Betanzos: recital poético e musical na Libraría Carricanta

O mércores 15 de maio, ás 20:30 horas, na Libraría Carricanta (Rúa Doutor José Fariña, 1) de Betanzos, terá lugar un recital coas intervencións poéticas de Pedro Casteleiro, François Davo, Eduardo Estévez, Tati Mancebo, Luís Mazás e Ramiro Torres, en diálogo coa música en directo de César Morán.

Photo-call do Día das Letras Galegas na Rede Museística Provincial de Lugo

BASES

Esta actividade pretende render unha homenaxe simbólica a Roberto Vidal Bolaño a través das palabras e da caracterización que mellor o identificou: o chapeu e o nariz de pallaso. O photo-call levarase a cabo do 14 ó 19 de maio. Durante toda esa semana, os nosos visitantes terán á súa disposición un pequeno escenario no que farán un posado ataviados co sombreiro, o nariz de pallaso e un cartelón no que escribirán unha palabra en galego, a que máis lles guste. Todas estas imaxes iranse colgando nas redes sociais de cada un dos museos da Rede (facebook, twitter).
Con tódalas palabras recollidas, invitámosvos a que elaboredes con elas un texto literario, que ben poden ser relatos, microrrelatos, poemas, cancións, videocreacións, twitts (140 caracteres), etc., para que as compartan nos espazos web do museo.
Desde o 20 ó 31 de maio, abrimos as nosas redes para que colguedes as vosas creacións e entre todas elas, vós mesmos decidiredes un gañador para cada unha das categorías. As obras que sume máis “Gústame” ata o 16 de xuño, nas redes sociais de cada un dos museos pertencentes á Rede Museística Provincial, recibirá un lote de libros.

BASES DE PARTICIPACIÓN:
– Cada usuario pode participar indistintamente en cada unha das redes sociais de cada un dos museos que forman parte da Rede Museística Provincial: Museo Provincial de Lugo, Pazo de Tor, Museo Provincial do Mar de San Cibrao e Museo Fortaleza San Paio de Narla. Haberá un gañador por categoría en cada un dos museos da rede.
– Cada persoa pode participar cun número ilimitado de creacións.
– As categorías son as seguintes: relatos, microrrelatos (máximo 150 palabras), poesía, canción, videocreacións, Tuits (somentes para Twitter, máx. 140 caracteres) e creación libre (nesta categoría admítense formatos que destaquen pola súa orixinalidade e que non se poidan inscribir nas categorías citadas previamente).
– As obras gañadoras serán aquelas que sumen máis votos ou “gústame” entre o facebook e o twitter de cadanseu museo.
– As votacións permanecerán abertas desde o 20 de maio ó 16 de xuño.-O nome e as obras dos gañadores serán colgadas novamente nas redes sociais de cada museo, ó longo da semana seguinte ó peche das votacións.
– Ós premiados entregaráselles un lote de libros editados pola Rede Museística Provincial de Lugo.

A Coruña: ofrenda floral da A. C. O Facho en lembranza de Roberto Vidal Bolaño

O mércores 15 de maio, ás 12:15 horas, diante do monumento a Manuel Curros Henríquez nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña, a Agrupaçom Cultural O Facho realizará a tradicional ofrenda floral co gallo do Día das Letras Galegas, en lembranza de Roberto Vidal Bolaño. No acto falará o presidente d’O Facho, Xosé Luís Rodríguez Pardo.

Intervencións de Cesáreo Sánchez e Lídia Jorge nos VI Encontros Cidade da Coruña

Finalizamos a publicación das conferencias que tiveron lugar nos VI Encontros Cidade da Coruña, celebradas no mes de abril e maio deste ano, 2013.
Lídia JorgeEscritora Galega Universal 2013 pronunciou a conferencia Quem guardará os livros.

Pódense escoitar aquí, completas, a Laudatio da Escritora Galega Universal (Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG)
E a intervención da propia autora:Conferencia (Lídia Jorge)

Carballo: presentación de Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón

O luns 13 de maio, ás 20:30 horas, no Casino de Carballo, preséntase o libro Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, de Carlos Callón, publicado en Xerais. O acto está organizado pola Mesa pola Normalización Lingüística de Bergantiños.

Arteixo e A Coruña: presentacións de Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena e Gonzalo Enríquez Veloso

O martes 14 de maio, ás 17:30 horas, no Centro Cívico de Arteixo, preséntase Un chapeu negro e un nariz de pallaso, de Montse Pena Presas e Gonzalo Enríquez Veloso, publicado en Galaxia. No acto participan o autor do documental e Fran Naveira.
O día seguinte, o mércores 15 de maio, ás 19:30 horas, preséntase tamén na FNAC (Praza de Lugo) da Coruña, coa presenza de Gonzalo Enríquez Veloso e Francisco Castro.