Agustín Fernández Paz debuta por segunda vez

Entrevista a Agustín Fernández Paz en Xornal:
“(…) A través do desaxuste entre o país da memoria e o país do regreso, a novela [Non hai noite tan longa, de próxima publicación en Xerais]deita unha ollada crítica, “por veces feroz”, sobre o presente de Galicia. “Hoxe non sería peor esa impresión que en 2002”, explica o lugués. “É certo que vivimos un tempo de desmantelamento, pero xa daquela había indicios dese proceso”. E malia a todo, o libro está preñado dun certo optimismo. Evidénciase no título, tirado do Macbeth de Shakespeare: “Non hai noite tan longa que non remate en día”.
Máis preocupado polo futuro da lingua na que escribe que por entrar na Real Academia Galega –”Prefiro que entren as mulleres antes que os escritores de infantil e xuvenil”, arrisca–, Fernández Paz ten outras dúas novelas de camiño ás librarías. Xerais publicará logo do verán Fantasmas de luz, “unha fábula optimista sobre a globalización neoliberal e o cine protagonizada por un proxeccionista no paro”, e Rodeira ultima a dobre edición, en galego e castelán, dun volume de relatos titulado As fronteiras do medo.
Cinéfilo metódico, dos que elaboraba fichas de cada película que vía, Fernández Paz inzou Fantasmas de luz de referencias á gran pantalla. Tanto é así que o libro, adobiado con seis “tomas extra” que redimensionan os personaxes secundarios e deitan algo máis de luz nalgúns recantos da trama, remata cunha serie de fichas de cada unha das fitas.
“A recepción dunha obra literaria é sempre imprevisíbel”, apunta ao cabo o escritor. “A miña obsesión sempre foi a de gañar lectores para o galego, e aínda que son consciente de que o mundo da literatura para adultos é máis pechado, confío en que a novela funcione: que me lean os que me len e que se animen algúns dos que non o facían por publicar eu en coleccións xuvenís. Ter lectores é o mellor que lle pode pasar a un escritor”.”

Vilaboa, Culleredo: Encontro coa poeta Pilar Pallarés

O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Biblioteca de Poesía Uxío Novoneyra (Pazo de Vila Melania, Vilaboa, Culleredo), terá lugar un Encontro-homenaxe coa poeta Pilar Pallarés, no que intervirán, acompañando á autora, Celestino Poza, Miguel Anxo Fernán Vello e Carlos Pereira Martínez. No acto haberá unha actuación do “Dúo de guitarra e voz” do Conservatorio de Música de Culleredo, a cargo de Cristina López Fraga, voz, e Antía Seijas Vieites, guitarra.

Santiago: recital poético en conmemoración do 950º aniversario da institucionalización da primeira unión homosexual en Galiza

O mércores, cuarta feira, 13 de abril, ás 19:00 horas, na Cafetaría Airas Nunes (Rúa do Vilar, 17) de Santiago, terá lugar un recital, organizado pola Agrupación Cultural O Galo, en colaboración co Colectivo Gai de Compostela e a asociación BOGA – Lésbicas de Galiza, que conmemora o 950 aniversario da institucionalización máis antiga dunha unión homosexual conservada en Galiza. No acto participarán Alicia Fernández, Andrea Nunes Brións, Antía Otero, Antón Fortes, Asunción Arias, Carlos Callón, Carlos Lixó, Fran Cortegoso, Gonzalo Hermo, Gonzalo Vázquez, Lois Diéguez, Luís González Tosar, María Rosendo, Marica Campo e Rosa Enríquez. O lema da convocatoria é unha expresión latina que se encontra no documento de unión entre Pedro Díaz e Muño Vandilaz: “in totos dies et noctes, in omne tempus vel tempora”; isto é: “en todos os días e todas as noites, para sempre”.

Vigo: presentación de Recendos de aire sonoro, de Antonio García Teijeiro

O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o libro Recendos de aire sonoro de Antonio García Teijeiro. Ao remate do acto, que contará coa participación de Fino Lorenzo, Román Raña, Paz Raña, Manuel Bragado e o autor, Miguel Castro tocará uns temas coa frauta.

Santiago: presentación de Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro, de Xosé Manuel Dasilva

O mércores 13 de abril, ás 20:00 h., na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes) de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Dasilva presenta o seu estudo sobre o Proceso e encarceramento de Ramón Piñeiro, publicado en Galaxia. Estará acompañado por Víctor F. Freixanes, Xesús Alonso Montero e Miguel Barros. Crónica posterior en Xornal.

Santiago: Homenaxe a Xosé Neira Vilas

Crónica posterior en La Voz de Galicia e Galicia Confidencial.

ADEGA: Ponte no medio. Móvete polo territorio

“Santiago de Compostela, 4 de abril de 2011.

