Xosé Luís Méndez Ferrín será elixido hoxe presidente da Real Academia Galega

O xornal Galicia hoxe publica na súa edición do sábado unha entrevista con Xosé Luís Méndez Ferrín, que hoxe será elixido presidente da Real Academia Galega:

P: A RAG conta xa con máis de cen anos. Queda algunha áncora do pasado que haxa que soltar?

R: Non, non. Non queremos soltar amarra ningunha! (ri) Estamos precisamente moi ben amarrados á memoria histórica e aos obxectivos fundacionais da Academia, que pasan pola plenitude da lingua e da cultura galega. O que pasa é que cada época ten as súas necesidades e hai que darlles resposta: no caso da Academia, toca dalas no plano da lingua e no plano da cultura galegas.

P: Pois no plano da lingua xa deu a súa resposta: un suspenso rotundo ás bases do decreto. Cal é a postura persoal de Méndez Ferrín respecto do borrador?

R: A título persoal, eu coincido con todos os puntos da Academia, igual que a totalidade dos académicos. Foi aprobado xa non só por unanimidade, senón por aclamación (subliña esta última palabra).

P: Con que termo definiría ese borrador?

R: Creo que algún académico dixo “trapallada”… (ri) É algo así. É unha cousa que non ten solidez, que ten moitos defectos, non é satisfactorio para ninguén que queira defender o idioma e que queira frear o seu proceso de desaparición e descomposición. Así se viu nos apoios que recibiu a resposta da Academia.

[Ler entrevista completa]

Vigo: Homenaxe Nacional a Méndez Ferrín

Lembrámoslles que mañá venres 6 de febreiro é o día da Homenaxe Nacional a Xosé Luis Méndez Ferrín, coa presentación ás 20 horas no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vigo (rúa Policarpo Sanz, 26) do libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco Edicións e Edicións Xerais de Galicia, e a posterior cea en honor ao escritor ourensán.

Homenaxe Nacional a Xosé Luís Méndez Ferrín

O venres 6 de febreiro terá lugar en Vigo o acto de Homenaxe Nacional a Xosé Luís Méndez Ferrín co gallo do seu 70 aniversario. Será no Auditorio do Centro Social Caixanova de Vivo (rúa Policarpo Sanz, 26) ás 20 horas e con entrada libre, e durante o mesmo presentarase o libro A semente da nación soñada. Homenaxe a X.L. Méndez Ferrín, coeditado por Sotelo Blanco Edicións e Edicións Xerais de Galicia.

Tralo acto de homenaxe haberá unha cea no Pazo Os Escudos (Avda. Atlántida 106, Alcabre, Vigo) a partir das dez da noite. Os interesados en asistir á cea deberán ingresar 35€ por persoa na conta de Caixanova número 2080 / 0065 / 36 / 0000388555, antes do 30 de xaneiro de 2009. Para acceder á cea é requisito imprescindíbel a presentación na entrada do restaurante do xustificante do pagamento.

Celanova: I Encontros de poesía nova

En Celanova (Casa dos poetas, Celanova), entre o 18 e o 19 de xullo do 2008, terán lugar os primeiros ENCONTROS DE POESÍA NOVA, no contexto do centenario de Manuel Curros Enríquez.
Entre os participantes figuran César Antonio Molina, Luis Alberto de Cuenca, José Antonio de Ory, Miguel Anxo Fernán-Vello, Helena de Carlos, Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa, Baldo Ramos, Paulino Vázquez, Cecilia Quílez, Berta Dávila, José Ramón Trujillo, Emilio Ruiz Barrachina, José Manuel Lucía Megías, Justo Bolekia, Javier Pérez Vazo, Basilio Rodrígez Cañada e Xosé Luis Méndez Ferrín. O encontro finalizará co espectáculo poético-musical QUEN PUDERA CONVOSCO VOAR, sobre a obra poética de M. Curros Enríquez, pola Compañía teatral Casahamlet e con dirección de Manuel Lourenzo e Santiago Fernández.

Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Outeiriño, e Xosé Viale Moutinho recitarán en Celanova

Mural do FurrioloO domingo 26 de agosto, ás 12:00 horas no Alto do Furriolo (A Bola), terá lugar o acto poético e musical de homenaxe ás vitimas da represión franquista, con especial lembranza de Elixio Rodríguez e César Álvarez e inauguración da segunda fase do Mural do Furriolo.
Neste acto van falar Anxo Quintana (vicepresidente da Xunta de Galicia), Xosé Vizoso (deseñador do monumento ás vítimas da represión franquista no Furriolo), Eudosio Álvarez (neto de César Álvarez), un representante da familia de Elixio Rodríguez e Aser Álvarez, presidente da Asociación Arraianos.
A continuación haberá un recital poético que vai contar coa intervención de Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel Vidal Villaverde, Manuel Outeiriño, e José Viale Moutinho. (Asociación Arraianos)

Méndez Ferrín homenaxeado n’ “A casa dos poetas”

«A Fundación Curros Enríquez Casa dos poetas celebrará o sete de setembro o setenta cumpreanos de Xosé Luís Méndez, o candidato de Galicia ao Premio Nobel de Literatura desde hai varios anos. A homenaxe, incluída no programa da fundación de Celanova até finais do verán, consta dun recital poético baseado en distintos textos do autor.» (Galicia-Hoxe.com)