Vinte anos para relatar a historia máis próxima

Desde11817158_998871500152393_3307322767160524284_n Sermos Galiza:
“A vindeira segunda feira, 3 de agosto, botará a andar a XX edición das Xornadas de Historia Local, unha iniciativa creada pola Asociación Socio-Cultural “A Pomba do Arco” que leva dúas décadas afondando e difundido a historia máis próxima co fin tamén de que entre a formar parte da historia Xeral de Galiza. A Crónica Negra, a posguerra, os cultos e costumes precristiáns e a historia de Martínez Otero son algúns dos temas desta nova edición.
“As Xornadas de Historia Local confirman que tanto Foz, como a Mariña e Galiza teñen historia propia. A Asociación Cultural A Pomba do Arco quere con estas xornadas dar a coñecer a nosa historia, a divulgar o noso pasado e conservalo. Mais todo este labor non tería razón de ser se non se contase coa complicidade do pobo de Foz, xa que son os seus veciños os que coa súa asistencia fan posible estas xornadas ano tras ano”, explican desde a entidade organizadora que agarda unha edición especial neste seu vixésimo aniversario.
O relatorio “Crónica negra de Foz”, de Xoán Ramón Fernández Pacios abrirá o programa o vindeiro 3 de agosto ás 20:30 horas na Casa da Cultura “Poeta Manuel María”. Crimes, desgrazas e incidentes violentos que aconteceron no concello de Foz desde o século XVI serán o motivo da charla. O seguinte día, a profesora Ana Cabana achegará ao público asistente ao tempo posterior ao golpe militar en Foz e na Mariña con temas como a fame, o estraperlo, os fuxidos ou a oposición ao réxime.
Os 75 anos do Colexio Martínez Otero será o tema da terceira das conferencias, impartida por Ramón Eiras Fernández, Alexandra Eiras e Antón Niñe. Cadro docente, alumnado e historia do centro educativo de Foz será a materia da sesión dunhas xornadas que rematará o 6 de agosto coa palestra do antropólogo Xosé Manuel González Reboredo que leva por título “Crenzas e ritos na Mariña” que achegará ao público aos santos e cultos parroquiais aínda presentes na relixiosidade popular.”

Un novo proxecto cultural ofrece viaxes pola historia e a cultura a través do territorio

Desde Sermos Galiza:
“Pódese coñecer a historia galega a través de viaxes pola xeografía? A Asociación Cultural A Pomba do Arco coida que se pode e por iso bota a andar o programa Descubre Galiza. Viaxa con nós pola historia, a cultura e a xeografía do país, un singular proxecto para difundir a nosa historia de maneira lúdica.
Cada unha das etapas será visitada por medio dunha aula sobre cada período histórico, a lectura de textos sobre a época e unha excursión relacionada co tema tratado. Serán máis de 2000 anos de historia polos que se viaxará a través da Idade Antiga, a Alta Idade Media, a Baixa Idade Media, a Idade Moderna e a Idade Contemporánea visitando o mundo castrexo, a romanización, o Reino, o Priscilianismo, os Suevos, Os Irmandiños, Pardo de Cela, os século escuros, a colonización, os Provincialistas, Rosalía, Curros ou Manuel María, como figuras e fitos históricos relacionados de maneira especial cos territorios visitados.
O programa comezará cun percorrido pola Idade Antiga con aulas de Marcos Loureiro e o historiador Anselmo López Carreira coa visita ao Castro de Vilalonga, a Santalla de Bóveda do século IV e á Casa Museo de Manuel María. A segunda visita dirixirase á Igrexa Sueva de Santa Comba de Bande (S VI), ao Mosteiro de Celanova coa vinculación con San Rosendo, Bispo que foi de San Martiño de Mondoñedo e ás orixes do reino de Galiza e rematará na Casa dos Poetas de Celanova, coa evocación de Curros. Unha viaxe a Betanzos, para coñecer a fidalguía e a figura de Antolín Faraldo que rematará en Pontedeume, terra dos Andrades e Roi Xordo para se atopar cos Irmandiños será o traxecto pola historia da terceira xornada do programa. Os séculos escuros serán motivo da cuarta xornada coa visita ao Mosteiro de Samos e ás terras de Fiz Vergara Vilariño en Loúzara. O programa rematara co achegamento á época contemporánea coa visita ao Padrón de Rosalía, berce tamén do primeiro camiño de ferro financiado polo capital inglés, o Rianxo de Castelao, Manuel Antonio e Dieste para finalizar no grande mirador de Galiza no monte da Curota.
As viaxes comezarán en novembro e terán carácter mensual. Para participar é preciso reservar praza no 606630113. “Trátase de seguir todo o proceso da nosa historia nacional desde o convencemento que só o coñecemento da mesma é esencial para querer e valorar o País”, defenden desde A Pomba do Arco.”