O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:30 h., na Librería Arenas (Cantón Pequeno, 25) da Coruña, preséntase a novela A Coroa de Napoleón. Un misterio de Tintiman na Coruña, de Santiago Jaureguizar, publicada en Xerais. O acto contará coa participación de Manuel Santiago Arenas Roca, Manuel Bragado e o propio autor.
Arquivos mensuais: Xaneiro 2011
Yolanda Castaño: “Entre a perda e a resistencia”, sobre Farruco Sesto
Entrevista a Yolanda Castaño en Galicia Hoxe sobre Farruco Sesto:
“- Galicia Hoxe: O máis complexo foi dar con esta obra tan dispersa, xa que a maioría dos seus libros saíron en Venezuela e chegaron a Galicia de xeito clandestino en plena ditadura, non?
– Yolanda Castaño: Iso é ao que non tiñamos acceso as xeracións máis mozas. Porque iso está un pouco perdido. Hai xente que conserva na súa casa edicións non venais. Farruco emigrou a Venezuela con 18 anos para facer alí os seus estudos de Arquitectura e deseguido entrou en contacto cos intelectuais galeguistas que vivían alí, como foi o caso de Celso Emilio Ferreiro. El sempre cultivou a súa conciencia galeguista, sempre se mantivo en contacto coa cultura galega e tamén cultivou unha literatura feita en galega. Escribiu os seus primeiros poemarios de mocidade que tirou do prelo dun xeito autoxestionado. El lembra que o propio Celso Emilio lle axudou a accionar a multicopista. Facíanse edicións non venais, moi limitadas aos amigos e distribuíanse aquí, por correo postal a destinatarios moi concretos. Aínda poida que haxa xente que conserve algún exemplar pero de acceso moi restrinxido. Houbo un libro que se perdeu a medias e do que só se conservan algúns textos na antoloxía Os novísimos da poesía galega de María Victoria Moreno. Houbo que aplicarlle tamén un proceso de corrección e actualización lingüística imperiosa. Aproveitando a ocasión, aínda que para moitos é un autor seguido e admirado, a pesar da distancia, tamén para moitos mozos e mozas é un descoñecido. Por iso fixemos un pequeno estudo introdutorio sobre o autor. Méndez Ferrín, amigo persoal do propio Farruco e compañeiro en moitos avatares, fixo o limiar. Tamén lle engadimos un glosario para facilitar a lectura.”
A Coruña: presentación de Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás
O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., na sede da Real Academia Galega (Rúa Tabernas, 11) da Coruña, preséntase a obra Pequenos encontros, as marcas deixadas. Obra poética reunida (1967-1995), de Farruco Sesto Novás, publicada en Espiral Maior, e que compendia os nove poemarios individuais escritos en galego até o de agora polo autor vigués. No acto intervirán, ademáis do propio autor chegado expresamente de Venezuela, o Presidente da Real Academia Galega e prologuista do libro, Xosé Luís Méndez Ferrín, o editor Miguel Anxo Fernán Vello, Yolanda Castaño como responsable da edición e César Portela, colega de profesión do arquitecto e escritor. Crónica posterior en Xornal e La Opinión, e entrevista en La Voz de Galicia, con outra posterior en La Opinión.
A Coruña: presentación do libro Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo
O xoves 20 de xaneiro, a partir das 20:00 h., no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22), na Coruña, terá lugar a presentación do libro Sobre a poesía última de Manuel María (1976-1995), de Manuel López Foxo, publicado en Laiovento. No acto, acompañando ao autor, intervirán Felipe Senén e Francisco Pillado.
A Coruña: presentación de Celebración de Uxío Novoneyra, II (1930-1999)
Actos de celebración do Ano Cunqueiro
Coñécense os gañadores de Os mellores libros do 2010 en Fervenzas Literarias
Santiago: exposición Os ollos das palabras, de libros de artista de Baldo Ramos
“O Salón de Actos da Biblioteca Ánxel Casal de Compostela (Xoán XXIII) acolle até o 31 de xaneiro a exposición Os ollos das palabras, onde se recollen os libros de artista de Baldo Ramos. Poeta e artista plástico, a súa obra esculca fundamentalmente nos espazos que comparten a poesía e a pintura. Como artista, utiliza o soporte papel para expor o diálogo entre a imaxe e a palabra, creando obras de arte nas que o texto se converte nun elemento pictórico máis, sen importar o seu contido, só a súa función visual no conxunto da obra. Ten editado varios libros de artista, como Raíz do voo , As follas da memoria , Ut pictura poesis, Signos de cinza ou Branco sobre negro“. Vía Galicia Hoxe.
Convocado o XVIII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta
“Coa finalidade de honrar a memoria do escritor e político, Manuel Lueiro Rey, na vontade de coadxuvar na promoción da escrita literaria en lingua galega e na divulgación dos seus autores e autoras, e como resultado dun convenio de colaboración con Sotelo Blanco Edicións, o Concello do Grove convoca o XVIII Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta, dotado con 3.000 euros e que se rexerá polas seguintes
BASES
Primeira.- Será concorrente ao Premio calquera persoa física, que presente o seu texto en lingua galega, conforme ás Normas Ortográficas vixentes. Os textos presentados, amais de seren inéditos e totalmente orixinais, non poderán ter sido publicados, ou divulgados, en todo ou en parte, por calquera medio físico ou electrónico. Os textos presentados han ter unha extensión mínima de cincuenta (50) páxinas e unha extensión máxima de cen (100) páxinas, tamaño folio, de cinco mil caracteres cada páxina, aproximadamente.
