Betanzos: presentación de No balouçar do vento, de Antom Laia

O xoves 22 de agosto, ás 20:00 horas, na Libraría Biblos (Rúa Santiago, 4) de Betanzos, preséntase o poemario No balouçar do vento, de Antom Laia. No acto o autor estará acompañado por Xurxo Souto e a violonchelista Mabel Carro.
O venres 23, ás 20:00 horas, a obra presentada será Ardalén, de Miguelanxo Prado, publicado por El Patito Editorial.

A Coruña: actos literarios destacados na Feira do Libro para o sábado 10 e domingo 11

O sábado 10 e domingo 11 de agosto serán os últimos días desta edición da Feira do Libro da Coruña (nos Xardíns de Méndez Núñez, con horario de 11:00 a 14:00 h. e de 18:00 a 22:00 horas), cos seguintes actos literarios destacados para eses dous días:

Sábado 10
19:30 h. Francisco Pillado asina exemplares das súas obras na na caseta da Libraría Couceiro.
21:00 h. Presentación do libro Los mejores poemas de amor, editado por Pigmalión. Participarán no acto: Luz Pozo Garza, Olga Patiño Nogueira, Miguel Anxo Fernán-Vello, Chema Paz Gago, Basilio Rodríguez Cañada e Antonino Nieto Rodríguez. Xosé Taboada e Paco Campos intervirán coa música e voz no acto.

Domingo 11
13:00 h. Encontros da literatura fantástica entre Contos Estraños e Urco Editora.
18:30 h. Presentación do libro pedras de Plastilina, de Moncho Iglesias, publicado por Toxosoutos. Ao remate do acto, o autor asinará exemplares do seu libro na caseta da Libraría Cartabón.
19:30 h. Presentación do libro Viaxe sen cancelas, de Xesús Bermúdez Tellado, publicado por Redelibros.
20:00 h. Na Ponte ao vivo. O radio … visual de Ponte nas Ondas, conducido por Xurxo Souto con convidados/as do disco/libro/DVD.
20:00 h. Presentación do libro Nada se esquece, de Puri Ameixide, publicado en Redelibros.
21:00 h. Presentación do libro Podería falar de nubes, de Francisco Castiñeira, publicado en Redelibros.
Xesús Bermúdez Tellado, Puri Ameixide e Francisco Castiñeira asinarán exemplares dos seus libros na caseta da Libraría Cartabón.

A Casa-Museo Manuel María inaugúrase o día sete de setembro

Desde Sermos Galiza e a Fundación Manuel María:
“Será unha xornada de homenaxe e festa a que o próximo día 7 de setembro abrirá a casa chairega na que naceu Manuel María, convertida xa en museo e sede da Fundación do poeta. A inauguración oficial da mañá terá continuidade nun xantar de convivio na carballeira de Santa Isabel, espazo de singular relevancia na obra e na biografía de Manuel María. Na tarde erá lugar na horta da casa o concerto colectivo no que se xuntarán grupos e cantantes que interpretaron poemas do autor da Terra Chá, unha cita histórica pola relevancia das agrupacións que compoñen o programa. Xurxo Souto presentará o concerto no que tamén intervirán poetas próximos a Manuel María.”

Xurxo Souto: “A comunicación na lusofonía é total, sen peneira algunha”

