O domingo 27 de xullo, ás 19:00 horas, no Centro Social Pepa de Vicente (Aldea Grande de Lousame), preséntase a novela A maleta de Victoria Kent, de Xerardo AgraFoxo, publicada en Galaxia. No acto, xunto ao autor, interveñen Teresa Villaverde e Maite Sobradelo Creo. Durante a presentación actuarán membros do Conservatorio de Lousame.
Arquivos mensuais: Xullo 2014
Lugo: homenaxe a D. Darío Rivas Cando
D. Darío Rivas Cando é fillo de Severino Rivas Barja, alcalde de Castro de Rei asasinado o 29 de outubro de 1936 por un grupo de falanxistas. Cando se cometeu o crime, o mozo Darío atopábase en Arxentina, onde emigrara pouco antes en busca dun futuro mellor para el e a súa familia, do mesmo xeito que o fixeron miles de galegos no pasado século; 69 anos despois, en agosto de 2005, os restos do último alcalde democrático deste municipio de A Terra Chá foron localizados e exhumados en Cortapezas, Portomarín, no lugar no que os seus asasinos elixiran para que repousase o seu corpo. Grazas ao labor da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), Darío puido dar unha digna sepultura e un emotivo adeus ao seu pai.
D. Darío Rivas Cando foi un dos verdadeiros impulsores da Querela Arxentina contra os crimes do Franquismo, reclamación de xustiza que non puido ser realizada en España. Grazas á denuncia presentada o 14 de abril de 2010 por D. Darío Rivas, entre outros/as familiares, o Xulgado Nacional no Criminal e Correccional Federal nº 1 de Buenos Aires, abriu dilixencias a través da xuíza Dna. María Servini de Cubría. Comezaba entón unha longa andaina en busca de verdade, Xustiza e Reparación, algo que miles de vítimas do Franquismo levan reclamando décadas e que aínda os poderes do Estado non satisfixeron.
D. Darío Rivas Cando, que hoxe conta con noventa e catro anos de idade, viaxará este verán á súa terra natal. Seralle realizada unha sentida homenaxe en Lugo a través da Deputación Provincial. Unha homenaxe de recoñecemento ao seu labor en favor dos Dereitos Humanos, na defensa de vítimas e familiares dos crimes do franquismo, quen en moitos casos víronlle como o exemplo necesario para comezar a procura de Xustiza alén do charco.
A Deputación Provincial de Lugo outorgaralle a placa de honra da provincia de Lugo o día 31 de Xullo ás 13 horas nun solemne acto no Palacio provincial para realizar despois unha comida homenaxe ás 14:30 horas no Hotel Méndez Núñez, coa participación de autoridades, familiares e amigos. Contarase tamén coa adhesión das persoas e colectivos que desexen mostrar o seu agarimo a D. Darío Rivas Cando, así como dar apoio á súa loita polos Dereitos Humanos en calquera parte do mundo.
Para confirmar asistencia ao acto e ao xantar: homenaxedariorivas2014@gmail.com
Teléfono 00 34 658 680 904.
As adhesións á Homenaxe a D. Don Darío Rivas, pódense realizar da seguiente maneira:
Por vídeo,
Gravación enviada a través de WETRANSFER
(Fundación TIC de Lugo)
producción.cpp@fundaciontic.org
Carta escrita de adhesión a
homenaxedariorivas2014@gmail.com
Rianxo: presentación de O primeiro retorno de Castelao, de Manuel Dourado Deira
Small Stations Press lanzará a partir do outono unha serie de literatura xuvenil galega traducida ao inglés
Desde Xerais:
“Small Stations Press, o selo editorial de Jonathan Dunne, publicará o vindeiro outono os primeiros títulos da nova serie de literatura xuvenil galega en inglés, Galician Wave, que comza a súa andaina con catro títulos: Aire negro de Agustín Fernández Paz, A Pomba e o Degolado de Fina Casalderrey, O pintor do sombreiro de malvas de Marcos Calveiro, e Dragal I, de Elena Gallego Abad. A serie existe para dar a coñecer en lingua inglesa o mellor da literatura xuvenil galega e da súa ilustración. A tradución ao inglés é de Jonathan Dunne e o deseño dos libros é da deseñadora búlgara Yana Levieva.”
