Arquivos mensuais: Setembro 2015
Bases do X Certame de poesía erótica Illas Sisargas 2015
Vigo: presentación de Entrar na casa, de Eduardo Estévez e Ignacio Castro, Nachok
Antonio Tizón: “O libro é unha mistura de amor, loucura e morte, autobiográfica e en tono de novela negra”
Casas-Museo Literarias, por Armando Requeixo
Desde Criticalia, blog de Armando Requeixo:
“O pasado venres 11 de setembro conversei con Lourdes Abuíde sobre casas-museo literarias para o programa Aquí en la Onda. Gente viajera de Galicia de Onda Cero Galicia. Convidei á visita das casas-museo de Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Emilia Pardo Bazán e Manuel María. Deixo aquí o audio da entrevista co convite a unhas rutas literarias que ben pagan a pena.”
A Coruña: espectáculo de poesía e música Sempre en Ibiza, con María Lado e Lucía Aldao
O venres 18 de setembro, ás 22:30 horas, no Pub Puticlú (Rúa Xustiza, 18) da Coruña, María Lado e Lucía Aldao ofrecen o espectáculo Sempre en Ibiza, con poesía e música en directo. A entrada custa 5 euros.
Celeiro (Viveiro): Océano para terrícolas, performance interactiva de Xurxo Souto sobre Contos do Mar de Irlanda
O xoves 17 de setembro, ás 20:30 horas, no Centro Sociocultural A Casa do Forno de Celeiro (Viveiro), o colectivo Chilindrín Penalba presenta Océano para terrícolas, performance interactiva de Xurxo Souto sobre o libro Contos do Mar de Irlanda, publicado en Xerais. O acto será presentado por Bernardo Fraga.
Veu visitarnos… Andrea Maceiras
Entrevista a Andrea Maceiras en Fervenzas Literarias:
“(…) – Fervenzas Literarias (FL): Cales foron as motivacións que a levaron a escribir, especialmente no seu caso, que comezou ben nova?
– Andrea Maceiras (AM): Para min a escrita foi un proceso natural, escribo desde nena. Un día decateime de que había unha ponte que unía a lectura coa escrita e que me gustaban por igual as dúas beiras.
– FL: E a dirixir esa escrita cara o publico infantil?
– AM: Cando comecei a escribir a miña irmá pequena era meu público máis inmediato. Foi a primeira destinataria de todos os meus contos. Habitualmente ela era a protagonista daquelas historias e eu procuraba incluír cousas que lle gustasen ou a sorprendesen. Supoño que, desde entón, resulta natural para min escribir para xente máis nova.
– FL: Qué é o que busca transmitir coa súa literatura?
– AM: Eu concibo a literatura, en primeira instancia, como entretemento. Esa é a súa función primixenia e grazas a ela segue viva, funciona como forma de ocio a nivel mundial, tanto na súa vertente escrita como visual. Por outra banda, non me gustan as historias con mensaxes ríxidas ou que se esgoten nunha soa vía. Prefiro os relatos abertos, que inviten á reflexión e, sobre todo, que sexan envolventes, que se substenten sobre si mesmos e sobre os mundos que crean. Gústanme as historias poliédricas, que amosan unha nova cara en cada lectura e poden ser comprendidas de diversas maneiras polos diversos lectores. E supoño que o que busco como lectora é o que intento transmitir como escritora.
– FL: En que se basea para escribir os seus libros?
– AM: No que me rodea e no que suscita o meu interese, na realidade, na fantasía, nas historias externas e internas. (…)
– FL: A importancia da ilustración na literatura infantil e xuvenil. Como é a súa relación cos ilustradores?
– AM: Os ilustradores son parte fundamental non só na LIX, senón na literatura en xeral. Pensemos, por exemplo, nas cubertas dos libros. A cuberta dunha obra é o primeiro contacto que o lector ou lectora ten cun libro, axuda a dotar de entidade ao libro como obxecto material e evoca unha sensación. Neste proceso os ilustradores xogan un papel fundamental. Eu síntome moi afortunada, pois sempre contei con ilustradores estupendos: Antonio Seijas, Noemí López e Víctor Rivas. (…)
– FL: Qué significa para vostede o oficio de escritora?
– AM: Non concibo a vida sen literatura. Achegueime a ela desde todas as perspectivas: como lectora, como filóloga, como escritora. A literatura supón plenitude.
– FL: Cales son as principais dificultades á hora de entregarse a este oficio?
– AM: A enorme dificultade de centrarse só na escrita e a necesidade de compaxinala con outra actividade laboral. A falta de apoios, xa non só a nivel económico, senón noutros aspectos como a difusión ou o recoñecemento da profesión como tal.
– FL: Que é o mellor e o peor de se dedicar a escribir para o público infantil e xuvenil?
– AM: O mellor é que a LIX está asociada a unha maior liberdade creativa: o seu público natural é máis receptivo e máis aberto; tamén é máis fresco, sincero e crítico. O peor é que hai quen a considera unha literatura menor, máis fácil ou menos importante. Afortunadamente penso que esta concepción vai desaparecer nas futuras xeracións de lectores e lectoras que xa entenden a LIX como algo natural e necesario. (…)”
Lugo: presentación de A antesala luminosa, de Antonio Tizón
O xoves 17 de setembro, ás 20:00 horas, na Libraría Trama (Avenida da Coruña, 21) de Lugo, terá lugar a presentación da novela A antesala luminosa, de Antonio Tizón, publicada en Xerais. No acto, xunto ao autor, participan Ángel Vaqueiro, Manuel Fernández Prado e Manuel Bragado.
