Rosa Aneiros: “Unha road movie marcada polo optimismo. Conversa sobre Ámote Leo A

Entrevista de Ramón Nicolás a Rosa Aneiros en Qué Leer, desde o seu blogue Caderno da crítica:
“(…) – Ramón Nicolás (RN): Resistencia foi unha novela moi reeditada. Confiaba no feliz percorrido que gozou e goza este libro?
– Rosa Aneiros (RA): Era a primeira vez que escribía unha novela de adultos e bastante esforzo foi aprender a construíla como para imaxinar o eco que traería consigo. Se o chego a saber, talvez me tería condicionado máis a súa escritura pero foi algo espontáneo e por iso o resultado tan gratificante.
– RN: Intérnase agora, de novo, no ámbito da literatura xuvenil: un xénero no que se sente cómoda?
– RA: Os mozos son un público agradecido, xeneroso e entusiasta que vive cada historia coma se fose a última. Están nunha fase da vida en que todo resulta un descubrimento e esa alegría de vivir contáxiana ás lecturas polo que creo que as miñas obras son máis grandes cando eles as len. Unha tamén busca egoistamente a beleza das súas obras e, a través das súas lecturas, estas crecen e supéranse a si mesmas. Claro que ese é mérito seu como público e non meu como autora.
– RN: Ámote Leo A. é o primeiro volume dunha triloxía para novos lectores. Que significa o proxecto para vostede e por que esta estrutura?
– RA: Cada proxecto literario supón un reto para min. Neste caso, quixen construír unha triloxía na que teñen especial peso os diálogos, as viaxes, as redes sociais e as aventuras. Trátase dunha especie de road movie marcada polo optimismo e pola necesidade de loitar para conseguir os teus soños. A medida que a protagonista, Leo, devora quilómetros descubrimos como afronta as vicisitudes da viaxe máis fascinante da vida: ao interior de si mesma. E todo iso pasando por Istanbul, Venecia, Bos Aires, París, O Cairo, Ushuaia… (…)”

Coñécense as obras gañadoras do XXXIX Certame Modesto R. Figueiredo

O sábado 28 de decembro, ás 12:30 horas, na Casa da Cultura do Concello de Maside (Ourense), entregaranse os premios do XXXIX Certame Nacional Galego de narracións breves Modesto R. Figueiredo. As obras que obtiveron os galardóns desta edición foron:

1º Premio Modesto R. Figueiredo 2013:
Cara a Tiananmen Square, de María Cristina Pavón Mauriz (Vigo).

Accésits:
– A) Art decó, de Clara do Roxo (Vigo).
– B) O cabaleiro, a dama e o dragón, de Rubén Anido Regueiro (Sada, A Coruña).

Cuestionario Proust: Antón Riveiro Coello

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Antón Riveiro Coello:

“1.– Principal trazo do seu carácter?
– A teimosía.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A xenerosidade.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Comprensión.
4.– A súa principal eiva?
– A desconcentración.
5.– A súa ocupación favorita?
– Escribir.
6.– O seu ideal de felicidade?
– Paz e liberdade.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Perder a calquera das miñas tres mulleres.
8.– Que lle gustaría ser?
– Un personaxe de ficción.
9.– En que país desexaría vivir?
– Na Galiza.
10.– A súa cor favorita?
– Vermello.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A margarida.
12.– O paxaro que prefire?
– A rula.
13.– A súa devoción na prosa?
– Eduardo Blanco Amor.
14.– E na poesía?
– Manuel Antonio.
15. Un libro?
Arraianos.
16.– Un heroe de ficción?
Ulises.
17.– Unha heroína?
– Madame Bovary.
18.– A súa música favorita?
– O jazz.
19.– Na pintura?
– Van Gogh.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Mercedes Núñez.
21.– O seu nome favorito?
– Mar.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– O ruído.
23.– O que máis odia?
– A violencia.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– Hitler.
25.– Un feito militar que admire?
– Ningún.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– O da invisibilidade.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– Dentro dun soño, en silencio.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Optimismo.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– A ignorancia.
30.– Un lema na súa vida?
– No pouco está a graza e no moito a desgraza.”

Rosalía Fernández Rial e Lorena Souto, finalistas no Premio Nacional de Poesía Miguel Hernández

Desde La Voz de Galicia:
“A carballesa-muxiana Rosalía Fernández Rial (1988), quedou finalista no Premio Nacional de Poesía Nova Miguel Hernández, que se fallou o pasado venres en Madrid. No acto tamén estivo presente como xurado o autor fisterrán Modesto Fraga Moure, que acudiu como representante da Real Academia Galega, nun acto que se celebrou na Secretaría de Estado de Cultura. O premio Miguel Hernández escolle ao mellor libro de poesía escrito por autores menores de 31 anos. O gañador desta edición foi Unai Velasco, co libro Neste lugar. Rosalía Fernández, coa súa obra Vinte en escena, chegou á última rolda xunto a outra autora galega, Lorena Souto. Cabe destacar o feito de que dous dous cinco libros finalistas estaban escritos en galego, «nun premio onde a lingua xoga un papel determinante», como destaca Modesto Fraga. (…)”

Compostela: presentación de Emigrantes, exilados e perseguidos, de Dionísio Pereira

A cuarta feira 18 de decembro, ás 20:00 horas, na Ciranda (Rúa Travesa, 7), de Santiago de Compostela, preséntase Emigrantes, exilados e perseguidos. A comunidade portuguesa na Galiza (1890-1940), de Dionísio Pereira, publicado por Através Editora. No acto, xunto ao autor, participan Lourenzo Fernández Prieto e Miguel R. Penas.

Lugo: remata o segundo Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritoras e Escritores da AELG

O segundo ciclo do Obradoiro de Narración Oral da Escola de Escritores/as da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), co patrocinio da Concellaría de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo remata mañá martes, 17 de decembro, ás 18:00 horas, no salón de actos do Centro Social Uxío Novoneyra (Rúa Quiroga Ballesteros, 1) de Lugo, coa presenza de Avelino González, quen nos vai desvelar os seus particulares “trebellos do contar”, as fontes de onde bebe os contos, ou como os garda para logo volver a eles cando quere lembralos.
Contaremos coa presenza da Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e dos dous escritores que impartiron este obradoiro, Isidro Novo e Antonio Reigosa, quen o ano pasado xa se encargaran do primeiro ciclo deste Obradoiro de Narración Oral.
O curso, baixo o título Técnicas e exercicios prácticos de narración oral e cuxas prazas foron totalmente cubertas, abordou ao longo de trece xornadas de dúas horas de duración  todos os ámbitos da oralidade, dende a tradición ás tendencias máis innovadoras, co fin de inspirar a novos creadores e de estimular novas correntes baseadas nesa oralidade que tanto marcou a nosa literatura.
O obxectivo foi, pois, o de traballar coa oralidade e chamar a atencion sobre ese soporte comunicacional para volver a poñer en uso certas maneiras de transmitir que se foron perdendo por falta de uso e que hai uns anos eran do máis habitual.
Estudáronse contidos que abranguen unha variada escolma de materias co fin de acadar notables coñecementos das técnicas da narrativa oral.