Cuestionario Proust: Marica Campo

Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Marica Campo:

«1.– Principal trazo do seu carácter?
– O pesimismo que, por certo, procuro non comunicar.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
– A nobreza.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Que me queiran como son, a pesar de min.
4.– A súa principal eiva?
– A facilidade con que perdo a calma.
5.– A súa ocupación favorita?
– Ler e conversar.
6.– O seu ideal de felicidade?
– A harmonía con e entre todas as persoas que me rodean, froito do respecto pola independencia de cadaquén.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
– Ver sufrir ás persoas que quero.
8.– Que lle gustaría ser?
– Verdadeira en todo o que fago.
9.– En que país desexaría vivir?
– Nunha Galiza que se quixese a si mesma.
10.– A súa cor favorita?
– Para vestir, o negro. En xeral, o azul.
11.– A flor que máis lle gusta?
– A hedra. Ben sei que non é unha flor.
12.– O paxaro que prefire?
– O merlo (branco, claro!).
13.– A súa devoción na prosa?
– De aquí, Cunqueiro. De fóra, Marguerite Yourcenar.
14.– E na poesía?
– Rosalía e Alejandra Pizarnik.
15.– Un libro?
Memorias de Hadrián, de M. Yourcenar
16.– Un heroe de ficción?
– Gösta Berling
17.– Unha heroína?
– A comandanta de Ekeby.
18.– A súa música favorita?
– A clásica (Mozart e Bach sobre todo) e tamén, ademais da popular galega, fados, tangos e boleros.
19.– Na pintura?
– Primeiro Kandisky e despois a maioría dos surrealistas.
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
– Rosa Parks.
21.– O seu nome favorito?
– Alexandre e Oria.
22.– Que hábito alleo non soporta?
– A falta de limpeza.
23.– O que máis odia?
– A mesquindade.
24.– A figura histórica que máis despreza?
– A todos os ditadores e torturadores.
25.– Un feito militar que admire?
– As misións de paz son feitos militares?
26.– Que don natural lle gustaría ter?
– Cantar ben.
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
– En paz e sen sufrimento.
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
– Depresivo, mais disimulo e rescátome.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
– Os que só prexudican a quen os ten.
30.– Un lema na súa vida?
– Non incharme diante dos humildes nin abaixarme diante dos soberbios.”

Compostela: presentación de O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández

O xoves 19 de xuño, ás 20:00 horas, na Libraría Cronopios (Rúa Alfredo Brañas, 24), preséntase O espido de Gina, de Miguel Anxo Fernández, publicado en Galaxia. No acto, xunto ao autor, participan Víctor F. Freixanes e Eduardo Galán.

A Coruña: presentación de Politicamente incorreta e Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure

A cuarta feira, 18 de xuño, ás 20:00 horas, na Biblioteca da A. V. Atochas-Monte Alto da Coruña (Campo de Marte, s/n), en colaboración coa Libraría Sisargas, preséntanse Politicamente incorreta. Ensaios para um tempo de pressas e Eu violei o lobo feroz, de Teresa Moure, publicados en Através Editora. No acto, xunto á autora, participa Ramiro Torres.

Agustín Fernández Paz: “Escribimos cos fíos da vida”

Entrevista de Xosé Gago a Agustín Fernández Paz en Galicia Confidencial Tendencias:
“(…) – Galicia Confidencial Tendencias (GCT): N’A viaxe de Gagarin, preséntasnos un tramo da vida do protagonista, alcuñado Gagarin, durante a súa adolescencia, e enmarcada pola carreira espacial. Que hai de Agustín na personaxe de Gagarin? (penso sobre todo no gusto pola lectura e o acceso a literatura prohibida)
– Agustín Fernández Paz (AFP): Cando Flaubert dixo o seu célebre «Madame Bovary son eu» estaba a expresar dun xeito rotundo unha evidencia: sempre hai algo do autor nos personaxes que crea. A min gústame dicir que escribimos cos fíos da vida, entendendo a palabra vida nun sentido que recolla toda a súa complexidade. Así que é lóxico que eu lle preste a Gagarin unha parte das miñas experiencias de mocidade (a dos libros prohibidos, por exemplo), aínda que estean convenientemente transformadas. (…)
– GCT: O amor entre Gagarin e Francesca é un amor “imposible”, xa que son de castas diferentes, porén, pertencen a esa xeración que debía rachar coa idea das dúas Españas… pensas que se fixo historicamente esa “unificación”?
– AFP: Na novela, non só son de distinta clase social; tamén pertencen a mundos enfrontados ideoloxicamente. E isto, nos anos do franquismo, tiña moita importancia. É certo que foron moitos os casos de parellas que souberon salvar esas diferenzas, mais tamén o é que as diferenzas de clase social seguen estando aí. (…)
– GCT: En canto ao valor da literatura. Gagarin recorda toda a historia dos seus pais no leito mortal da súa nai, en gran parte para transmitirllo á súa prole. Asemade, unha das personaxes do libro, escribe un diario que acaba caendo nas mans de Gagarin e legándolle segredos que doutro xeito non coñecería. Esa intención de legar á xeración seguinte, de transmitir aos “fillos” é a fin última da literatura?
– AFP: A memoria, a ansia de contar as experiencias, a necesidade de deixar constancia do noso paso pola vida… son poderosos motores literarios. A literatura vence o tempo e vence o espazo, dalgún xeito constitúe a memoria da humanidade. É marabilloso abrir Follas novas e escoitar a voz de Rosalía falándolle ao lector! (…)”