A Xunta abre o prazo para que os profesionais do sector do libro soliciten axudas para participar en actividades fóra de Galicia durante 2025

Desde a Xunta de Galicia:
“A Xunta de Galicia acaba de abrir o prazo para que os diferentes profesionais do sector do libro soliciten axudas para participar en actividades de difusión e comercialización fóra de Galicia que se celebren desde o 1 de xaneiro ata o 15 de decembro deste ano, e para o que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina 30.000 €.
A convocatoria, publicada no Diario Oficial de Galicia e aberta ata o 1 de xullo, vai dirixida a persoas escritoras, ilustradoras e editoras que desexen participar en distintas actividades que se realicen no sector do libro, como feiras, festivais seminarios, encontros, obradoiros e estadías como medio de favorecer a creación e a promoción do libro en galego. As solicitudes poden presentarse e de xeito presencial ou a través da sede electrónica da Xunta.
Deste xeito, son obxecto de subvención os gastos de viaxe referidos ao aloxamento e transporte que permitan a asistencia a estes eventos fóra de Galicia, ata un máximo de dúas actividades por solicitante. No caso concreto das empresas editoras, poderán designar ata dúas persoas para que asistan a unha mesma actividade ou a diferentes cada unha delas, sempre que o traballar non acuda a máis de dúas.
O financiamento dos gastos da viaxe son os referidos ao aloxamento e transporte que inclúen axudas desde os 500 €, se o desprazamento é dentro de España, aos 900 € se son para participar en accións de creación e promoción do libro galego por Europa ou países ribeiregos do Mediterráneo, e ata os 1.600 € para a asistencia deste tipo de actividades polo resto do mundo. En todo caso, a orde de axudas recolle que este importe pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, polo que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións.
O ano pasado beneficiáronse desta partida específica para o sector do libro unha trintena de profesionais para asistir a citas en Madrid, Barcelona, Granada ou Xixón, así como a eventos internacionais en México, Italia, Alemaña, Francia, A Arxentina, Suíza ou Kenya.”

A AELG súmase á manifestación nacional “Lingua Vital Xa. Paremos a emerxencia lingüística” á que nos convoca Queremos Galego este domingo 23 ás 12 na Alameda de Compostela

Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), entidade profesional que aglutina e representa as escritoras e os escritores galegos, manifestamos a nosa perplexidade ante o veto á nosa entidade a formar parte das comisións para a “revisión” do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Este veto é unha falta de respecto ao traballo dos e das escritoras galegas no labor de construtores, divulgadores e dignificadores do idioma e da súa capacidade para crear falantes, pois a lectura é unha das ferramentas normalizadoras que ten demostrada historicamente a súa eficacia, para alén das actividades de fomento da lectura que son en esencia actividades normalizadoras.
A exclusión da AELG das conversas e dos grupos de traballo postos en marcha o pasado día 12 na Cidade da Cultura, evidencia que desde o partido que ostenta o goberno da Xunta non hai vontade de contar cunha participación ampla e plural de colectivos representativos do conxunto da sociedade galega, unha medida imprescindíbel para o éxito de calquera proposta normalizadora.
Falta de vontade que tamén demostra o inicio das conversas marcando posicións inflexíbeis, velaí a negativa a derrogar o Decreto 79/2010, amplamente cuestionado desde os seus inicios, advertido polo Comité de Expertos de Europa e causa incuestionábel do descenso no número de falantes, do incremento dos prexuízos contra a lingua e mesmo do incumprimento da propia Lei de Normalización Lingüística, toda vez que se constata a incapacidade dunha parte da mocidade para se expresar con algunha fluidez na nosa lingua. A mesma falta de vontade que se demostra nos pasos lexislativos dados desde entón reducindo a presenza e a esixencia de coñecemento da nosa lingua na CRTVG ou na Administración.
A AELG reclama un proceso transparente, coa participación de todas as entidades sociais, cun guión claro en que se asuman compromisos para o incremento e a diversificación dos recursos, a aplicación das medidas debidamente planificadas e a súa avaliación.
Con esta reivindicación estaremos este domingo en Compostela sumándonos á manifestación á que nos convoca Queremos Galego, porque, como dixo o irmán Daniel, somos galegas e galegos polo idioma, esa lingua en que o pobo lle pediu a Rosalía que cantase. Que maior homenaxe, que mellor agasallo para a nosa poeta no seu aniversario que volver sermos pobo que atravesa as rúas da súa cidade para berrar aos que tan altos están que non oen, as palabras que escribiu Manuel María: que “recibimos a lingua en usufruto e temos a obriga de conservala e mellorala” se queremos seguir chamándonos galegas e galegos.
O futuro, tamén o de quen nos goberna, só será se é na nosa lingua.