Entrevista de Armando Requeixo a Olga Novo, no seu blogue Criticalia:
“(…) – Armando Requeixo (AR): ¿Tes algún hábito singular ou manía á hora de escribir?
– Olga Novo (ON): Ningún. Escribo como vivo, con entusiasmo natural e naturalidade entusiasmada. Non necesito nada especial para escribir, soamente o pulo vital que me leva a facelo. Ademais, eu creo que as poses literarias contradín a propia poesía. (…)
– AR: ¿Que cres que lle falta aínda ás nosas letras e que lle sobra definitivamente?
– ON: Eu penso que cada quen debe ser libre de buscar a súa propia verdade literaria, alleo/a a modas e a correntes máis ou menos efémeras. Eu creo na independencia radical e, polo tanto, tamén na máis total e profunda independencia creadora. Creo precisamente que falta esta independencia e esta radicalidade. Penso que nas letras galegas, coma na literatura universal, falta Poesía e sobra Literatura, no sentido que a estas palabras lle deu Verlaine. (…)
– AR: Se desexas facer algunha outra consideración, túa é a palabra.
– ON: Na miña poesía, coma na miña vida, gustaríame que rexese esta máxima pompeiana escrita sobre un dintel, acompañando unha imaxe fálica: HIC HABITAT FELICITAS –Aquí habita a felicidade-, quizais a máis fonda revolución individual e, polo tanto, literaria e que, como quería Pascal, por fin lle quitemos a venda dos ollos a Eros e amor poida contemplar as belezas múltiples coa soa lucidez que importa.”
Arquivos mensuais: Febreiro 2012
Lalín: presentación de Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor
O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no Museo Ramón María Aller Ulloa (Rúa Ramón Aller, 9) de Lalín, preséntase Seara. Obra poética (1971-2011), de Xosé Vázquez Pintor, publicada por Espiral Maior. No acto, no que terá especial relevancia a proxección de imaxes das obras de arte dos pintores e escultores de Galicia, participa, xunto ao autor, o editor Miguel Anxo Fernán-Vello.
O autor fíxonos chegar este poema que abrirá o acto, co que se suma tamén á iniciativa do Día de Rosalía promovida pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega:
ROSA EN IRIA
COMO NOS VAI NA URDIME DAS PALABRAS
por tanto aniversario que trasnoita
e anda en soño sentido nas esperas?
E véxote sempre vir de algar canda os fulgores
do solsticio, noite en luz que nos amence e somos
posuídos pola maxia das fontes e dos mares:
versos brancos cabalados no alto coma pedras
informes onde asubía o vento dos refachos
que despois vai no auxilio de alguén que chama ao lonxe
e grita: ven axiña, non pouses, sube ao colo
da Terra e cadra aquí con nós un tempo
de silencio encantenón acorda outra mornura
e antes foxe o desamor, o esquenzo, a tolería
de non ser senón aquela sombra que acompaña:
ROSALÍA NA DANZA DA RISA E DA INTEMPERIE
NUNCA ALTARES
Xosé Vázquez Pintor.
Ourense: presentación de Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón
A sexta feira 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no Museo Municipal (Rúa Lepanto, 8) de Ourense, preséntase Como defenderes os teus dereitos lingüísticos, de Carlos Callón, publicado en Xerais. No acto, organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística, coa colaboración da Livraria Torga, participará o propio autor acompañado por Rut Reza e Xosé Lois González, O Carrabouxo.
Vigo: conferencia de Eduardo Santiago sobre A experiencia de escribir ficción científica
O venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, na Casa Galega da Cultura de Vigo, terá lugar unha conferencia de Eduardo Santiago sobre A experiencia de escribir ficción científica, dentro dos actos de divulgación do II Concurso de relatos de ficción científica Inspiraciencia. No acto estará acompañado por Luísa Martínez Lorenzo.
Vigo: presentación de Os quilómetros que percorremos desnde aquela, de Alberte Momán
O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, na Libraría Andel Virtual (Pintor Lugrís, 10) de Vigo, preséntase Os quilómetros que recorremos dende aquela, o novo poemario de Alberte Momán, publicado en Toxosoutos.
A Pobra do Caramiñal: presentación de Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello
O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, no salón de actos do Liceo d’A Pobra do Caramiñal (Rúa da Paz, 27), preséntase o libro Laura no deserto, de Antón Riveiro Coello, publicado en Galaxia. No acto, organizado pola A. C. Barbantia, participan, xunto ao autor, Víctor F. Freixanes, Xesús Laíño, presidente de Barbantia e Jorge Abal Caamaño. Crónica posterior en Galaxia.