Lugo: O dereito a decidir e o Galeuzca, conferencia de Xosé Estévez
Rianxo: actividades destacadas do xoves 24 na Feira do Libro
O xoves 24 de xullo comeza a Feira do Libro de Rianxo (na Praza de Castelao), con horarios de 12:00 a 14:00 h. e de 19:00 a 23:00 h., cos seguintes actos literarios destacados para ese día:
– 13:00 h. Inauguración oficial da feira do libro. Actuación musical. Intervencións institucionais. Pregón inaugural a cargo do escritor Xesús Rábade Paredes.
– 19:30 h. Presentación, na Biblioteca Infantil, do álbum ilustrado 3, 2, 1…, de Pepablo Patiño, publicado por Edicións Embora.
– 20:30 h. Presentación da publicación Creador@s de Rianxo, realizada polos equipos de normalización lingüística do IES Félix Muriel, CEP Brea Segade e CRA de Rianxo, e editado polo concello de Rianxo. Na Casa do Concello.
Anxos Sumai: “Con cada novela o meu concepto de moral vai sendo menos estrito”
Entrevista a Anxos Sumai en Noticieiro Galego:
“(…) – Noticieiro Galego (NG): Dixeches nunha ocasión que che faría falta escribir outro libro para definir A lúa da colleita, como é iso?
– Anxos Sumai (AS): Normalmente resúltame moi difícil explicar os meus libros e máis aínda esta novela. A obra debería explicarse de seu, sería o lóxico. A lúa da colleita é unha novela aberta, que precisa da participación activa de quen a le. A medida que a escribía xurdíanme temas sobre os que reflexionar, e que ían máis alá do meu propósito inicial, como a alteridade, a identidade, a vellez, a morte, a maternidade, a soidade… Non son quen de reducir a novela a un par de parágrafos, por máis que o pretenda.
– NG: É a historia da viaxe que fai a protagonista na procura de si mesma, non si? Ela é diferente ó resto e quere saber por que…
– AS: Basicamente é iso. Nuria, unha das protagonistas, intúe que canda ela existe unha especie de némese, un lado oculto, unha antagonista ou unha dobre. Precisa saber que acontece e dicide illarse, investigar. Ao longo da novela insiste constantemente na necesidade de reunificarse, de ser unha. É dicir, cómprelle aceptarse completa, coa parte boa e a parte mala e, ao tempo que se lle van confirmando as intuicións, tamén se vai formando unha idea do que é a partir do que os demais ven nela. (…)
– NG: Tense definido como “moi autocrítica”, non sei se isto ten que ver… Malia todo, cos premios recibidos xa pode dar o traballo por ben feito, non? Porque inda foron uns cuantos…
– AS: Si, como che dicía, para publicar teño que estar moi segura. Para empezar, teño que estar convencida de que nalgún momento eu mesma terei o valor de coller un libro meu, lelo e non arrepentirme. Por sorte, teño un bo editor moi crítico que me dá seguridade. Os premios literarios, os máis deles, viñéronme dados e precisamente por iso son os que máis agradezo. Eu só me presentei a dous premios, o Repsol e ao García Barros, e gañeinos. E se me presentei foi precisamente para ter a opinión dun xurado cualificado. Os premios para min son coma a rede que ampara o salto do equilibrista: tranquilízanme, aínda que non me salvan do medo escénico e das dúbidas que me roldan ata que as obras están xa moi lonxe de min. (…)”
Libro galego: S.O.S. Hai alguén aí?, desde Letra en Obras
Desde Letra en Obras:
“(…) Decidimos lanzar as seguintes preguntas:
1- Está a callar a idea de que o libro galego está a vivir un momento especialmente crítico que incluso abre dúbidas sobre o seu futuro. Como ves a situación?
2- Que precisa para saír deste estado anémico e gañar terreo?
Eis as primeiras respostas.
– Paco Macías (fundador e propietario de Positivas, proxecto que ten tras de si 24 anos de traxectoria).
1- O libro, en papel, está a diminuír en todo o mundo. Galicia non está á marxe. Ao contrario, aquí está peor. As empresas son febles, tanto as editoras, como as distribuidoras, ou as librarías. O único que non perdeu vitalidade son os creadores. A mostra máis clara desta debilidade é a ausencia de debate, de preocupación pública, de lanzamento de iniciativas conxuntas… etc.
2- Pois recoñecer o evidente, unirse, e traballar máis conxuntamente que nunca. É o principio. E lanzarse aos novos espazos dixitais. Non hai fórmulas máxicas.
