Entrevista de Santiago Jaureguízar a Xosé Ramón Barreiro en El Progreso:
“(…) – El Progreso (EP): Son consciente de que vostede non usa Twitter, pero hai uns días lía a varios usuarios recoñecendo que descubriran a importancia de Murguía grazas ao seu estudo.
– Xosé Ramón Barreiro (XRB): Murguía foi unha figura excelsa, non o digo porque o estudase, que o achegamento sempre aumenta o entusiasmo. Antes de comezar a facelo xa o tiña como o intelectual máis grande do século XIX. Era un escritor e un periodista extraordinario, e un gran traballador, que dignificou todo o que se refire a Galicia.
– EP: Por que unha biografía tan voluminosa?
– XRB: El quedara escurecido pola inxente figura da súa muller. Precisamente, a ausencia dunha biografía provocou que fosen aparecendo biografías coa intención de perseguir ao personaxe.
– EP: A que atribúe esa persecución?
– XRB: Uns, de Madrid, porque non participan do seu galeguismo. Outros, aquí, porque teñen unha concepción tan pechada do nacionalismo que non o valoran polo feito de que as súas obras están escritas en castelán ou por esa lenda de que as relacións con Rosalía non eran boas. Eu non intentei facer un panexírico. (…)”
Arquivos da etiqueta: Xosé Ramón Barreiro Fernández
A Coruña: presentación de Murguía, de Xosé Ramón Barreiro
O xoves 21 de xuño, ás 19:30 horas, na Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, preséntase Murguía, de Xosé Ramón Barreiro, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Xosé Luís Méndez Ferrín, Víctor F. Freixanes e Alberto Núñez Feijoo.
Vigo: sesión plenaria extraordinaria da Real Academia Galega
O xoves 17 de maio, ás 12:00 horas, na Fundación Barrié (Rúa Policarpo Sanz, 31) de Vigo, con motivo do Día das Letras Galegas, terá lugar unha sesión plenaria extraordinaria e pública da Real Academia Galega na Fundación Barrié, en Vigo (rúa Policarpo Sanz, 31), coas seguintes intervencións:
– Xavier Vence Deza.
– Manuel Rivas Barrós.
– Ramón Villares Paz.
– Xosé Ramón Barreiro Fernández.
– Xesús Alonso Montero.
– Pecha o acto o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luís Méndez Ferrín.
A Real Academia Galega “protesta firmemente” pola condena eclesiástica a Torres Queiruga
“A recente condena do traballo do teólogo Andrés Torres Queiruga pola Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe acaba de ser respondida desde a Real Academia Galega. A entidade, a sinalar o seu carácter aconfesional, considera que a condena eclesiástica supón “unha grave conculcación da liberdade de pensamento dun grande intelectual e escritor”. Ademais, considera o documento “unha intromisión escandalosa contra a que protesta firmemente”. O antigo presidente da RAG, Xosé Ramón Barreiro Fernández, xa sinalara en medios de comunciación o seu apoio ao teólogo, que é membro da Real Academia.” Vía Cultura Galega.
A Coruña: tertulia Isaac Díaz Pardo, in memoriam, con Xosé Ramón Barreiro
O xoves 2 de febreiro, ás 18:00 horas, na Casa-Museo Emilia Pardo Bazán (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, proseguen as tertulias mensuais Os Xoves da Rúa Tabernas, cunha nova edición baixo o lema Isaac Díaz Pardo, in memoriam, onde participará Xosé Ramón Barreiro, académico numerario da Real Academia Galega e presidente da mesma entre os anos 2001 e 2009.
A Coruña: entrega dos premios do XII Certame Literario Suárez Ferrín e conferencia de Xosé Ramón Barreiro
O martes 26 de abril, ás 20:00 h., na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, terá lugar o fallo do XII Certame Literario Suárez Ferrín sobre Valores Cívicos e Morais, adicado este ano a “Memoria histórica. Valor moral dun pobo”, seguido pola conferencia de Xosé Ramón Barreiro sobre A conflitividade social na Coruña na II República, organizada pola Fundación Instituto de Estudios Políticos y Sociales.
Santiago: exposición Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia
A exposición Ex libris Gallaeciae. Dos libros de Galicia está xa aberta, até o 25 de febreiro, no Arquivo da Cidade da Cultura de Galicia, reúne 83 libros, códices ou manuscritos considerados clave na construción da cultura galega. Trátase dunha escolma de “xoias bibliográficas” que en conxunto trazan un relato de como se construíu a cultura galega e que van desde os primeiros textos romanos que comezan a definir un territorio co nome de Callaecia ata o primeiro libro electrónico en galego. A mostra está composta por unha selecta escolma de pezas que, por diferentes motivos, definen momentos clave na historia de Galicia. Prestadas por bibliotecas, arquivos e coleccións privadas de Galicia e do resto de España, é a primeira vez que se conseguen reunir nunha mesma exposición, incluíndo mesmo algunha obra que ata o de agora nunca se amosou ao público. Comisariada polo historiador Xosé Ramón Barreiro, ex presidente da Real Academia Galega (RAG), e por Xosé Luís Axeitos, secretario desta institución, a mostra supón unha “biografía gramatical” de Galicia, ou o que é o mesmo a historia galega contada a través dos seus libros impresos, códices, crónicas manuscritas, mapas ou documentos máis senlleiros. Este é precisamente o sentido do nome da exposición. Os ex libris eran as marcas que se imprimían sobre o reverso dos libros para sinalar a pertenza a unha biblioteca ou a un autor. Trátase, polo tanto, “da colección de Galicia”, a que nos referencia e define como pobo. Máis información neste enlace. Polo momento, para visitala é preciso inscribirse no Programa de Visitas Guiadas á Cidade da Cultura na súa páxina web, onde se ofrecerá toda a información sobre días e horarios. Poráse en marcha ademais un servizo específico de visitas didácticas con guías e material específico.
Vilaboa (Culleredo): presentación de A Galicia heterodoxa, de Carlos Pereira
O mércores 17 de novembro, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía “Uxío Novoneyra“, sita no Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo (Avda. de Vilaboa nº 42), preséntase o libro A Galicia heterodoxa, de Carlos Pereira Martínez, publicado por Espiral Maior, inaugurando a súa nova colección O país das luces. No acto tomarán a palabra Celestino Poza, concelleiro de Cultura, Xosé María Barja, reitor da Universidade da Coruña, Xosé Ramón Barreiro Fernández, historiador e académico, Miguel Anxo Fernán-Vello, editor, e o propio autor.
Xosé Ramón Barreiro recibe o premio Trasalba defendendo a identidade galega
Xosé Ramón Barreiro, premio Trasalba 2010
O historiador e académico Xosé Ramón Barreiro, presidente da Real Academia Galega (RAG) ata o pasado mes de xaneiro, é o galardoado co Premio Trasalba 2010, que concede anualmente a Fundación Otero Pedrayo como recoñecemento á aportación de distintas figuras á cultura galega. O premio, que ten carácter honorífico, entregarase na festa literaria que se celebra este domingo na casa grande de Cimadevila, en Trasalba (Ourense).
Este é un galardón que pretende recoñecer a súa traxectoria ao servizo da cultura galega, na liña histórica que representa a memoria de Otero Pedrayo e a Xeración Nós, atendendo aos seus méritos como intelectual galeguista e, moi principalmente, como renovador da historiografía galega.
Máis información aquí.