Segunda.- Con cada un dos textos concorrentes, presentaranse cinco copias en papel e unha en soporte dixital, nun documento de Word, antes do día 1 de MARZO do ano 2011, remitíndoas ao enderezo seguinte:
“Premio Manuel Lueiro Rey
Concellería de Cultura
Concello do Grove
Praza do Corgo s/n
36980 O Grove (Pontevedra)”
Terceira.- Xunto o texto, e o soporte dixital, que serán enviados sen que sexa recoñecible a autoría da escritora ou escritor e que irá precedido polo título e o lema escollido, xuntarase un sobre pechado no que figure no exterior o lema e mailo título e que no interior conteña o nome apelidos e nif, enderezos postal e electrónico e os teléfonos de contacto de quen sexa autor ou autora do mesmo, así como o título do libro; indicando no sobre Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta 2011.
Cuarta.- O xurado estará composto por cinco membros especialistas en literatura. Un deles será a gañadora, ou gañador, que poderá ser sustituido polo finalista, da edición anterior do premio, dous serán nomeados polo Concello do Grove e os dous restantes participarán en representación de Sotelo Blanco Edicións. O premio único outorgarase por maioría simple de votos. Actuará como secretario do xurado, con voz e sen voto, o concelleiro, ou concelleira, de Cultura do Concello do Grove. Os membros do xurado serán dados a coñecer antes da concesión do premio.
Quinta.- Calquera incidencia ocasionada na interpretación destas bases, será solucionada pola maioría simple dos membros do xurado.
Quinta.- A decisión do xurado, que será inapelable, darase a coñecer durante o mes de maio do ano 2011. O xurado será dado a coñecer no mesmo día da emisión do seu veredito.
Sexta.- O premio, que é indivisible, poderase declarar deserto, caso de o xurado así o estimar en decisión inapelable. Para tal circunstancia, de cinco votos posibles, terá que darse o caso de que unha obra non sume un mínimo de tres dos votos do xurado.
Sétima.- A editorial Sotelo Blanco, segundo un convenio asinado co Concello do Grove, e en calidade de entidade colaboradora, resérvase o dereito de publicación, sen limitación do número de exemplares da primeira edición, nin das reimpresións, da obra gañadora, reservándose tamén os dereitos preferentes de edición da mesma en lingua galega coa posibilidade de cederlle tales dereitos a terceiros. A contía do premio considerarase unha entrega á alzada en concepto de adianto polos dereitos de autor. A beneficiaria ou beneficiario do premio, que se compromete a renunciar expresamente a calquera pretensión sobre os devanditos dereitos, recibirá gratuitamente 25 exemplares da obra publicada, que lle serán entregados pola editorial que publica a obra. Todo isto sen menoscabo do regulado pola Lei da Propiedade Intelectual vixente, que prevalecerá sobre o Convenio mencionado.
Oitava.- Os orixinais non premiados poderanse recuperar, con cargo aos autores e autoras concorrentes, logo de pasados quince días da data do veredito. Os orixinais que non fosen retirados destruiranse pasados trinta días da emisión do fallo do xurado.
A participación neste premio significa a completa aceptación das presentes bases e mais das decisións do xurado que se designe.
O Grove, 12 de xaneiro de 2011.”
A Coruña: Ciclo Poetas di(n)versos, recital de Xavier Seoane e Rosa Alice Branco
O luns
17 de xaneiro, a partir das 20:30 h., na Casa da Cultura Salvador de Madariaga (Rúa Durán Loriga, 10, baixo) da Coruña, e con entrada libre até completar capacidade, prosegue o ciclo Poetas Di(n)versos, dirixido por Yolanda Castaño, e organizado pola Concellaría de Cultura da Coruña, iniciativa que ten como obxectivo centrarse en achegar a poesía ao público en xeral amosando outra forma de disfrutar a poesía dun xeito case escénico, constituindo o único ciclo estable de lecturas poéticas públicas contando con autores/as de dentro e fóra de Galicia, unha oportunidade única de degustar a poesía producida hoxe en castelán, catalán, éuscaro ou portugués na voz dos propios creadores/as. Os protagonistas do recital deste día son:
– Xavier Seoane (A Coruña, 1954). Dende 1975 ven desenvolvendo a súa actividade nos terreos da creación literaria, da arte e na animación cultural. Así, organiza conferencias e debates, coordina premios ou participa en cursos literarios. Impulsor de innúmeros proxectos de dinamización cultural no noso país, ten comisariado dende exposicións ata libros colectivos, e desenvolveu tanto proxectos videográficos ou mostras de poesía visual como colaboracións escritas en multitude de publicacións periódicas, catálogos de arte, obras colectivas e antoloxías dentro e fóra de Galicia. Poeta con obra traducida a varios idiomas e tamén conferenciante, ten publicado igualmente libros de aforismos, de ensaio, compilacións de textos, novelas, estudos sobre multitude de artistas galegos, reflexións teórico-críticas sobre arte ou escrita, ou obras dirixidas a público infanto-xuvenil.
– Rosa Alice Branco (Aveiro, 1950). Doutora en Filosofía Contemporánea -nas áreas de Filosofía e Psicoloxía da Percepción- pola Universidade Nova de Lisboa. Actualmente ensina Teoría da Percepción na Escola Superior de Artes e Design do Porto (en Matosinhos), mentres dirixe a revista “logovemos” (on line) e fai parte da Unidade de investigación en Design, Media e Cultura (ID+). Ademais diso, ten xestionado publicacións, coloquios e Encontros Internacionais de Poesía. Autora tamén de libros de ensaio, artigos en revistas especializadas e textos traducidos a outras linguas, Rosa Alice Branco participou en encontros e festivais de poesía de todo o mundo e ten libros de poemas publicados no Brasil, Suíza, Luxemburgo, Canadá, Tunicia, Venezuela ou Córcega.
Pódese descargar máis información neste ficheiro en .pdf: Programa Ciclo DinVersos xaneiro 2011.