– Mercedes Queixas Zas (escritora, profesora e secretaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). En resposta única ás dúas cuestións:
– Vivimos unha realidade moi ambigua e distorsionadora. Por unha banda, a pluralidade, diversidade, calidade e recoñecemento interior e exterior dunha gran parte da literatura galega confirman o bo momento creativo. Por outra banda, no entanto, é insuficiente o nivel de compromiso da sociedade á hora de consumir produtos culturais en galego en xeral, e literarios en particular, moitas veces debido á non superación de prexuízos que fan de menos as formas de expresión cultural na lingua propia. É parte corresponsábel no presente a propia Administración ao gravar impositivamente cun IVE inxusto e inxustificábel o libro, así como ao non elaborar unha planificación cultural que realmente teña como centro de gravidade o libro e a lectura, entendida como ferramenta de formación, instrución, ademais de lecer, para a sociedade, nomedamente a infancia e a mocidade, substrato crítico lector do futuro. Con certeza, o futuro do libro galego correrá a mesma sorte que a lingua que lle dá as palabras para a escrita.
– Francisco Castro (Escritor e traballador da Editorial Galaxia).
1.- Sen dúbida estamos nun intre crítico. O recente informe do Gremio de Editores deixa claro que volvemos ao nivel de hai 20 anos en facturación. No caso concreto do libro en galego, estamos editando aproximadamente a metade do que editabamos hai seis anos. Mais o peor da crise, ao meu entender, é que non estamos fabricando lectores. O galego necesita lectores. De nada sirve ter unha industria editorial se non hai lectores. E non parece que teñamos moitos máis alá da prescrición educativa. Pero iso vale tamén para o teatro ou a música ou os xornais e para toda aquela manifestación cultural que teña o galego como lingua vehicular.
2- O primeiro que necesitariamos sería un país detrás. Lectores e lectoras que aposten pola nosa produción editorial. Os índices de lectura son baixos. En galego, máis que baixos. Como saír desta? Entre outras cousas, promovendo políticas que fagan lectores, que lle aprendan á cidadanía que a lectura é un pracer, que é algo útil. Que se fagan campañas que vaian máis aló da cosmética e a maquillaxe. Que se aposte polas bibliotecas. Que non se recorte en educación. Que se forme aos futuros profesores en animación á lectura e no coñecemento da nosa literatura.
– Marcelino Fernández Mallo (escritor)
1- Véxoa en situación límite, o libro galego na marxinalidade dentro dun sector xeral en grave crise de seu.
2- Estratexia de lingua e de literatura próxima ao cidadán que integre edición, distribución e promoción.”
O 8 de marzo como pornocaricatura da muller, por Ánxela Lema París
Artigo de Ánxela Lema París en A Sega:
“Momento 1
Nesta última semana non deixei de me tropezar con multitute de carteis que anuncian o día da muller do tipo: desconto en sesións de beleza, carteis con imaxes de tacóns de fina agulla, maquillaxes…
A cuestión é que neste clima de performance do que é/representa/quérese facer que sexa ser muller unha repara na comicidade que supón a relación directa entre o martes de entroido que acaba de pasar e o chamamento a investir os nosos corpos dese modelo de muller.
Momento 2
No mesmo día en que vin estes anuncios escoitei na radio insinuar que malia que na España podemos falar de violencia machista non temos que nos alertar porque podemos dicir que contamos con moita mais información que moitos países da Europa e que, ademais, non contamos con índices tan altos de abusos sexuais.
[Pausa]
Quero deixar claro que estaba a escoitar isto mentres estaba a almorzar, é dicir, estaba nese débil momento do día en que a unha aínda lle custa abrir os ollos e no que aínda non sabe moi ben a que mundo pertence. Foi exactamente nese momento no que, ademais, eu cría que era cedo para escoitar cousas que che revolvan o estómago.
[Volvo]
Que quere dicir isto exactamente? Que poder pode ter a (sobre)información neste momento central no que non paramos de ir para atrás? Se ben se considera que acumular información sobre certos aspectos é, sen dúbida, enriquecedor para o noso propio desenvolvemento e posterior evolución isto non deixa de ser, en certos aspectos, algo errado. (…)”
Compostela: presentación de Breve História do Reintegracionismo, de Tiago Peres
A quinta feira 24 de xullo, ás 19:00 horas, na Facultade de Filosofía (Praza de Mazarelos) da Universidade de Santiago de Compostela, preséntase o libro Breve História do Reintegracionismo, de Tiago Peres Gonçalves, publicado por Através Editora. No acto, xunto ao autor, participa Valentim R. Fagim.