Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“A novela de Héctor Cajaraville Once portas está a cabalo entre o histórico e o fantástico. Con esta viaxe a través da memoria, das lendas e dos episodios máis sobranceiros da historia compostelá, o autor réndelle homenaxe á súa cidade natal. Pode accederse á entrevista aquí.”
Arquivos da etiqueta: Zig-zag
Crónica videográfica da II Gala do Libro Galego (VI)
A II Gala do Libro Galego, coorganizada pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, tivo lugar o sábado 20 de maio no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que destacamos hoxe estas intervencións:
– Premio ao Libro Ilustrado: Canta connosco. De Óscar Villán:
– Premio ao mellor libro de Teatro: Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada, de Carlos Labraña:
Entrevista a Olalla Cociña sobre Vestir a noite
Entrevista a Olalla Cociña no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Pilar G. Rego entrevista a escritora lucense Olalla Cociña, que recolleu a semana pasada o XIV Premio de Poesía Afundación polo seu poemario Vestir a noite, que se publica na colección Arte de Trobar. Pode accederse á entrevista aquí.”
Carlos Labraña, premiado na Gala do Libro por Moito Morro Corporation
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O dramaturgo Carlos Labraña vén de ser galardoado pola mellor obra teatral na pasada Gala do Libro, pola súa obra teatral infantil Moito Morro Corporation, unha comedia circense protagonizada por unha compañía de pallasos, trapecistas e domadores. Pode accederse á entrevista aquí.”
Entrevista a Isaac Xubín no Zig-zag, sobre A cadencia da fractura
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Isaac Xubín visita o estudio de gravación. Acaba de gañar o Premio de Poesía Manuel Lueiro Rey, convocado polo concello de Fornelos de Montes dende 2012, co seu libro de poemas A cadencia da fractura, que se impuxo a outros vinte e seis traballos presentados. Pode verse a entrevista aquí.”
Hélia Correia, escritora galega universal
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Entrevista a Hélia Correia, Escritora Galega Universal 2017. Pode verse aquí.”
A poesía dixital de Manuel Forcadela e Fran Alonso
Desde
o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Coñecemos a obra dixital de Manuel Forcadela e Fran Alonso para ilustrar o impacto da poesía en rede, outra forma de editar, crear e escribir aproveitando o empuxe das novas tecnoloxías. Pode verse aquí.”
Obras gañadoras da II Gala do Libro Galego
Vén
de rematar a II Gala do Libro Galego, que tivo lugar no Teatro Principal do Concello de Santiago de Compostela. Con esta convocatoria preténdese recoñecer a excelencia do traballo literario realizado no ámbito editorial ao longo do ano 2016 en Galicia. Estas distincións, sen dotación económica, foron determinadas por un xurado externo sobre unha listaxe de obras finalistas conformada polas bases asociativas da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), da Asociación Galega de Editoras e da Federación de Librarías de Galicia, entidades convocantes da Gala do Libro Galego 2017. Aquí pode verse o vídeo do acto.
A seguir, as obras gañadoras nas distintas categorías:
Ensaio
Labrego con algo de poeta. Biografía de Manuel María. De Mercedes Queixas. Editorial Galaxia
O xurado estima que é unha obra moi pedagóxica, de fácil lectura e moi divulgativa, con funcionamento moi exitoso nas librarías.
Tradución
Historia do nobre Ponto, que foi rei de Galiza e de Bretaña. Anónimo. Tradución: Henrique Harguindey Banet. Rinoceronte Editora
O xurado valora nesta tradución a dificultade técnica de imitar o estilo doutra época e valora positivamente a idoneidade e necesidade a escolla esta obra para a tradución ao galego
Proxecto literario na rede
A Sega. Plataforma de Crítica Literaria
Valórase a aúna esforzos de crítica literaria e divulgación. Capacidade de artellar a varias mulleres facendo crítica, resaltando a vertente feminista da plataforma.
Literatura infantil e xuvenil
Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta. De Ledicia Costas. Edicións Xerais de Galicia
Estimouse o proceso de transformación moi imaxinativo empregando o recurso da muller planta, a partir do que se teceu unha historia moi imaxinativa e plástica, que permite unha lectura moi visual.
Iniciativa bibliográfica
Aulas sen paredes. De Rosalía Fernández Rial. Edicións Positivas
O xurado valora a metodoloxía empregada e a introdución de linguaxe non verbal. Trátase dunha obra que pon en valor un xénero que non soe ser a primeira escolla polo que se inclina o lectorado. Trátase dos poucos traballos de didáctica probada en galego
Iniciativa cultural ou de fomento da lectura
Ciclo Vermú entre libros (Libraría Paz)
Valórase que é unha iniciativa con moito esforzo e reducido orzamento. Aposta por un modelo empresarial moi axeitado para dinamizar o mundo da libraría.
Libro ilustrado
Canta connosco. De Óscar Villán. Kalandraka Editora
Pola súa fluidez e narrativa do ilustrador. A súa plástica orixinal escapa da redundancia co texto, achegando un significado propio co seu deseño.
Teatro
Moito Morro Corporation, Sociedade Ilimitada. De Carlos Labraña. Editorial Galaxia
Sobrancéase o feito de ser capaces de introducir nunha obra unha cuestión de ctualidade. É un libro orientado a un público que non soe consumir este xénero, polo que se valora a necesidade de darlle valor ao teatro infantil. Destacan o labor do autor como escritor teatral.
Xornalismo Cultural
Pola constancia da atención ao xornalismo cultural, sustentada na necesidade de espazos culturais dentro da televisión pública. É un proxecto que valora a cultura e, concretamente, visibiliza o sector do libro.
Narrativa
Todo canto fomos. De Xosé Monteagudo. Editorial Galaxia
Pola súa calidade, moi ambicioso que acada o seu obxectivo: reflectir a realidade dunha época. É unha grande novela con pouco recoñecemento.
Poesía
O cuarto das abellas. De Antía Otero. Edicións Xerais de Galicia
Destácase a creación que crea un mundo propio a través de imaxes. Trátase dun diálogo coa literatura que conmove ao lectorado
Ademais, entregáronse os premios honoríficos de cada unha das entidades convocantes. A Federación de Librarías de Galicia outorgoullo á Libraría Platero, de Ourense; a Asociación de Galega de Editoras premiou e recoñeceu a traxectoria como editor de Ánxel Casal e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega concedeu o galardón á Escritora Galega Universal á autora portuguesa Hélia Correia.
A Gala, presentada pola actriz Iria Pinheiro, contou coa actuación musical do grupo De Vacas.
A Gala do Libro Galego 2017 foi apoiada polo Concello de Santiago, a Consellaría de Cultura da Xunta de Galicia, e pola Deputación da Coruña.
Entrevista a Miguel Anxo Fernández, premio Blanco Amor de novela longa
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“O escritor e investigador cinematográfico Miguel Anxo Fernández visita o estudio do ‘ZigZag Diario’ para falar dun dos seus traballos máis recentes Blues para Moraima, premio Blanco Amor de novela longa na 35 edición dos galardóns. O libro traslada unha visión do exilio próxima á experimentada polo autor de A Esmorga, achegándolle ao lector a historia dun cineasta exiliado que traballa nunha serie sobre a memoria histórica, para tratar ademais temas como a Guerra Civil, o exilio ou a diáspora. Pode accederse á entrevista aquí.”
Entrevista a Ana Cabaleiro no Zig-zag da Televisión de Galicia
Desde o Zig-zag da Televisión de Galicia:
“Sapos e sereas, primeira novela da xornalista Ana Cabaleiro. Pode accederse á entrevista aquí.”