O mércores 4 de decembro, ás 20:00 horas, no local de Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22) da Coruña, preséntase Caderno do Nilo, de Cesáreo Sánchez Iglesias, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Antía Otero, Xavier Seoane e Manuel Bragado.
Arquivos mensuais: Decembro 2013
Cesáreo Sánchez Iglesias presenta o seu último poemario: Caderno do Nilo
Tabela dos Libros de decembro, por Armando Requeixo
Desde o blogue Criticalia, de Armando Requeixo:
“Como cada mes, velaquí a Tabela dos Libros. Nela figuran seleccionados os volumes que, ao ver d@s crític@s participantes (Manuel Rodríguez Alonso, Inmaculada Otero Varela, Francisco Martínez Bouzas, Montse Pena Presas e Armando Requeixo), son estimados como os máis recomendables entre os publicados nas últimas semanas. Boas lecturas de Nadal!»
Cuestionario Proust: Xabier P. DoCampo
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Xabier P. DoCampo:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A facilidade coa que me entusiasmo cos proxectos novos.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A lealdade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Correspondencia no amor e na lealdade.
4.– A súa principal eiva?
– Teño un xenio do demo.
5.– A súa ocupación favorita?
-Ler, o cinema… E calquera traballo que se faga coas mans.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A felicidade dos meus.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– A perda do amor dos meus.
8.– Que lle gustaría ser?
– Director de orquestra.
9.– En que país desexaría vivir?
– Neste sempre, e mellor sendo a nación dona de si.
10.– A súa cor favorita?
– A vermella?
11.– A flor que máis lle gusta?
– A chorima ou a queiroga cando pintan de amarelo e de púrpura a aba dos montes.
12.– O paxaro que prefire?
– A laverca cando, na planta das patacas, cantaba, case inmóbil, aló no máis alto do ceo.
13.– A súa devoción na prosa?
– Cunqueiro, Stevenson…
14.– E na poesía?
– Cunqueiro, Pimentel, Díaz Castro, Tovar…
15.- Un libro?
– A illa do tesouro, Merlín e familia…
16.– Un heroe de ficción?
– John Silver.
17.– Unha heroína?
– Sherezade.
18.– A súa música favorita?
– A clásica, o jazz… e todas as cantoras e cantores galegos.
19.– Na pintura?
– Caravaggio, Velázquez, Picasso, Magritte, Renoir…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Calquera home ou muller que se repoña fronte á adversidade.
21.– O seu nome favorito?
– María.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A soberbia.
23.– O que máis odia?
– A humillación do débil e a cobiza dos poderosos.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Todos aqueles que fixeron e fan que un pobre pase fame para que un rico viva mellor.
25.– Un feito militar que admire?
– Sierra Maestra.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Habelencia para a música e tocar o piano.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Mirando a morte cos ollos abertos.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Cambiante.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A nugalla e a indulxencia que dita o amor.
30.– Un lema na súa vida?
– Non fagas mal a ninguén (que me dicía meu pai).”
Unha exposición na Universitat Autònoma achega Roberto Vidal Bolaño aos cataláns
Desde Sermos Galiza:
“Barcelona ten este mes a oportunidade de descubrir (ou lembrar) a Roberto Vidal Bolaño, e de se achegar á súa obra. A Universitat Autònoma de Barcelona acolle unha exposición sobre a vida e obra do dramaturgo compostelá, mostra organizada por Estudis Gallecs UAB.
A exposición está formada por 10 carteis que mostran unha panorámica da vida e da obra do dramaturgo de Vista Alegre (Compostela). A selección de textos e imaxes da exposición foi elaborada pola Asociación Roberto Vidal Bolaño, que impulsou a conmemoración deste ano como Día das Letras Galegas para Roberto Vidal Bolaño. A edición foi feita pola Xunta de Galicia.”
A Coruña, Betanzos, Compostela e Vigo: Susana Araújo, nos Caminhos da Literatura Portuguesa na Galiza
A Pobra do Caramiñal: homenaxe a Anxo Rei Ballesteros
O Carballiño: presentación de Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez
O xoves 5 de decembro, ás 20:30 horas, no Casino do Carballiño, preséntase Retallos daquela infancia, de Bautista Álvarez, publicado por Xerais. No acto, coorganizado pola editorial e A Mesa pola Normalización Lingüística, participan, xunto ao autor, Eladino Cabanelas, César Varela e Manuel Bragado.
Compostela: presentación de Cadeas, de Xabier López
O mércores 4 de decembro, ás 20:00 horas, na Libraría Couceiro (Praza de Cervantes, 6) de Santiago de Compostela, preséntase Cadeas, de Xabier López, publicado en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Ramón Nicolás e Fran Alonso.
Cuestionario Proust: Agustín Fernández Paz
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Agustín Fernández Paz.
“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A empatía (agás cos “poderosos”).
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– O afecto. E que actúen sen dobreces.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Afecto e comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– A indecisión á hora de solucionar algún problema.
5.– A súa ocupación favorita?
– Unha delas: ver bo cine.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Estar a carón das persoas que quero.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Sentirme afastado das persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Estou conforme co que son.
9.– En que país desexaría vivir?
– Gústame Galicia, malia todas as desfeitas.
10.– A súa cor favorita?
– Todas as cores do mundo.
11. – A flor que máis lle gusta?
– As rosas. E a do cinamomo (que en Vilalba chamabamos azahar).
12.– O paxaro que prefire?
– O xílgaro.
13.– A súa devoción na prosa?
– Franz Kafka e Álvaro Cunqueiro.
14.– E na poesía?
– José Ángel Valente
15. Un libro?
– Punto Cero.
16.– Un heroe de ficción?
– Atticus Finch, o avogado de Matar un reiseñor.
17.– Unha heroína?
– Ann Mueller-Sthal, a protagonista d´A caixa de música.
18.– A súa música favorita?
– A das voces femininas do jazz, como Billie Holiday ou Dinah Washington.
19.– Na pintura?
– Vincent van Gogh e René Magritte.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Heroe: Emilio Silva / heroína: Rosa Parks.
21.– O seu nome favorito?
– Mariña.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A petulancia, a soberbia.
23.– O que máis odia?
– Paga a pena odiar? Mellor, o desprezo polas persoas que medran explotando outras.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hai ben delas! Pinochet e Franco andarían no listado.
25.– Un feito militar que admire?
– A actuación do exército portugués o 25 de abril.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Ter bo oído para a música e tocar algúns instrumentos
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Gustar e morrer na mesma frase? Da maneira que menos dor lles cause ás persoas que quero.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– De agradecemento á vida, ese galano marabilloso.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Todos os que non impliquen a dominación sobre outras persoas.
30.– Un lema na súa vida?
– «O único que queda é o amor».