Arquivos da etiqueta: Xosé Lois Vilar Pedreira
De costa a costa: historias do mar que amamos: Polafía na Guarda, o venres 16 de novembro
O venres 16 de novembro, ás 19:30 horas, no Centro Cultural da Guarda (Rúa Rosalía de Castro, 14), e con entrada libre, terá lugar unha nova edición das Polafías, baixo o título De costa a costa: historias do mar que amamos, e onde participan:
– Carmen Baz, redeira.
– Xurxo Chirro, Aproximacións modernas ao patrimonio.
– Xosé Lois Vilar, Talasonimia, os nomes do mar en Galicia e Portugal.
– Praxíteles González Martínez, Cavaqueiro do Rosal.
– José Benito Rodríguez González, “Tito Chirro” (mariñeiro).
– Xerardo Santomé e Camilo, Treboada de Tomiño.
– Maria Aurora Botao Pereira, O nascimento da pesca en V. P. de Âncora e o contributo de A Guarda.
– Música: Tino Baz e Grupo de Pandereteiras Xamaraina.
– Rimas populares lidas por Isidro Novo.
– Presenta: Jose Font, director de Radio Tui.
– Colaboran: Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte…nas ondas! e Concello da Guarda.
– Co patrocinio de: Xunta de Galicia (Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria).
As polafías son un proxecto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), coordinado polo vogal de Literatura de Tradición Oral, Antonio Reigosa, e que conta coa colaboración de diversas asociacións e co patrocinio de institucións públicas.
A palabra polafía é un neoloxismo referido ás reunións ou veladas de carácter festivo con contidos literarios e musicais, e ten como obxectivo primordial o de poñer en valor e rescatar do esquecemento o valioso patrimonio oral, literario e musical, galego. O termo polafía quere reunir no seu significado o mellor dos diferentes matices e acepcións de vellas palabras (polavilas, fías, fiadas, fiandóns, seráns,…) con semellantes contidos. A principal diferenza, en canto ao desenvolvemento, daquelas xuntanzas de antigo co desta nova proposta é que agora podemos, e debemos, axudarnos das novas tecnoloxías, desde os aparellos de gravación, que favorecen o arquivo e estudo do recompilado, ata o uso de novas tecnoloxías, caso de internet, que poden contribuír a unha ampla difusión deste patrimonio.
O formato das polafías require a presenza dun mantedor, divulgador ou especialista que introducirá e comentará as principais características das pezas e xéneros literarios amosados, dun recitador de poesía anónima ou de autor de feitío popular; dun músico, que interpretará romances, coplas ou cantares de raiceiras tradicionais. Sen embargo, o elemento humano transcendental e imprescindible no desenvolvemento de cada polafía constituírano os homes e mulleres, narradores, cantadores, romanceadores…etc, veciñas e veciños de cada lugar onde se desenvolva a polafía, pois eles son os auténticos protagonistas, os que xenerosamente transmiten o seu saber.
O que suceda nas polafías será gravado e logo difundido a través da web da AELG. As polafías teñen unha duración aproximada de 90 minutos.
Pontevedra: presentación do libro-obxecto Cántico dos topónimos esdrúxulos, de Xosé María Álvarez Cáccamo
O xoves 17 de febreiro, ás 20:00 h., no Auditorio da Fundación Caixa Galicia de Pontevedra, nun acto organizado polo Ateneo desta cidade, preséntase o libro-obxecto Cántico dos topónimos esdrúxulos, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Acompañarán ao poeta o editor, Miguel Anxo Fernán-Vello, o arqueólogo Xosé Lois Vilar e o grupo musical Xardín desordenado, composto por Santiago Ferragud (voz, guitarra), Marlene Rodrigues (voz) e Isaac Garabatos (guitarra). Máis información en Galicia Hoxe.