O venres 27 de maio, ás 20:00 horas, no Colexio Calvo Sotelo (Rúa Mr. Archer Milton Huntington) da Coruña, represéntase de Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda, por parte do Grupo de Teatro da Asociación Alexandre Bóveda. Esta obra é unha adaptación teatral a cargo do director do grupo de teatro, Xoán Carlos Mejuto, da coñecida obra do mesmo nome de Xerardo Álvarez Gallego.
Arquivos mensuais: Maio 2011
Os editores galegos na Feira do Libro de Madrid
Rianxo: presentación de Cadro artístico: Airiños. 75 aniversario
O sábado 28 de maio, ás 19:00 horas, no Auditorio de Rianxo, a Asociación Cultural Barbantia, o Centro Cultural “Simón Varela” de Asados, a Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia, o grupo de teatro “Airiños” e o Concello de Rianxo presentan o libro Cadro Artístico: Airiños. 75 aniversario. Estarán presentes, entre outros, Xosé Luís Axeitos, Manuel Lourenzo, Anxo Angueira e Xesús Santos.
Xesús Manuel Marcos: “Quixen mostrar as entrañas do que pasa nas misións de paz”
Entrevista a Xesús Manuel Marcos en Faro de Vigo, desde Xerais:
“- Faro de Vigo (FdV): A temática da guerra non é frecuente na narrativa galega. Por que se decidiu a afrontala -e, ademais, dun xeito tan brutal en O bebedor de rakia?
– Xesús Manuel Marcos (XMM): A novela non xurdiu desa forma, como posibilidade de “afrontar” unha determinada temática. Simplemente, coñecía unha serie de circunstancias acontecidas nese lugar (a guerra de Bosnia) e nese periodo de tempo (1992–93),e pensei que podería intentar escribir unha historia. Por outra banda, a cuestión das misións humanitarias é algo que está en boca de todos, mais as informacións que abordan isto quedan na superficie, e non sabemos moi ben que se fai alí e como se desenvolve o traballo dos militares destinados nestes lugares. Polo tanto, intentei, a través dos meus personaxes, mostrar as entrañas do que aconteceu nunha destas misións, co fin demostrarlle ao lector aspectos seguramente descoñecidos para el. (…)
– FdV: O feito de vivir en Madrid, que perspectiva lle dá sobre a literatura galega que se está a facer e de que xeito inflúe na súa propia obra o residir fóra de Galicia?
– XMM: O que percibo é a existencia dunha literatura rica, variada, cunha serie de autores que contan coas lecturas e a experiencia na escrita suficientes para facer o que lles pete. Ademais, conflúen arestora escritores de varias xeracións, todos con grande madureza. Por outra banda, estamos diante dunha literatura pouco promocionada e valorada, tanto dentro como fóra de Galicia e, polo tanto, ignorada en boa medida. Polo demais, vivir nunha cidade como Madrid inflúe sobremaneira nun escritor, xa que somos como esponxas. O tipo de vida e as relacións que se establecen son distintas, iso afecta e cambia a túa escrita porque tamén te cambia a ti. Tematicamente, de certo que amplía as perspectivas e as posibilidades. O acceso a todo tipo de información tamén é unha axuda importante á hora de buscar novas cousas que contar. No meu caso, que me criei nunha pequena aldea courelá, os contrastes son enormes. Todo isto, sen perder a perspectiva, sen esquecer quen son, de onde veño e que cousas quero contar.
– FdV: Unha boa parte da súa produción enmárcase no campo da chamada “literatura xuvenil”. Vde. ten en conta a idade do público ao que se dirixe?
– XMM: Cando se trata da mal chamada “literatura xuvenil”, non o teño en conta. Supoño que si o tería no caso de escribir literatura infantil. Por unha cuestión de madureza no lector. Aínda que ultimamente é este tipo de lector o que máis me sorprende, pola súa imaxinación e creatividade, pola súa total implicación perante calquera proposta. Cada día me sinto máis a gusto na súa compaña.”
Carral: entrega do premio de poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, e presentación de As crebas, de Miro Villar
O venres
27 de maio, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Carral, entregarase o premio da 13ª edición do Certame de Poesía Concello de Carral a Emma Pedreira, polo seu Libro das mentiras, e preséntase o poemario gañador da anterior edición, As crebas, de Miro Villar, publicado en Espiral Maior. Pechará o acto unha actuación poético-musical de Iulius XIII, con poemas de Eli Ríos, Lois Pereiro e Emma Pedreira.
Betanzos: presentación de Señardade da luz, de Miguel Mato
Santiago: presentación de Neve, de Lucía Novas
O venres 27 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Pedreira (Rúa do Home Santo, 55) de Santiago de Compostela, preséntase Neve, de Lucía Novas, publicado en Espiral Maior. No acto, acompañando á autora, intervirán Rosa Enríquez e Mario Regueira.
Vigo: presentación de Cara unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán
O venres 27 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio do Mar de Vigo (Rúa Beiramar), preséntase o libro Cara unha poética feminista. Homenaxe a María Xosé Queizán, coordinado por Manuel Forcadela e Camiño Noia, publicado en Xerais. No acto participarán Mónica Bar Cendón, Iolanda Veloso, Camiño Noia, Manuel Bragado e a propia María Xosé Queizán. Crónica posterior en Faro de Vigo.
Rianxo: presentación de O sol da tristeza, de Fidel Vidal
O venres 27 de maio, ás 20:30 h., no Auditorio de Rianxo, preséntase o ensaio O sol da tristeza. A figura do pai na obra de Manuel Antonio, de Fidel Vidal, publicado en Espiral Maior. No acto, no que se presenta tamén un novo número de A Voz de Barbantia, participan, acompañando ao autor, Miguel Anxo Fernán-Vello, Xosé Luís Axeitos, Milagros Torrado e Pedro Piñeiro.
Santiago: representación de A illa das mulleres loucas, de Alfonso Pexegueiro
O venres 27 de maio, ás 21:00 h., no Teatro Principal de Santiago de Compostela, representación da peza que a Compañía Inversa Teatro preparou a partir do libro A illa das mulleres loucas de Alfonso Pexegueiro. A obra é unha peza poética de gran plasticidade na que as fronteiras entre o pasado, o presente e o futuro se esvaen para desvelar un tempo suspendido onde unha muller libra a súa propia batalla por definir os límites entre cordura e loucura. Vanesa Sotelo dirixe esta montaxe, con escenografía de Inversa Teatro, deseño de son de Berrogüetto e música de Anxo Pintos (zanfona) e Quico Comesaña (harpa), que actuarán en directo.