Mona Imai e Alejandro Tobar fanse co premio Plácido Castro de Tradución

“OAlejandro Tobar xurado da décimo cuarta edición do premio Plácido Castro de Tradución acordou hoxe en Pontevedra recoñecer o labor dos tradutores Mona Imai e Alejandro Tobar.
A xaponesa Mona Imai concorreu nesta edición cunha tradución da obra Botchan, novela do escritor e poeta nipón Natsume Soseki, publicada por primeira vez en 1906. N. Soseki é o pseudónimo literario de Natsume Kinnosuke (1867-1916), profesor de literatura inglesa, escritor de haikus e de poesía chinesa. Botchan baséase na experiencia do propio autor como docente e narra as aventuras dun profesor natural de Tokio e que choca coa xente de provincias coa que convive. Trátase dunha das obras máis populares e lidas en Xapón nos últimos cen anos.
Alejandro Tobar concorreu coa tradución O forasteiro misterioso, de Mark Twain, a derradeira novela que intentou realizar este autor estadounidense. O centro da obra é un comentario social que aborda as súas ideas acerca do sentido moral.
O xurado destacou, no caso da tradución de Mona Imai, a sutileza e a capacidade para traer para o galego unha obra creada nunha cultura distante como a xaponesa, e tamén, no caso de Alejandro Tobar, a viveza do estilo e a naturalidade da lingua que leva a un pracer lector certamente estimable.
Integraron o xurado desta edición: Susi Castro Sineiro (Fundación Plácido Castro), Carlos Arias Iglesias (Xunta de Galicia), Camiño Noia Campos (Asociación de Tradutores Galegos), Xosé Antón Palacio (Departamento de Tradución da Universidade de Vigo), Antón Santamarina (Real Academia Galega) e Xulio Ríos (Director do IGADI), quen actuou en calidade de Secretario do xurado, con voz pero sen voto.

Pontevedra, 3 de Xuño de 2015.”

Coñécense os finalistas dos Premios Ánxel Casal da Edición de 2013

Desde a Asociación Galega de Editores:
“A Asociación Galega de Editores convoca anualmente os Premios Ánxel Casal da Edición en galego, galardóns que pretenden recoñecer o traballo realizado polos editores galegos ao longo do ano. A presentación de candidaturas e a primeira votación é realizada polos editores e, posteriormente, de entre os libros e proxectos finalistas, o xurado delibera e decide os premiados de cada unha das categorías.
O pasado día 14 de febreiro tivo lugar o reconto e traslado do resultado correspondente aos libros editados en galego durante o ano 2013 e o 17 de febreiro foille comunicado ese resultado aos editores e aos integrantes do xurado.
Do proceso resultaron finalistas:
Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013: Acordes náufragos, de Antón Riveiro Coello; O derradeiro libro de Emma Olsen, de Berta Dávila; O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro, editados por Galaxia; O elefante branco, de Xesús Fraga editado por Tambre e A memoria da choiva, de Pedro Feijoo e Matarte lentamente, de Diego Ameixeiras, editados por Xerais.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013 resultaron finalistas: Sobre ruínas, de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos; Espiral de sombras, de Xavier Seoane, editado por Kalandraka e Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, editado por Xerais.
Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro, de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos; Corasons, do Colectivo Corasons, editado por Kalandraka; Historia da Música en Galicia, de Lorena López Cobas, editado por Ouvirmos; e Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos Tradicionais, de Antón Cortizas, editado por Xerais.
Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xavier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia; Un ianqui na corte do rei Artur, traducido por Carlos Acevedo, editado por Kalandraka; Tonino, traducido por Yolanda Castaño, editado por OQO; A arte da Guerra de Sun Zi, traducido por Xulio Ríos e editado por Teófilo Edicións; Eneida, traducido por Xoán Fuentes Castro, editado por Toxosoutos e Astérix e os pictos, traducido por Xavier Senín e Isabel Soto, editado por Xerais.
Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Nicomedes o Pelado, ilustrado por David Pintor e Pan de millo, ilustrado por Dani Padrón, editados por Kalandraka; Oliver Twist, ilustrado por Daniela Volpari, editado por Baía.
Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013, resultaron finalistas: As dúas casas de Alicia, de Christelle Vallat, traducido por Marica Campo, e O galo Ernesto, de Mon Daporta, editados por Baía; A pantasma da casa da Matanza, de Miro Villar, editado por Biblos; Xogos musicais, de Luis Prego e Marta Iglesias e Tambo, de Laura García Ferro e Victor Castro Martínez, editados por Cumio; O Carnaval dos animais, de José Antonio Abad e João Vaz de Carvalho e Pan de millo, de Migallas e Dani Padrón, editados por Kalandraka; Montañas na cama, de Maricuela, editado por OQO; O elefante branco, de Xesús Fraga, editado por Tambre; Bágoa de Lúa, de Sabela González, editado por Galaxia e Un rato díxolle á Lúa, de Antonio García Teijeiro, editado por Xerais.
Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Historia dos bonobos con lentes, de Adela Turín e Nella Bosnia, editado por Kalandraka; Historia da literatura galega. Das orixes a 1853, de Xosé Ramón Pena Sánchez e Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia, de Manuel Gago, editados por Xerais.
Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Recursos educativas da Aula Virtual Baía da editorial Baía; Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais, de Xerais; o Proxecto Corasons, de Kalandraka e a serie de animación Cocorico, de OQO.
– Por último, na categoría ao Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013 resultaron finalistas Berta Dávila, Manuel Gago e Xosé Neira Vilas.
A entrega dos Premios da Edición terá lugar no Liceo de Betanzos o próximo 21 de marzo.”