Desde a organización ecoloxista ADEGA queremos trasladarlle o noso convite á presentación da campaña en defensa do territorio Ponte no medio. Móvete polo territorio, que terá lugar o sábado 16 de abril, ás 12:00 horas, no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela.
Esta campaña nace da necesidade de responder de xeito firme e articulado ás innumerables agresións que está a sufrir o noso territorio, aos ataques que pretenden borrar a nosa identidade, ás accións encamiñadas a extorsionaren os recursos naturais que lles debemos ás novas xeracións e ás políticas guiadas polos intereses privados e especulativos do poder económico que tentan arrebatar a representación social nas decisións políticas que a todos nos incumben.
Cremos que é hora de reaccionar ante esta desfeita e de expresar nun movemento común o que moitos colectivos, organizacións e particulares están demandando de xeito illado desde hai xa moito tempo. Ao lado dos manifestos e das tradicionais manifestacións como forma de presión, debemos artellar mecanismos novos de mobilización colectiva e de persuasión social e individual, incluído o ciberactivismo, para podermos cambiar o desafortunado rumbo que levan as cuestións medioambientais e culturais na nosa Terra.
Aínda que a Campaña en defensa do Territorio está promovida por ADEGA, a iniciativa está chamada a recoller e a xuntar cantas vontades ecoloxistas, académicas, sindicais, agrarias, sociais, culturais, políticas, profesionais ou veciñais sexan críticas coas actuais prácticas destrutoras do territorio e a facerse eco de cantas voces propoñan alternativas de xestión e de ordenación territorial máis xustas e máis sostibles ambiental e economicamente.
Sería unha honra para nós que vostede estivese presente no acto de lanzamento da campaña que consistirá na lectura do Manifesto en defensa do territorio. Agradecémoslle que nos confirme a súa participación coa máxima brevidade posible no correo electrónico culturaeterritorio@adega.info ou no teléfono 982-240299. Como sempre, á súa disposición: ADEGA.

Antía Otero: “Chaman harmónico ou restitutivo a un feito creado para relegar o galego”

Entrevista a Antía Otero en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): (…) Reflexiono sobre a túa poesía… Pódesme axudar, Antía…?
– Antía Otero (AO): Como ben insinúas creo moito máis na conxugación ou hibridación que na mestura. A conxugación chama polo diálogo e pola necesidade de entenderse. Así entendo a poesía, como un soporte no que podo comunicarme libremente comigo mesma e con tod@s @s que queren achegarse a escoitar… Como (Retro)visor, que é un libro no que o texto (o que se di) como o subtexto ( o que se desoculta) busca ser escoitado como un monólogo íntimo na penumbra dun cuarto. Por outra parte a hibridación é un concepto que a nivel artístico me interesa moitísimo. Buscar pontes entre diferentes linguaxes artísticas, investigar os espazos pouco transitados que quedan entre elas… Cando estou centrada niso sen chamar a máis mínima atención e sen outra procupación que a de sentir o proceso, sei que camiño. E iso é o que máis me importa na poesía, na arte e polo tanto na vida: camiñar sen unha hora de chegada. (…)
– GH: O esplendor innegábel da literatura galega en todas a súas manifestacións pode e debe ser motivo dunha fonda reflexión?
– AO: A literatura galega é unha das grandes xoias coas que contamos como pobo e que máis nos identifica como tal, por iso é merecente dunha e mil reflexións.
– GH: Noto, de xa hai ben de anos, unha estupendísima incorporación das mulleres en todas as expresións literarias, pero preferentemente na poesía, que a min me resulta de grandísima altura, extraordinaria, non che parece tamén a ti, Antía?
– AO: A poesía galega ten unha grandísima altura estea feita por mulleres ou non. Afortunadamente, como ben dis, nos últimos anos son moitas as voces de muller as que se foron sumando ao sistema literario, pero que teñamos máis visibilidade non quere dicir que cando non a tiñamos a calidade fose menor. Altura literaria e muller, por sorte xa é un binomio incuestionable nos nosos días, pero para que iso ocorrese foron moitas as que foron silenciadas e diso si que non debemos esquecernos.”

Eva Veiga: “A beleza irresistible”

Entrevista a Eva Veiga en Galicia Hoxe:
“- Galicia Hoxe (GH): Coa poesía, e só coa poesía, es capaz de sentir outra vez a plenitude das tardes de cando eras nena?
– Eva Veiga (EV): As persoas que somos -eu digo afortunadamente- de aldea temos seguramente máis ocasión de experimentar nalgún momento a comuñón coa natureza que é, ao meu parecer, o máis semellante a un éxtase; é dicir, un intre de absoluta plenitude. E esta entrega que acontece con certa facilidade cando somos nenos, diminúe segundo nos imos adulterando. E é mágoa porque significa un vínculo profundo e indestrutible coa vida. Lembro, especialmente, certas tardes de outono: o aire como se movese unha luz de mel, o rumor seco do millo, unha humidade case imperceptible e anunciadora de tormenta; e aquel arrecendo a cocedura de pan nos fornos… E, en efecto, só na poesía podo reencontrarme con esa experiencia, case irresistible, da beleza. (…)
– GH: Que importancia ten a música para ti? Todo o que nos rodea na vida ten un ritmo propio?
– EV: Si, a música é esencial. Todo é vibración. O que vive soa. E o ritmo é o que compón, en última instancia, as formas da vida, da arte. Non en balde xa vai para 8 anos que formo parte, xunto aos músicos Bernardo Martínez e Fito Ares, do Grupo Ouriol realizando dentro e fóra de Galicia espectáculos poético musicais. Do mesmo xeito, son parte integrante do grupo musical e interpretativo Mon Santiso e Cia. Durante o proceso que durou o meu transplante de medula e a súa convalecencia, a música acompañoume e ata coido que foi fundamental na miña recuperación. Se escoito algunhas pezas podo volver revivir aqueles momentos nitidamente. Porén, eu non podería vivir sen o silencio.