Pontevedra: presentación de Unha morte lanzal. A traxedia do Bou Eva, de Julián Rodríguez Novo

O mércores 31 de maio, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9-11), de Pontevedra, o Ateneo e a Editorial Discursiva organizan a presentación do libro de teatro Unha morte lanzal. A traxedia do Bou Eva, de Julián Rodríguez Novo. No acto interveñen, xunto ao autor, Xesús Alonso Montero, Uxío Couto Carballido e Enrique Sánchez Sotelo.

Víctor F. Freixanes, elixido novo presidente da Real Academia Galega

Desde a Real Academia Galega (foto: RAG):
“O Pleno da Real Academia Galega, reunido o 28 de marzo en sesión extraordinaria, apoiou a candidatura á Presidencia da institución de Víctor Fernández Freixanes. O académico obtivo a maioría necesaria para saír elixido, con 18 votos a favor e 1 en contra.
No mandato que inicia, o décimo quinto presidente da institución estará acompañado por unha comisión executiva integrada por Henrique Monteagudo e Andrés Torres Queiruga, que continúan como secretario e vicesecretario, e Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey, que ocuparán os cargos de tesoureira e arquiveira-bibliotecaria, respectivamente, desempeñados na executiva anterior por Rosario Álvarez e Margarita Ledo Andión. Mantense así a mesma proporción feminina, unha cuestión non menor, apuntou o novo presidente ante o Pleno no seu discurso, no que salientou que a RAG debe fomentar a incorporación de máis mulleres.
A candidatura de Víctor F. Freixanes, a única formalizada para optar á Presidencia, fora rexistrada o pasado venres, 24 de marzo, subscrita por Margarita Ledo Andión, Antón Santamarina e o seu predecesor na Presidencia, Xesús Alonso Montero, para quen tivo palabras de especial recoñecemento.
A executiva entrante márcase dúas grandes liñas de traballo, unha de carácter interno e outra centrada na proxección social da Academia. Canto á primeira, Víctor F. Freixanes defendeu a necesidade de manter un “clima de transparencia interna” para superar unha “etapa delicada”. Nesta liña, comprometeuse a “facer todo o esforzo posible para avanzar no camiño do encontro, na construción dese clima necesario para podermos compartir os proxectos de futuro, considerando a lexítima discrepancia unha riqueza”.
No tocante á proxección cara á sociedade, salientou que a RAG debe atender, de acordo cos seus propios estatutos, dúas dimensións principais: a do estudo da lingua, mantendo o “servizo á cidadanía” fornecéndoa de recursos, determinacións e traballos a prol do coñecemento e uso normalizado do idioma; e a dimensión da dinamización social, “levando a causa do idioma galego, a súa práctica e a súa estima a todos os estamentos sociais e a todos os ámbitos xeracionais”. (…)”

José Alberte Corral Iglesias doará á RAG os seis mil libros da súa biblioteca persoal

Desde a Real Academia Galega:
José Alberte Corral Iglesias lega no seu testamento á Real Academia Galega os seis mil volumes que compoñen a súa biblioteca persoal. Así o anunciou nun acto no que, acompañado da súa dona, Dores Valcárcel Guitián, e do presidente da RAG, fixo entrega simbólica dunha pequena mostra da doazón que inclúe o álbum de Xaime Quessada Imaxen surreal de Galicia (1977). Xesús Alonso Montero agradeceu a decisión do doador e salientou que coa futura entrega dos seus libros a RAG pasará a custodiar “unha das bibliotecas marxistas máis importantes que hai en Galicia”.
José Alberte Corral Iglesias xustificou a escolla da RAG para esta doazón na defensa que a institución fai da lingua e da cultura galega, así como na importancia que esta tivo para el desde moi novo precisamente por ese motivo. “Para min a Real Academia Galega é unha institución de referencia desde a adolescencia, foi fulcral para a toma de conciencia cívica dos galegos (…). Con esta doazón quero contribuír á base do estudo e a investigación de cara ao futuro”, expresou.
O doador perdeu a súa primeira biblioteca persoal en Latinoamérica, onde marchou escapando da represión franquista. Refuxiouse no Chile gobernado por Salvador Allende, pero alí tamén sufriu a barbarie da ditadura. “Aquela biblioteca inicial queimáronma cando o golpe de estado”, recorda. Entre as páxinas destruídas polo lume figuraban primeiras edicións de hoxe clásicos galegos que lle acababa de enviar o seu pai nun baúl. Os seis mil volumes que pasará a custodiar a RAG tras o seu pasamento son os que foi mercando posteriormente, entre os que figuran algunhas edicións históricas de obras de Eduardo Blanco Amor ou Ramón Otero Pedrayo que conseguiu de regreso a Galicia en tendas de vello. Pero o que máis abonda nesta biblioteca son os títulos de ensaio e de literatura latinoamericana adquiridos durante os anos que viviu en Arxentina e Venezuela, con numerosos exemplares difíciles de atopar a esta beira do océano e non reeditados desde hai tempo, detalla.
José Alberte Corral é escritor e preside a Agrupación Cultural O Facho, á que leva décadas vinculado. A entidade, nada na Coruña en 1963, xogou un papel activo na defensa da lingua e da cultura galegas nos duros anos do franquismo. En 2012 O Facho doou á Real Academia Galega os fondos da súa biblioteca, ademais de numerosos cadros, unha importante colección de carteis e o seu arquivo documental.”