Texto de Ramón Nicolás na presentación de Nomes, de X. C. Domínguez Alberte

Desde o blogue Caderno da crítica, de Ramón Nicolás:
“O pasado sábado día 4 de setembro, no campo do Roucón (Escudeiros) presentei o volume Nomes, de Xoán Carlos Domínguez Alberte. Deixo aquí a miña intervención.

Bo serán. Grazas a todas as persoas que aquí estades convocados pola palabra, por un novo libro do noso veciño e amigo Xoán Carlos. Non pode haber, probablemente, mellor sitio para presentalo ca este porque, como é un lugar común, todo -ou case todo- o que escribe Xoán Carlos, está inspirado neste lugar, transloce esta realidade singular que ben coñecemos e, ademais, non me cabe dúbida ningunha de que o libro, malia estar dirixido ou pensado talvez como versos para infancia, está escrito para todos nós, teñamos a idade que teñamos. Quero, daquela, agradecer a vosa presenza e mais tamén facer fincapé na miña especial satisfacción e responsabilidade por ocupar este sitio para dicir unhas palabras limiares nesta presentación.
Nomes, este é o título do que libro que aquí nos xunta, editado por Galaxia cun fermoso e suxestivo corpus de ilustracións a cargo de Ana G. Buhigas. Dixen nunha ocasión, e reitéroo agora, que Xoán Carlos é unha persoa xenerosa, especialmente atenta a cultivar o espírito solidario, a ollar cos ollos ben abertos aquilo que ocorre ao seu arredor, a esculcar nas causas do que acontece, a defender naquilo no que cre e, ao tempo, é quen de transformar en discurso poético, isto é, decodifica en palabras, aquilo no que pon a súa ollada. En Nomes, malia que, en aparencia, estea incluído nunha serie de poesía para primeiros e primeiras lectoras, expón unha lectura na que hai un palmario desexo de reivindicación que establece desde a instancia dos “nomes”. Os nomes, como se sabe, identifícannos, fannos recoñecibles, outórgannos un sentido e un sentimento de colectividade e de identidade. Na liña dos seus precedentes Versos para conversar e Soneto no alfabeto, Xoán Carlos, nesta ocasión, obríganos a mirar a nosa realidade e a nosa contorna depositando especial atención nos topónimos, isto é, aos nomes de lugar. E non a unha toponimia calquera, senón á nosa, á que nos resulta familiar e próxima -como metáfora, sen dúbida, da toponimia galega en xeral-. A toponimia que recrea Xoán Carlos aquí ten un valor esencial: permite que nos sintamos afectivamente unidos, recoñecidos mesmo, na eufonía, nos sons que emitimos cando pronunciamos e, así, revivimos xa non só o lugar de cada topónimo senón a propia historia que atesoura. Tamén nos fai pensar este libro, por extensión, na deturpación que ás veces que se fai deles e nese esquecemento que deles se fai, probablemente non aquí, pero si noutros lugares onde a microtoponimia é a solución acaída e xusta para espazos que son transformados polas esixencias dos novos tempos, pero iso xa é fariña doutro saco.
Os que ensinamos, como podemos, literatura, transmitimos aos discentes un concepto que é o dos paratextos, isto é, todos aqueles elementos que, antes da lectura, posibilitan -se os ollamos con atención- dispormos de pistas para interpretar o que vén despois. No meu caso atendo tamén aos detalles das ilustracións, se as hai, e aquí hainas. Velaí, na cuberta, nesta interpretación acaída de Ana Buhigas, unha nena ou neno -tanto ten- acompañada dunha moza, unha fada de guedellas louras, que entendemos doadamente como unha fada polo peite que terma da man e que dirixe a nosa lectura á Peneda da Moura talvez; o neno ou nena que a acompaña ten un lapis, co que pinta palabras e deixa voar a imaxinación. O libro ten moito diso: atrapar as palabras e atender, tamén, ao marabilloso que nos rodea. Aínda hai máis nese paratexto: velaí topónimos cargados de significado para os que aquí estamos inseridos nunha segunda ilustración –O Ollo de Cabra, A Lavandeira, Arnoia, Figueiras– que son os camiños –algúns– dunha encrucillada cuxas direccións se nos convida a percorrer. Aínda hai máis: velaí a dedicatoria a Minia e Celtia, fillas do autor, probablemente nas que pensa Xoán Carlos ao escribir e aquelas que son as primeiras que escoitan os poemas porque, paréceme, son estes escritos especialmente para elas e a elas déixalle escrito: “tantas voces / tantas veces / en cada ollar / de herba e terra”. Aínda, previo ao seu primeiro poema, Xoán Carlos deixa escrito, abaixo, unha fermosa cita poética de Rosalía “unha herbiña que distraia a mirada” e que tan fransciscana e significativa tamén ao apuntar esa paisaxe natural que obxectiva coas súas palabras. É a unión coa tradición poética galega que tamén incorpora referencias e dialoga con Novoneyra, Manuel María, Cunqueiro ou Fole.
De todo isto, de reivindicación, de paisaxe, da forza que agochan os noso nomes hai, e ás mancheas, neste libro que hoxe aquí se presenta. O autor, como bo filólogo, como coñecedor asemade dos recursos que a propia lingua ofrece, articula xogos de palabras, sinestesias, xoga co fonosimbolismo que é xa un trazo caracterizador da súa obra. Cunha lingua rica e vizosa reconstrúe un mapa, que é o noso; realiza unha cartografía a través dos nomes que van da Cabrancada a A Abilleira, do Arnoia ao Abalaire, da Peneda da Moura á Corga de Filgueiró, da Levada á Auseira e descifra, en silencio e só con nomealos, os segredos e a historia que agochan eses lugares. Libro riquísimo tamén en referencias do mundo da fauna e da flora, que revela e pon en valor todo o que de telúrico hai neste territorio do que os topónimos encerran a súa memoria, mais tamén de vivido e sentido nos lugares que pisamos e andamos.
Convídovos, finalmente, a que vos fagades con este Nomes e a que disfrutedes coa súa lectura: un libro do noso veciño que, non teño dúbidas, tamén o escribiu para nós.”

