O Departamento de Educación do Concello de Santiago e Kalandraka convocan o V Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cunha dotación económica única de 9.000 euros en concepto de adianto polos dereitos de autor. O prazo de presentación dos traballos rematará o 2 de marzo de 2012 e o fallo do xurado darase a coñecer en torno ao 2 de abril, no marco do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e das actividades da XII Campaña de Animación á Lectura do Concello de Santiago. As bases completas pódense descargar aquí: V Premio Internacional Compostela Álbumes Ilustrados.
Arquivos mensuais: Decembro 2011
Santiago: presentación da reedición de Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra
O xoves 22 de decembro, ás 20:30 horas, no Modus Vivendi (Praza de Feixoo) de Santiago de Compostela preséntase Muller pra lonxe, de Uxío Novoneyra, unha reedición do Servizo de Publicacións da Excma. Deputación de Lugo, con Luís Cochón e Olga Novo. Este poemario recolle unha autoescolma da súa poesía amorosa entre os anos 1955 e 1985 ilustrada polo pintor Carlos Pardo Teijeiro.
Álvaro Cunqueiro na prensa galega
“Hoxe a presenza de Álvaro Cunqueiro é importantísima na prensa do país. Deixámosvos aquí algunhas mostras, como son o suplemento completo, en PDF, que lle dedica o Faro de Vigo a quen fora durante tantos anos o seu director. Á súa vez, La Voz de Galicia centra practicamente toda a sección de Cultura no autor de Mondoñedo.” Vía Galaxia.
Ramón Nicolás: “Cunqueiro fronte ao espello”
Artigo de Ramón Nicolás en La Voz de Galicia:
“Na faceta máis estritamente biográfica sobre Cunqueiro, a achega de Armesto Faginas configúrase aínda hoxe como insubstituíble. Con todo, ás opinións que estudosos do seu percorrido vital e ás voces testemuñais daqueles que o trataron, existe un capítulo, non exento de interese, que desvela certas claves da figura cunqueiriana. Tal é o constituído polas respostas que el mesmo ofreceu aos xornalistas que indagaban arredor do seu perfil máis humano. A este «Cunqueiro por si mesmo», con todo, cómpre achegarse con certa cautela, tendo ben presente a súa capacidade de fabulación, malia que neste caso teño para min que foi bastante sincero ao se referir ás esferas do máis privativo.
Malia que, segundo avanzan os anos, o escepticismo respecto da vida vai aumentando, nos anos cincuenta, e recluído en Mondoñedo, Santiago Lamas consegue que se autodefina como «vago, fantástico, cordial», con longas horas de descanso e con tendencia a deixalo todo para última hora, trazos aos que engadiría os de «carnal, humano e humilde» ao xornalista Pedro Rodríguez. Pouco despois, Segundo Mariño obtería as respostas de que se vía como «supersticioso, perezoso, buen lector y con algo de espíritu profético» e a Tico Medina confésalle que é un home «a quien le gusta la vida, que ve con cierta melancolía cómo se van los años… Humilde, comunicativo, dialogante… Pero al mismo tiempo solitario». E, en efecto, a soidade como elemento definitorio da súa personalidade é un risco apuntado xa nos anos trinta a Filgueira Valverde -«góstame a soidade»-, entendendo tal apetencia como algo impropio dun «home feliz».
Sobre os conceptos de fabulación e mentira nas relacións humanas faille saber a M.ª Dolores Serrano, a finais dos sesenta desde as páxinas de La Gaceta Ilustrada: «Yo no tengo afición a mentir. Pero tengo necesidad de fabular, incluso en mi relación con los otros seres humanos. Me parece que doy mejor por el camino de lo inventado que por el de lo real. Por las mismas razones siento verdadera debilidad por los anacronismos. Tengo necesidad de mezclar». Mais no ámbito da imaxinación xorde sempre o Cunqueiro máis faiscante ao confesarlle a Francisco Umbral que «hubiera querido ser cocinera de un ministro. De un ministro gallego del siglo pasado»; ao responderlle a Tomás Santidrián sobre cal sería a pregunta máis odiosa e responder que «siempre puede haber una que lo sea más» ou, finalmente, ao sorprender ao amentado Tico Medina co seu desexo de querer reencarnarse nun cervo dos Ancares para «poder bajar una de aquellas hermosas mañanas de abril, donde tendría que ser, naturalmente, hasta las nieblas del río, mordisqueando alguna fresilla silvestre». Cunqueiro por Cunqueiro: inimitable aínda hoxe, no día no que faría os cen anos.”
No mesmo medio de comunicación:
– As claves da súa poesía, por Ramón Nicolás.
– Do xénero humano, por Camilo Franco.
Estevo Creus: “Un libro ten vida independente, é coma un pequeno artefacto”
Entrevista a Estevo Creus en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): ¿Como xurde este poemario [Tirotea2]?
