Pontevedra: actos destacados do venres 8 na Feira do Libro

O Feira do Libro de Pontevedra 2016venres 8 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, con horario de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), organizada pola Federación de Librarías de Galicia, cos seguintes actos literarios destacados:

19:00 h. Xesús Constela asinará exemplares das súas obras na caseta da Libraría Paz.
20:00 h. Arantza Portabales presentará a súa novela Sobrevivindo, publicada en Galaxia. No acto estará acompañada por Xosé Monteagudo.

Vigo: presentación de Os kowa, de Xavier Queipo

OXavier Queipo xoves 31 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Andel (Avenida das Camelias, 102), preséntase Os kowa, de Xavier Queipo, publicada en Galaxia, obra que obtivo o Premio Blanco Amor en 2015. No acto, xunto ao autor, participan Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Pontevedra: actividades do venres 17 na Feira do Libro

OFeira do Libro de Pontevedra 2015 venres 17 de abril continúa a Feira do Libro de Pontevedra (na Praza da Ferrería, de 11:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 h.), cos seguintes actos literarios destacados dentro do seu programa: Feira do Libro de Pontevedra 2015:

19:00 h. Xesús Constela asinará na caseta da Libraría Paz.
20:00 h. María López Sández presenta O faro escuro, publicado en Galaxia. Participarán, xunto á autora, Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Vigo: actividades destacadas do venres 30 de maio na Feira do Libro

O venres 30 de maio continúa a Feira do Libro de Vigo (na Praza de Compostela), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 17:30 a 22:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para eses días:

18:15 h. Sinatura de Miguel Ángel Alonso Diz na caseta da Libraría Andel.
19:00 h. Mesa redonda sobre Xosé María Díaz Castro. Intervirán no acto Armando Requeixo, Luís González Tosar e Víctor Freixanes.
20:00 h. Presentación do libro O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila, publicado por Galaxia. Xunto á autora, participan no acto Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Cuestionario Proust: Xosé Monteagudo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xosé Monteagudo:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– A constancia.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O sentido do humor.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– A preguiza nos asuntos cotiáns.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Vivir en familia, ocupado unicamente en ler e escribir sen ningunha preocupación económica.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A falta de saúde, propia ou dos que me rodean.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un escritor recoñecido.
9.– En que país desexaría vivir?
– Francia, talvez.
10.– A súa cor favorita?
– Roxa.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A buganvílea.
12.– O paxaro que prefire?
– O loro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Faulkner.
14.– E na poesía?
– Neruda.
15.– Un libro?
Os Buddenbrook.
16.– Un heroe de ficción?
– Julien Sorel.
17.– Unha heroína?
– Jane Eyre.
18.– A súa música favorita?
– O pop.
19.– Na pintura?
– Os impresionistas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Nelson Mandela.
21.– O seu nome favorito?
– Antía.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A arrogancia en todas as súas formas.
23.– O que máis odia?
– O fanatismo.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Franco, Stalin, Hitler (e outros por igual).
25.– Un feito militar que admire?
– A derrota da Alemaña nazi.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Unha oratoria brillante.
27. – De que maneira lle gustaría morrer?
– Durmindo, sen decatarme e a unha idade moi avanzada.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Serenamente optimista.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A pusilanimidade, se non procura a comenencia persoal.
30.– Un lema na súa vida?
– Fronte aos atrancos e adversidades, manter sempre a ilusión nos propios proxectos.”

Compostela: presentación de A lúa da colleita, de Anxos Sumai

O mércores 12 de marzo, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase A lúa da colleita, de Anxos Sumai, publicado en Galaxia. No acto, xunto á autora, participan Xosé Monteagudo e Carlos Lema.