Xoán Carlos Domínguez Alberte: “A toponimia forma parte do noso ADN, se non se bota man dela, perderase”

Entrevista a Xoán Carlos Domínguez Alberte en La Región:
“Escudeiros, no concello de Ramirás, é a referencia da antiga actividade mineira da zona do Arnoia e, aínda que o patrón parroquial é San Xoán, hai anos que os veciños instauraron no calendario unha celebración popular ao redor de Santa Bárbara (patroa dos mineiros) nos primeiros días de setembro. Unha festividade que tiña lugar esta fin de semana e que serviu para que un dos seus conveciños, o escritor Xoán Carlos Domínguez Alberte, presentase Nomes.
– La Región (LR): Que tal a acollida?
– Xoán Carlos Domínguez Alberte (XCDA): Como sempre que se xoga na casa, cos da casa, un gusto. Para este fin de semana viñeron ademais veciños de Málaga, de París. Nós non traemos á Panorama, a tradición é organizar unha comida na carballeira e pequenos actos culturais e literarios. Son un clásico en setembro. Por aquí pasaron Alonso Montero, Ramón Nicolás, os editores de Xerais e Galaxia…. Eu mesmo xa presentei outros libros antes.
– LR: Como definiría Nomes?
– XCDA: É un libro que fixen para reivindicar, dar vida e uso a nosa toponimia tradicional. Hai nomes propios e tamén universais do territorio galego, que están en Escudeiros pero tamén en outras aldeas galegas. A finalidade do libro, aínda que é para todo o mundo, é achegarlle a toponimia ao alumnado máis novo e urbano. Para que a coñezcan e a utilicen, porque forman parte da nosa identidade.
– LR: Está a toponímia na lista vermella?
– XCDA: Se non se bota man dela, claro que se perderá. Pasamos dunha sociedade agraria tradicional a unha no que o gandeiro está abandonado. Hoxe temos unha poboación maioritariamente urbana que non ten contacto co rural, e mesmo no rural, os meus alumnos que son da Baixa Limia, descoñecen moita da toponimia das súas aldeas. A miña proposta con este libro é transmitir eses nomes comúns que forman parte do noso ADN.
– LR: En que está traballando agora?
– XCDA: Pódovos adiantar dous proxectos. Por un lado estou traballando nunha escolma poética ao redor do patrimonio celanovés, non só do concello, senón da comarca. Somos dos máis fértiles e fecundos de occidente en materia poética. E, de cara ao mes de outubro, presentaremos un proxecto-libro na Casa dos Poetas con fotos e poemas que levará por nome Entrevistas. É unha dobre mirada sobre a realidade con imaxes de Juan Vila, un magnífico fotógrafo afeccionado e mestre na vila, e poemas meus.”

Ourense: actividades destacadas do 2 de xuño na Feira do Libro 2021