– Estevo Creus (EC): Nace dunha experiencia nun asilo de Lalín de anciáns de alta dependencia onde traballaba ou meu amigo Celso Fernández Sanmartín. El acostumaba a facer actividades con maiores e con nenos e xa traballaran con algúns dos meus Poemas da cidade oculta. A raíz diso enviáronme algúns debuxos e convidáronme a visitalos a cambio de que fixera algo despois.
– LVG: ¿Supón unha responsabilidade engadida traducir a poesía ás experiencias deses nenos e anciáns?
– EC: Isto ocorreu hai tres ou catro anos e foi unha cousa máis de xogar que de responsabilidades; de traballar e de participar en algo en común.
– LVG: ¿Foi moi complicado combinar o traballo con persoas de idades tan diferentes?
– EC: Eu non pensaba en nenos e adultos, senón nun libro que recollese ese traballo, con poemas nunha linguaxe moi sinxela e con toque humorístico que recollese os debuxos dos nenos, pero tamén pensando que o teñen que gozar os adultos aínda que os pequenos non entendesen algunhas cousas. Pero os libros teñen unha vida independente, son coma pequenos artefactos.
– LVG: ¿Repetiría a experiencia?
– EC: Un autor vai cambiando e vai buscando, isto non é unha cousa casual. A poesía busca camiños e un deses camiños pode ser o xogo, o humor, a ironía. Os meus libros anteriores eran máis ben serios, que non é o mesmo que profundos, pero interésame tamén o humor e a sorna como forma de coñecemento.
– LVG: Este Tirotea2 xa inspirou ata un espectáculo de danza.
– EC: Así é. Xa antes de saír o libro leuno algunha xente. A compañía Traspediante fixouse nel e pareceulle interesante traballalo na danza. Os debuxos, as bailarinas e os textos dalgúns poemas interactúan no escenario. É un espectáculo propio e diferente, pero para min foi un orgullo e unha ledicia.”
Xulio Valcárcel percibe O Courel como “unha Galicia que desaparece”
Reportaxe de Santiago Jaureguízar en El Progreso:
“O Courel representa unha «Galicia que desaparece, un escano que queda baleiro porque non hai continuidade para ese mundo rico», explica Xulio Valcárcel en referencia a O escano baleiro (Biblos). O escritor lucense considera que ese ámbito da nosa provincia e Uxío Novoneyra «non se poden entender o un sen o outro», polo que o poeta finado aparece unha e outra vez entreverado na crónica.
O escano baleiro recolle historia, sociedade, botánica, costumes e personaxes conformando unha obra que se mira «dende varias facetas e dimensións que vehiculiza Novoneyra». Segundo o seu autor, o volume recolle «o compromiso elexíaco, facendo unha achega ao mundo do Courel a través dunha paisaxe física, unha determinación biolóxica e unha riqueza presente nos camiños, na casa de Novoneyra ou nos costumes como a malla, a pisa ou os xogos».
«Uxío e o Courel son inseparables, foi Uxío quen nos falou da importancia da montaña e a pequenez do home», comentou o autor. Xulio Valcárcel apunta que traza esa relación a través dunha «documentación exhaustiva e dun anecdotario completo no que reflicto, por exemplo, o contido do exame que lle fixeron en Lugo ou cartas inéditas que ían dirixidas a Manuel María, aínda que non se sabe se chegou a mandalas»..
O autor de O escano baleiro reconoce que quedou «fascinado cando descubriu O Courel», algo que lle chegou porque o pai estaba destinado en Quiroga, polo que el botaba os veráns alí e o proxenitor adoitaba «visitar a zona para ver os amigos». (…)”.
O Temple (Cambre): encontro con Manuel Rivas
O venres 23 de decembro, ás 20:00 horas, na Librería A Libreira do Temple (Rúa Luís Seoane, 2, Cambre), terá lugar un encontro con Manuel Rivas, quen asinará exemplares do seu último libro, O máis estraño, publicado en Xerais. O acto terá acompañamento musical.
Ourense: presentación de Unha troita de pé, de Silvia Bardelás
O xoves 22 de decembro, ás 20:00 horas, no espazo do xornal dixital El Cercano (Avenida da Habana, 49, 1º D) de Ourense, preséntase a nova novela de Silvia Bardelás Unha troita de pé, publicada por Barbantesa. No acto acompañará á autora Xosé Monjardín, e haberá unha actuación musical a cargo de Cristina Pato ao piano, mentres Xan Padrón amosa as súas fotografías de New York.
As Pontes: presentación de Café só, de Anabel Alonso
O venres 23 de decembro, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura das Pontes (Casa Dopeso), terá lugar a presentación da primeira obra de Anabel Alonso, Café só, libro de relatos publicado en Morgante Edicións.
Pontevedra: presentación de Verbas no ar, de Iria Morgade
O xoves 22 de decembro, ás 20:00 horas, no salón de actos do Pazo de Mugartegui (Praza da Pedreira, 10) de Pontevedra, preséntase Verbas no ar, de Iria Morgade, novela gañadora do Premio Biblos-Pazos de Galicia. O acto está coorganizado polo Ateneo e o Concello de Pontevedra.