Entrevista a Xurxo Souto en Sermos Galiza:
“Publicada no semanario Sermos Galiza por entregas, O Crânio de Castelao, á falta duns esclarecementos finais do coordinador Carlos Quiroga, chega a seu fin como unha experiencia única e singular da escrita dunha lingua común.
– Sermos Galiza (SG): Vostede pon o ponto final á historia do cranio de Castelao que andou por tantas mans. Como foi tomar parte nun proxecto literario colectivo?
– Xurxo Souto (XS): A experiencia tiña, por necesidade, que ser fascinante porque, como escritor, entras nun xogo literario a nivel planetario. Grazas á proposta de Carlos Quiroga xuntámonos empregando uns vimbios especialmente próximos, as palabras e a lingua que nos é común.
– SG: Como se deu o encontro con outros escritores de orixes tan diversas?
– XS: A relación foi intensamente cómplice. Aínda que sexan persoas algunhas delas non coñecidas persoalmente, nin demasiado próximos os seus contextos, partiamos de palabras íntimas, das palabras da tribo e, por iso, foi un proceso de comunicación total, “até o mango”, que dirían os de Malpica. Alén de prexuízos, de superestructura ideolóxica, de pensamento, xorde a realidade de comunicación total, sen peneira algunha. O que os poetas Jorge Guillén ou Uxío Novoneyra chaman o milagre da realidade. Comunicámonos de xeito pleno. (…)
– SG: Por que a nosa literatura non dá entrado en Portugal ou Brasil?
– XS: Damos entrado no ámbito da lusofonía! Diaria e constantemente. Se se mide en fama ou termos económicos os resultados non son grandes, mais tamén Portugal leva toda a vida intentando entrar no Brasil e non dá feito. Zeca Afonso non é coñecido no Brasil e Fausto hai pouco confesaba que nunca tocara alá. Nós non temos moita presenza comercial mais establecemos relacións persoais, e temos, por poñer un caso, experiencias no eido da música sensacionais como o encontro entre Manecas Costa e Narf ou Zé Cavaleiro e Uxía. Esa relación está máis presente do que pensamos.
– SG: Mais responde a esa vontade persoal de cada quen ou hai iniciativas institucionais tamén que contribúen a que iso aconteza?
– XS: Trátase dun encontro persoal e á vontade de cada quen. Diante da preguiza dos estados e das estruturas culturais de poder, compre reivindicar a outra parte, o outro discurso. Estámonos comunicando cada día nós, grazas ao poder das palabras e á intimidade das persoas que viven, ás veces, no cabo do mundo. (…)”

A Coruña: Rosalía no Rosalía

Desde Sermos Galiza:
“Cen anos despois de que a cidade lle rendera homenaxe a Manuel Murguía no seu oitenta aniversario, Rosalia de Castro será lembrada no teatro que leva o seu nome nun concerto-recital o vindeiro domingo día 19 de maio ás 20:00 horas.
O Teatro Rosalía de Castro acollerá un encontro de música e poesía no que participan o Concello e a Fundación Rosalía de Castro e no que se sentirán as voces de Anxo Angueira, Dores Tembrás, Elvira Varela, Luz Pozo, Estíbaliz Espinosa ou Xurxo Souto. A Banda Municipal da Coruña, Cántigas da Terra, Lydia Botana, Miguel Ladrón de Guevara, Sito Sedes ou Pedro Lamas porán música a esta homenaxe da cidade á poeta.
“O pobo destas mesmas rúas que ela pisou, o pobo deste mar que ela cantou, o pobo que honrou a Moore como ela o honrou devólvelle hoxe a Rosalía as pisadas, o canto e maila honra. E devólvellas no seu, no teatro da arte, no espazo escénico que leva o seu nome. Rosalía no Rosalía. Afortunada, feliz, luminosa escolla” escribe Anxo Angueira na presentación do programa da homenaxe. (…)”

A Coruña: presentación de Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez

O xoves 2 de maio, ás 20:30 horas, na Biblioteca da Asociación de Veciños Atochas-Monte Alto-A Torre (Parque de Marte, s/n) da Coruña, preséntase Costa do Solpor, de Xosé María Lema Suárez, publicado en Xerais. No acto, coorganizado pola Asociación, a editorial e a Libraría Sisargas, participan, xunto ao autor, José María Laredo Cordonié, Xurxo Souto e Fran Alonso.

Dumbría: Unha Semana para amar o Libro

Desde Que pasa na Costa:
“(…) O CEIP Santa Eulalia de Dumbría organiza a IV Semana do Libro, onde seis poetas pasarán polo centro dumbriés para compartir experiencias e desenvolver diferentes talleres literarios.
– O luns 15 abrirá a Semana Xosé Henrique Rivadulla “Corcón” cos de 5º curso.
– O martes 16 será Paula Carballeira os que faga vibrar cos seus contos aos de Infantil e 1º ciclo.
– O mércores tócalle o turno a María Lado cos de 2º ciclo.
Xurxo Souto estará o xoves 18 cos de 6º curso, e
– O venres 19 tócalle o turno pola mañá a Suso Bahamonde cos de 2º ciclo, e a Rocío Leira cos de 1º curso. (…)”

Betanzos: inauguración da Libraría Carricanta

O venres 12 de abril, a partir das 18:00 horas, na Libraría Carricanta (Praza Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, terá lugar o seu acto de inauguración. No mesmo haberá actividades para nenas e nenos, coas súas familias, e, sobre as 20:00 horas, falará para as persoas presentes Xurxo Souto.