Lugo: edición número 34 da revista oral O pazo das musas

O xoves 19 de decembro, ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, terá lugar a edición número 34 da revista oral de periodicidade trimestral O pazo das musas, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), e coordinada por Antonio Reigosa, con entrada libre.
Este número estará dedicado a lembrar a figura de Agustina Otero, coñecida tamén como Carolina Otero ou A Bela Otero, con motivo de cumprírense 150 anos do seu nacemento. Despois dunha nenez tráxica no seu Valga natal, Agustina conquistará o París galante de finais do s. XIX e principios do XX (o da Belle Époque) como estrela do Folies Bergère. Bailarina, cantante, actriz e cortesá; unha fermosísima muller, amante de homes influíntes (Guillermo II de Alemaña, Nicolás II de Rusia, Leopoldo II de Bélxica, Alfonso XIII de España, Eduardo VII do Reino Unido…). Foi inmensamente rica e morreu case centenaria e pobre (pois era moi afeccionada ao xogo) en Niza, onde está soterrada. Para achegarnos a unha muller tan controvertida e polémica contamos coa colaboración de Alicia Fernández, Marica Campo, Encarna Lago, Noemí López, Paula Cabaleiro e Noa Persán, que nos achegarán os seus particulares retratos da artista con poemas, semblanzas e homenaxes artísticas. Mais na revista, desta volta, recrearemos o ambiente parisino da Belle Époque e convertiremos o Refectorio nun cabaret cos decorados, músicas e personaxes de entón. Unha recreación na que renacerá a Bela Otero con todo o seu esplendor grazas ao traballo do Grupo de Teatro Palimoco e a Aula de Teatro da USC. Un espectáculo total que, en confianza, non debera deixar pasar.

SUMARIO DO NÚMERO 34

A Aula de Teatro USC-Lugo e Palimoco Teatro (coa colaboración de Yuri Sidar) presentan: A muller máis femosa do mundo.

1.- Bonsoir Mesdames et Monsieurs, bienvenues au le spectacle plus grand dun monde (5′).
2.- Benvida, por Antonio Reigosa (2’).
3.- Pola muller máis fermosa do mundo! (brinde) (1′).
4.- Unha mirada densa, por Alicia Fernández (10’).
5.- Pola vida (1’).
6.- Bela sen palabras, vídeomontaxe de Noemí López (4´).
7.- Por Agustina Carolina (13´).
8.- La Bella Otero: te espero … / al capitán Centella … , por Encarna Lago e Paula Cabaleiro (10’).
9.- Polas xoias (13’).
10.- Lectura de poemas de Alicia Fernández (A expulsada) e Marica Campo (As catro lúas de Agustina-Carolina) (6’).
11.- Non vai máis! (4’).
12.- O Poder do Abismo, vídeomontaxe de Noa Persán (3‘).

A Coruña: presentación de Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado

A quinta feira 19 de decembro, ás 20:00 horas, no local da Asociación Cultural Alexandre Bóveda (Rúa Olmos, 16-18, 1º) da Coruña, preséntase Obra reunida (1994-2008), de Verónica Martínez Delgado, publicado pola editorial Amargord. No acto participan, xunto á autora, o director da editora e Alberte Momán.

Cangas: presentación de Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira

O xoves 19 de decembro, ás 20:30 horas, na Libraría Maraxe (Avenida de Marín, 9), de Cangas, preséntase Historia de Galicia, de Anselmo López Carreira, publicado en Xerais, nun acto que contará coa presenza do autor.

Pontevedra: presentación pública do proxecto A memoria das mulleres

O xoves 19 de decembro, ás 19:30 horas, na Casa das Campás de Pontevedra, preséntase o proxecto A memoria das mulleres. No acto, de carácter público, darase o coñecer o consello asesor deste programa de investigación e divulgación da historia e da memoria das mulleres de Pontevedra, composto por María Xesús López Escudeiro, Teresa Casal, Salomé Álvarez Blanco, Carme Vidal, Aurora Marco, Pilar Allegue, Cristina González, Charo Portela Yáñez, Patricia Arias, Carmen Suárez, Montse Fajardo e Xosé Álvarez Castro.
Tamén terá lugar unha intervención de Aurora Marco, baixo o nome de Semblanza de mulleres pontevedresas, e, para finalizar, as actuacións do grupo de pandereteiras Adonairare e da cantante pontevedresa Ángeles Ruibal.

Nace Ith, a plataforma galega para o crowdfunding literario

Desde Cultura Galega:
“”Unha plataforma literaria baseada no financiamento colectivo que busca crear unha comunidade de lectores arredor de proxectos literarios moi especiais”. Este é o xeito no que se presenta Ith Crowdfunding, unha plataforma galega que xorde da Fundación Uxío Novoneyra co apoio do Ministerio de Cultura. Para alén de conseguir financiamento para novas propostas de escrita, o web pretende servir para pór en contacto persoas afeccionadas á lectura mediante a sección A Caixa de Ith. Polo momento, están xa abertos dous proxectos: Primeiros auxilios, iniciativa poético-musical do dúo Cintaadhesiva e mais a edición do caderno de escena en formato e-audiolibro de PULP, espectáculo de Fantoches Baj a partir de poemas de Lois Pereiro.”

Santiago: presentación de Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros

O mércores 18 de decembro, ás 19:30 horas, na Biblioteca Ánxel Casal de Santiago de Compostela (Avenida Xoán XXIII, s/n), preséntase Ámote Leo A. Destino Xalundes, de Rosa Aneiros, publicado en Xerais. Previamente, a partir das 18:00 horas, a autora manterá un encontro coas lectoras e lectores do Clube de Lectura Xuvenil da Biblioteca e o Clube de Lectura CleCa de Santiago de Compostela.