O xoves 24
de novembro, ás 20:30 horas, na Capitanía Marítima de Baiona (r/ Elduayen, 20, 1º andar) preséntanse os libros Loita de clases e represión franquista no mar (1864-1939), de Dionísio Pereira, e A memoria e o esquecemento. O franquismo da provincia de Pontevedra, de Gonzalo Amoedo, publicados en Xerais. O acto está organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos.
Arquivos anuais: 2011
Pere Tobaruela: “A razón do meu libro é explicar a presenza dos cataláns en Galicia”
Entrevista a Pere Tobaruela en La Voz de Galicia, a través de Xerais:
“- La Voz de Galicia (LVG): ¿Cal é o obxectivo que perseguiu ao escribir esta ficción [Poñente]?
– Pere Tobaruela (PT): O motor do libro é a presenza dos cataláns que chegaron aquí para por en marcha a industrias das salgaduras. Ese é o motor do libro. A partir de aquí comeza a parte na que se mergulla unha situación especial e o coñecemento do mundo dos cataláns.
– LVG: ¿Cal é a razón dese xogo do presente e o pasado?
– PT: A razón do libro é explicar a presenza dos cataláns aquí para por en marcha a industria da salgadura. E a maneira de explicalo é establecendo esa relación do presente co pasado. Son como dúas novelas nunha, pero na que todo está entrelazado. É esa dobre mirada para permitirlle ao lector unha mirada hoxe en día, para explicar ese pasado desde o presente en primeira persoa.
– LVG: ¿Por que lle interesou afondar nesa pegada dos cataláns na Galicia do século XIX?
– PT: O meu interese é á mesma vez o punto de partida da obra. A protagonista principal está nun cemiterio de Pobra do Caramiñal onde ve, como o autor, unhas lápidas con apelidos cataláns. Entón, a pregunta é que pasou logo. (…)”.
Santiago: presentación de Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación
O
xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Fundación Granell (Praza do Toural, s/n) de Santiago de Compostela, preséntase o libro Sentimentalismo. Antoloxía de referencia. Etapa de fundación, publicado pola editorial Bubela, baixo a coordinación de Manuel Celso Matalobos e Olga Patiño Nogueira. Xunto a eles, intervirán Mariña Pérez Rei, Iria González e Carlos Arias.
Santiago: V Xornada Xustiza e Lingua, Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, o luns 28 de novembro
O Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, a través do seu Servizo de Asesoramento Lingüístico, organiza a V Xornada Xustiza e Lingua, baixo o título Xustiza e Lingua, reflexións para a normalización, que se celebrará o luns 28 de novembro, a partir das 18:00 horas, no salón de actos do propio Colexio de Avogados (Rúa Eduardo Pondal, 4, baixo). O número de prazas é de 100, e a matrícula é de balde con inscrición previa. A certificación será conxunta do Colexio de Avogados de Santiago e a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Para obter máis información e formalizar a inscrición pódese consultar nesta ligazón. O programa é o seguinte:
– 18:00 h. Acto de apertura:
– Intervención do decano do Colexio de Avogados, D. Evaristo Nogueira Pol.
– Intervención do secretario xeral de Política Lingüística, D. Anxo Lorenzo Suárez.
– Intervención do director xeral de Xustiza, D. Juan J. Martín Álvarez.
– 18:15 h. 1ª mesa:
– O galego na sociedade e nas institucións. Relator: D. Víctor M. Vázquez Portomeñe, avogado e ex alto cargo da Xunta de Galicia.
– Poder público, sociedade e lingua. Relatora: Dª Paz Filgueira Paz, maxistrada do Xulgado Social núm. 1 de Santiago de Compostela.
– Coloquio.
– 19:10 h. 2ª mesa:
– O exercicio da avogacía e os dereitos lingüísticos da cidadanía. Relatora: Dª Alba Nogueira López, Dra. e profesora titular de Dereito administrativo da Universidade de Santiago de Compostela.
– Leis e xustiza en galego. Unha oportunidade para achegar a linguaxe xurídica á cidadanía. Relator: D. Xermán García Cancela, xefe do Servizo de Tradución da Xunta de Galicia.
– Coloquio.
– 20:00 h. Clausura da xornada.
Ourense: presentación de Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas
O xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Livraria Torga (Rúa da Paz, 12) de Ourense, preséntase o libro Un dedo manchado de tinta, de Manuel Portas, publicado en Xerais. No acto participa, xunto ao autor, Manuel Bragado.
Santiago: presentación de A poutada do Oso, de Lois Diéguez
O xoves 24 de novembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase a novela A poutada do Oso, de Lois Diéguez, publicado en Laiovento. O acto iniciarase coa proxección do DVD De Albre de espranza á Poutada do Oso. Deseguido intervirán: Francisco Pillado, Felipe-Senén López e Teresa Moure. Entre as 19:00 e as 20:00 horas Lois Diéguez estará á disposición do público na propia libraría para a sinatura de libros, acompañado de Felipe-Senén, quen fará aos asistentes fermosos debuxos.