Ourense: presentación de Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo
O venres 24 de febreiro, ás 20:15 horas, na CEO de Ourense (Praza das Damas), preséntase o libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, de Tucho Calvo, publicado en Biblos. No acto, xunto ao autor, intervirá Pilar Rodríguez.
Santiago: presentación da edición ilustrada de Follas Novas en El Patito
O venres 24 de febreiro, ás 20:00 horas, no espazo de arte de El Correo Gallego (Rúa do Preguntoiro, 29) de Santiago de Compostela, preséntase a edición ilustrada por Álvaro de la Vega de Follas Novas, de Rosalía de Castro, publicada pola Editorial El Patito. No acto intervirán Xerardo Conde Roa, o Secretario Xeral de Cultura e Gemma Sesar, xunto ao ilustrador.
Convocado o X Certame de relato curto en galego Concello de Mugardos
O Concello de Mugardos, a través da Concellaría de Política Lingüística, convoca a décima edición do Certame de Relato Curto en galego Concello de Mugardos.
BASES
– Primeira: Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade.
– Segunda: Os relatos terán unha extensión máxima de 10 folios. Serán realizados obrigatoriamente en lingua galega. O tema será libre. Deberán presentarse en formato DIN A4 por unha cara, mecanografados a dobre espazo, corpo de letra 12 e encabezados polo título. Os textos terán que ser orixinais, inéditos e non premiados en calquera outro tipo de concurso.
– Terceira: Estabelécense dúas categorías nas que o xurado designará un/unha gañador/a por categoría.
* até 18 anos.
* e maiores de 18 anos.
O premio de cada unha das categorías consistirá nun bono para mercar libros en galego. Para os relatos infantís haberá Mencións Especiais con diploma acreditativo e lote de libros, se o xurado o considera oportuno.
* até 18 anos: o premio será un bono por valor de 300 euros.
* maiores de 18 anos: o premio será un bono por valor de 400 euros.
– Cuarta: As/os participantes poderán presentar até un máximo de 3 relatos pero só terán opción a un premio. Achegaranse tres copias sen asinar dentro dun sobre pechado que especificará no exterior o pseudónimo elixido polo/a autor/a, a categoria a que se presenta e o nome do certame. Dentro deste sobre incluirase outro sobre pechado, co pseudónimo no exterior, que conterá fotocopia do documento de identidade e unha cuartilla co nome, apelidos, idade, enderezo completo e teléfono do/a autor/a. Se é posíbel xuntarase soporte informático do relato.
– Quinta: O prazo de entrega dos relatos é durante todo o mes de abril. Presentaranse no rexistro de entrada do Concello de Mugardos ou enviaranse mediante correo certificado ao seguinte enderezo indicando: X CERTAME RELATO CURTO CONCELLO DE MUGARDOS, Concellaría de Política Lingüística do Concello de Mugardos, Avenida de Galicia, 45. 15620 Mugardos (A Coruña), segundo o estabelece a Lei de Réxime Xurídico do Procedemento Administrativo Común no Art. 38.4.
– Sexta: O xurado, designado polo Concello de Mugardos, emitirá o seu ditame o 17 de maio, Día das Letras Galega, dando cumprida notificación deste nos xornais de maior difusión no concello e na Comunidade Autónoma. Os premios poderán ser declarados desertos.
– Sétima: O Concello de Mugardos resérvase a propiedade dos relatos premiados, así como os dereitos de publicación das obras premiadas nos medios que considere oportunos. Neste sentido o/a autor/a renuncia a favor do Concello a calquera tipo de remuneración polos seus dereitos de autor. Os relatos non premiados permanecerán na casa do concello, a disposición dos seus autores/as, durante os dous meses seguintes á entrega de premios. Transcorrido este período, os que non foran reclamados serán destruídos.
– Oitava: O acto de entrega de premios comunicarase no momento oportuno.
– Novena: A participación nesta convocatoria implica a aceptación das normas contidas nas presentes bases, así como a decisión do xurado que será inapelábel.
Mugardos, 16 de febreiro de 2012
O alcalde
Xosé Fernández Barcia”
Gondomar: presentación de Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso
O venres 24 de febreiro, ás 20:30 horas, na Libraría Libraida (Rúa Rosalía de Castro, 13) de Gondomar, preséntase Vigo a 80 revolucións por minuto, de Emilio Alonso, publicado en Edicións Xerais.