Cuestionario Proust: Alfonso Pexegueiro
Desde o blogue de Ramón Nicolás, Caderno da crítica, este Cuestionario Proust a Alfonso Pexegueiro:
“1.– Principal trazo do seu carácter?
-A dúbida. A escoita.
2.– Que calidade aprecia máis nas persoas?
-A bondade. A escoita.
3.– Que agarda das súas amizades?
– Todo. Falar con elas coma se falase comigo mesmo, parafraseando a Cicerón.
4.– A súa principal eiva?
-Confiar demasiado, entregarme á primeira…
5.– A súa ocupación favorita?
-Soñar mundos novos; ler; pasear pola natureza; non facer nada…
6.– O seu ideal de felicidade?
-Amar e ser amado.
7.– Cal sería a súa maior desgraza?
-O abandono.
8.– Que lle gustaría ser?
-Muller, e bailarina.
9.– En que país desexaría vivir?
-Onde se respecte, atenda, escoite e coide a infancia.
10.– A súa cor favorita?
-O Azul. Ata o gris non é gris, senón un azul que se esconde.
11.– A flor que máis lle gusta?
-A flor das árbores das froitas; as violetas, as lilas, a rosa, os lirios…
12.– O paxaro que prefire?
-O paporrubio, a andoriña, a aguia, a curuxa…
13.– A súa devoción na prosa?
-Partindo de que toda escritura é feminina, e que é o neno ou a nena quen dita (a infancia faise linguaxe e escrebe), Dostoievski, Gogol, Kafka, Yasunari Kawabata, Selma Lagerlöf, Tolstoi, Hermann Broch, Robert Musil, Anna Seghers, Knut Hamsum, Valle Inclán, Lu Xun, Thomas Bernhard…
14.– E na poesía?
-Holderlin, Rilke, Rimbaud, Ezra Pound, T. S. Eliot, Emily Dickinson, Paul Celan, San Juan de la Cruz, Juan Ramón Jiménez, Anna Ajmatova, Nelly Sachs, Sylvia Plath, Alejandra Pizarnik, Li Bai, Tu Fu… a poesía galega medieval…
15.– Un libro?
–Crime e castigo, Moby Dick, Almas mortas, Don Quijote, Anna Karenina, País de neve, O ruído e a furia, O home sen atributos, A morte de Virxilio, Pedro Páramo, o Tractatus, Así falou Zaratustra, A metamorfose de Kafka, Opinións dun pallaso, Os campesiños de Wladislaw Reymont, O saber proscrito e Polo teu propio ben de Alice Miller, O campo e a cidade de Raymond Williams…
16.– Un heroe de ficción?
-Partindo de que non creo no concepto heroe (cobren unha covardía social) mais, como personaxe creado: O principiño.
17.– Unha heroína?
-O mesmo. Antígona.
18.– A súa música favorita?
-Beethoven, Schubert, Bach, Stravinsky, Bartok, Schönberg… Eva Cassidy, Janis Joplin, Edith Piaf, Elis Regina, Nina Simone, Lhasa De Sela,…
19.– Na pintura?
-Van Gogh, Rothko, Giotto, Rembrandt, Gauguin, Cezanne, Goya, Chagall, Kichrner, Miró, Bacon, Cy Tombly, Kiefer…
20.– Un heroe ou heroína na vida real?
-Non hai heroes ou heroínas, só persoas humanas e éticas, responsables e atentas, nese sentido: Hipatia, Alice Miller, Milena Jesenská, Emma Goldman, Simone Weil, Janusz Korczak, Marie Curie…
21.– O seu nome favorito?
-Liberdade.
22.– Que hábito alleo non soporta?
-A mentira (non confundir co que o neno, nena cala ou non quer dicir –os nenos nunca menten; este foi un dos erros de Freud ao non lles crer cando falaban dos seus malos tratos sufridos–, cando só se queren protexer do castigo ou do maltrato sempre inxusto e que non comprenden).
23.– O que máis odia?
-O maltrato na infancia (o maltrato en xeral); a covardía; a hipocrisía; a estupidez; a vulgaridade…
24.– A figura histórica que máis despreza?
-Calquera figura patriarcal ou ditatorial. Aquelas que xeran e reproducen maltrato, violencia, crime, explotación, miseria…
25.– Un feito militar que admire?
-Ningún. O exércitos son a evidencia do fracaso da humanidade como sociedade, igual que a escravitude.
26.– Que don natural lle gustaría ter?
-Chegar a ser eu mesmo…
27.– De que maneira lle gustaría morrer?
-Non nacendo; ou, xa que te nacen: soñando que non atoparei mundos coma este, onde téndoo todo non o soubemos ver…
28.– Cal é o seu estado de ánimo máis habitual?
-A soidade. A esperanza.
Fósiles dunha xeración utópica….
….
significa que o mar nos foi deixando solitarios
como ás bestas
e non puidemos derriba-la esperanza.
29.– Que defectos lle inspiran máis indulxencia?
-Aqueles que non conleven maldade, perversidade…
30.– Un lema na súa vida?
-Que os soños nos axuden a descubrir a realidade e que a realidade nos permita descubrir os soños.”