinista de Malá Strana.

Na sección de crítica literaria Xabier del Valle-Inclán falará do libro de Xosé Ramón Barreiro Fernández O carlismo galego, que agora reedita Laiovento. Despois, Luis Alonso Girgado, especializado en literatura hispanoamericana comentará a obra Purgatorio, do autor arxentino Tomás Eloy Martínez, novela editada por Alfaguara. A lectura desta semana corre a cargo de Xosé Ramón Pena, que compartirá cos espectadores un fragmento da súa obra A batalla do paraíso triste. Para rematar, unha reportaxe sobre a publicación de Cantares Gallegos nunha edición bilingüe galego-xaponés revisada e ampliada da primeria tradución que no ano 2002 fixera Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica en Toquio.

Todo isto poderemos velo o próximo mércores 8 de abril á noite (00:45) na Televisión de Galicia. Tamén poden ver o programa na na G-2 (TDT) o venres ás 15:30 horas ou a través da súa páxina web.

Noia: presentación do libro O violinista de Malá Strana

O novo libro de Xerardo AgraFoxo, O violinista de Malá Strana, preséntase este venres 13 de marzo ás 20:30 horas no Coliseo Noela de Noia nun acto organizado pola Asociación Cultural Barbantia, a Editorial Galaxia e o Concello de Noia. Estarán presentes o autor, o director da Editorial Galaxia, Víctor Freixanes, o coordinador de Barbantia, Alberto Piñeiro, e a escritora Rosa Aneiros, e haberá ademais unha actuación do Grupo de Danzas Noela. A entrada é libre.

Cea “García Barros”

«Con posterioridade á entrega do Premio García Barros a Francisco Castro, o Concello da Estrada e Editorial Galaxia organizaron este ano, por primeira vez, unha Cea Literaria na que escritores, críticos e editores reflexionaron ao redor dun tema central relacionado coa obra premiada.

Os novelistas Xerardo AgraFoxo, Alfonso Álvarez Cáccamo, Francisco Castro, Manuel Darriba, Jaureguizar, Xosé Monteagudo, Antón Riveiro Coello, Séchu Sende e Anxos Sumai, na compaña do crítico literario Xosé Manuel Eyré e mais dos editores Víctor F. Freixanes e Carlos Lema, que se encargou de conducir o debate, mantiveron un coloquio sobre “Ficción e verosemellanza: da imitación da realidade á novela histórica”. […]» (Editorial Galaxia)

Festa das Letras en Boiro

Na Festa das Letras María Mariño en Boiro terán lugar as seguintes presentacións:

-As voces de María Mariño, libro-cd editado por La Voz de Galicia;
-Retrato dunha vida, creación audiovisual de Suso Xogaina;
-Versos que comezan, iniciativa de Barbantia na rede, homenaxe á poeta;
-Verba do tempo, espectáculo do grupo Ouriol con voz de Eva Veiga, música de Bernardo Martínez e Fito Ares, iluminación e escenografía de Alfonso Costa.

O acto contará coa participación das actrices Flor Maceiras e Rebeca Montero; Xosé Deira Triñanes, alcalde de Boiro; Tucho Calvo, escritor e xornalista de La Voz de Galicia; Antón R. Gallardo, historiador; Xerardo AgraFoxo, biógrafo da poeta; e Adolfo Muíños, coordinador de Novas Tecnoloxías de Barbantia. Será o vindeiro mércores 16 de maio, ás 20:30 horas, na Casa de Cultura “Ramón Martínez López” de Boiro.