Vigo: presentación de Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte
O xoves 24 de novembro, ás 20:30 horas, na Librería Librouro (Rúa Eduardo Iglesias, 12) de Vigo, preséntase o poemario Materia infinita, de Xoán Carlos Domínguez Alberte, publicado en Follas Novas Edicións. No acto, en que intervirán, xunto ao autor, Ramón Nicolás Rodríguez e Anxo Pastor, ilustrador do libro, terá lugar un pequeno recital de poemas do libro.
El Progreso convoca a 19 edición do premio Puro Cora
“El Progreso ven de convocar o XIX Premio Xornalístico Puro Cora, que premiará con 10.000 euros o mellor artigo en galego ou en castelán de entre os que concorran. Os textos terán que ser publicados por primeira vez entre o 2 de febreiro e o 15 de decembro de 2011 en medios de comunicación escritos e deberán estar asinados polo seu autor.
O tema do é libre, aínda que o xurado valorará especialmente aqueles que atendan á solidariedade, a comprensión entre vos homes e a defensa dos valores democráticos.
Os traballos dos aspirantes deberán ser remitidos por cuadriplicado e cun sobre cos seus datos persoais ao diario El Progreso, situado na Rúa Puro Cora, 3, 27002 de Lugo. O prazo para a recepción de orixinais remata o 30 de decembro de 2011.
Cada membro do xurado poderá propor cantos traballos considere merecedores do premio, un galardón único e indivisible que estará dotado con 10.000 euros. O xurado, presidido de forma vitalicia por quen ostente a presidencia do Progreso, dará a coñecer o fallo o 2 de febreiro de 2012, ao chegar o aniversario do nacemento do fundador do diario, Purificación de Cora y Más Villafuerte.”
Santiago: presentación de Contos Estraños Editora, o sábado 26 de novembro
“Publicar volumes colectivos de relatos curtos na liña da literatura pulp americana de comezos do século XX. As historias fantásticas e de terror en galego teñen cabida en Contos Estraños Editora. O proxecto, que se presenta o vindeiro sábado 26 de novembro ás 21 horas no Pub Tatooine de Santiago de Compostela, arrinca con dúas liñas editoriais. Por unha banda, Contos Estraños Pulp, unha serie de libros colectivos de obras curtas da que se presentará o número 0, Amañeceres Estraños. Pola outra, anuncian Contos Estraños para Nenos Friquis que lanzará “contos ilustrados para nenos de temática desenfadada e paródica” da “subcultura denominada comunmente “friqui””. A primeira entrega desta serie sairá nas vindeiras semanas co título Apalpador vs. Papá Noel. Tomás González Ahola, coordinador de Urco Editora e mais Fernando M. Cimadevila, autor de O mundo secreto de Basilius Hoffman: O Ladrón de Soños, son os responsables da aventura editorial que agora comeza. A súa intención é “normalizar o panorama da literatura fantástica en lingua galega” e buscar a “promoción de autores e ilustradores do país”, especialmente na produción de obras de narrativa breve e de traballos colectivos.” Vía Cultura Galega.
Barcelona: Rosalía de Castro, unha musa fecunda
“O pasado venres
18 de novembro celebrouse en Barcelona o seminario Rosalía de Castro. Unha musa fecunda, organizado pola área de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela, o Centre Dona i Literatura e a área de Estudis Gallecs i Portuguesos da Universitat de Barcelona. A xornada contou coa presenza de investigadoras galegas e catalás como Margarita García Candeira, María do Cebreiro, Dolores Vilavedra, Helena Miguélez-Carballeira, Joana Masó ou Isabel Clúa. As sesións matinais estiveron dedicadas ao estudo da obra narrativa da autora galega e á análise da conciencia de escrita de Rosalía de Castro a partir das novas lecturas dende xénero. Pola tarde a gran protagonista foi Catherine Davies (The Nottingham University), que en 1987 publicou Rosalía de Castro no seu tempo, editado pola editorial Galaxia. Este ensaio erixiuna nunha figura fundamental nos estudos rosaliáns, despois de obter unha gran recepción entre a crítica. A autora someteuse, primeiramente, a unha rolda de preguntas que lle trasladaron María Xesús Lama e Dolores Vilavedra. A conversa distendida serviu para que relatase como foi a xestación deste ensaio, as trabas que atopou na procura de material, como chegou a Rosalía despois duns anos vivindo en Vigo, como aprendeu a lingua de Follas Novas co Gallego 1 e como, dende o Reino Unido, lle enviou o texto definitivo a Ramón Piñeiro que llo devolveu tempo despois en forma de libro. O seminario concluíu coa conferencia Rosalía de Castro no contexto do século XIX en España e Hispanoamérica, impartida por Catherine Davies. Ante unha sala chea debuxou o panorama político, social, literario e económico no que escribía a autora de Cantares Gallegos. Recoñeceu, finalmente, que, vinte e cinco anos despois de ter escrito Rosalía de Castro no seu tempo, rectificaría algunhas ideas e ofrecería unha lectura anovadora nalgúns aspectos.”