Xosé Monteagudo: “O ideal para o poder é que quen sofre os recortes os xustifique como necesarios”

Entrevista de Montse Dopico a Xosé Monteagudo en Magazine Cultural Galego:
“- Montse Dopico (MD): O libro [O curioso mundo das persoas normais] baséase nun feito real. O caso dun home que vivira toda a vida nun hospital. O que ti escolles é, a partir desta idea, tentar comprender o noso mundo desde fóra del para evidenciar, se cadra, o absurdo que pode ser o que nos parece normal. Era esa a idea de partida?
– Xosé Monteagudo (XM): A idea de partida era a de contemplar a realidade desde un ángulo diferente. Esa posibilidade foi o que me atraeu da noticia. Pero non comecei a escribir a novela cunha idea predeterminada sobre o que ía contar e menos aínda que no seu conxunto se puidese extraer do relato a idea de que a realidade ten moito de absurdo. Creo que para un escritor non é bo coñecelo todo sobre a realidade que vai retratar. Estou convencido de que os apriorismos réstanlle vida propia á ficción. O escritor, cando escribe, tamén descobre. É algo que sempre teño moi presente. Tamén nesta novela, onde eu fun descubrindo a través dos ollos de Tomás, o personaxe, a realidade que lle tocou vivir e saquei con el as miñas propias conclusións. (…)
– MD: O protagonista abúrrese a primeira vez, e a única, que pasa unha fin de semana fóra do hospital. E o que observa é que as persoas normais están atrapadas, máis pechadas ca el. E crecentemente necesitadas de tranquilizantes. Se cadra este é o miolo da novela: apuntar a como vivimos pendentes de cousas absurdas. É así? En que sentido?
– XM: Probablemente eu, como autor, son a persoa menos indicada para contestar á pregunta de cal é o miolo da novela. Moitas veces os lectores fan unha interpretación das miñas novelas que non se corresponde coa visión que eu tiña do texto mentres o escribía. Pero esa interpretación do lector é tan válida coma a miña, e seguramente estará moito máis atinada ca a que eu teña. Porque o lector non está condicionado na súa interpretación por ideas previas e o autor, si. O lector ve o que hai no texto. O autor non pode deixar de ver o que quixo que houbese. Así que contestando á túa pregunta, a miña intención, á cal responde o propio título da novela, era suscitar no lector unha reflexión sobre a realidade dándolle un punto de vista diferente desde o cal contemplala. Que a conclusión a esa perspectiva que eu ofrezo sexa a que ti apuntas ou outra diferente, creo que non me corresponde a min afirmalo.
– MD: No estilo, hai certas conexións tamén coas novelas anteriores. A sinxeleza é un dos trazos. Que é o que procuras, cando concibes o estilo das obras?
– XM: Non sei moi ben o que é a sinxeleza en literatura. Sobre todo se trato de definila en relación co seu oposto. O contrario de sinxelo é complicado? Especificamente se falamos do estilo, ese contrario pode ser rebuscado, ampuloso, rechamante? De ser así, o meu estilo é certamente sinxelo. Aínda que eu prefiro falar de transparencia. O mellor estilo para min é aquel que non se interpón entre o lector e a historia. A credibilidade literaria dun relato creo que se esvaece se o estilo non se axusta ao que conta. E iso sucede tanto por exceso coma por defecto. O que procuro sempre é o lector se somerxa no relato e que avance na lectura da novela sen tropezar a cada paso coas palabras ou coas frases. O que dicía Flaubert do estilo, xustamente. Por suposto, conseguir iso, ou tratar de conseguilo polo menos, paréceme a tarefa máis difícil. Esixe corrixir moito e sacrificar ás veces frases máis brillantes pero menos efectivas para o desenvolvemento do relato. Alén do ritmo do fraseo, o que procuro en cada novela é dotar o narrador de personalidade de seu, dunha entidade que sen decatarse se grave na memoria do lector. (…)”

Moraña: presentación de O curioso mundo das persoas normais, de Xosé Monteagudo

O venres 8 de marzo, ás 20:00 horas, na Casa de Cultura Castelao de Moraña, preséntase O curioso mundo das persoas normais, de Xosé Monteagudo, publicado en Galaxia. No acto intervirán, xunto ao autor, Reis Camiña Castro, Carlos Lema, Marcos Seixo Pastor e Héitor Picallo Fuentes. O grupo de música galega As bruxas do Noroeste executará varias pezas posteriormente.