Arquivos mensuais: Xaneiro 2016
O galego, protagonista no congreso da Modern Language Association
Desde Praza:
“A Modern Language Association (MLA) celebrou do 7 ao 10 de xaneiro en Austin (Texas, EUA) o seu congreso anual. Trátase do evento máis importantes de linguas e culturas do mundo e o galego e a literatura galega tiveron unha presenza protagonista, con catro paneis específicos, que acolleron a presentación de numerosos relatorios. O pasado ano a entidade creou unha sección permanente dedicada especificamente ás nosas letras. O congreso celebrado en Austin foi a primeira cita na que este protagonismo do galego se fixo oficial.
Os catro paneis dedicados aos estudos galegos foron Dialogues across the Miño: Galician-Portuguese Linguistic, Literary, and Cultural Relations (Diálogos a través do Miño: Relacións Lingüísticas, Literarias e Culturais galego-portuguesas); Translation, Bilingualism, Glocalization: New Linguistic Approaches in Galician Studies (Tradución, Bilingüísmo, Glocalización: Novas achegas lingüísticas nos estudos galegos); Rethinking the Rexurdimento: Nineteenth-Century Galician Literary Production in Castilian (Repensando o Rexurdimento; A produción literaria galega en castelán no século XIX); e Weaving, Burning, Growing: Material Readings in Galician Literature (Tecendo, queimando, crecendo: Lecturas de materiais na literatura galega).
Cómpre salientar, para valorar a importancia outorgada ao galego no congreso que, fronte aos catro paneis cos que contou a nosa literatura, outras linguas coma o catalán, o grego, o holandés, o turco ou o húngaro dispuxeron dun só panel, o hebreo de dous e as linguas escandinavas de tres.”
A Coruña: presentación do Caderno de Estudos Xerais Evocación e lembranza de Manuel Espiña Gamallo
Fernando M. Cimadevila: “O sistema editorial galego non buscou novos lectores”
Entrevista de César Lorenzo Gil a Fernando M. Cimadevila en BiosBardia:
“(…) – BiosBardia (B): Non sei como enfoca un escritor a creación dunha serie de novelas cun protagonista tan marcado como son as de Basilius Hoffman. Que nace primeiro, un proxecto de novela ou un personaxe que se vaia desenvolvendo sen unha medida prevista?
– Fernando M. Cimadevila (FC): A xénese desta historia foi, en efecto, Basilius Hoffman. Eu tiña claro que quería escribir unha serie con el de protagonista pero tamén sabía que a saga ía limitarse a cinco títulos. Nas aventuras de Basilius están depositados todos os meus desexos literarios, é dicir, aquelas cousas que o meu eu lector de cando era mozo gustaría de ver reflectidas en libros. Pensar nunha pentaloxía permíteme incluír todas as cousas que me apetecen, todas as referencias que fun gañando co tempo. Durante catro anos fun dono dunha libraría especializada en cómic e en literatura fantástica. Foron tempos de moita aprendizaxe. Moito do que absorbín daquela aparece logo na saga do Basilius. (…)
– B: Pensa vostede que a literatura galega non pensa nos lectores?
– FC: O sistema editorial en galego non buscou novos lectores durante moito tempo. Viviu pensando na venda institucional e deixou sen labrar nin sementar a renovación do seu lectorado. Non hai literatura no mundo que non atenda os seus diversos públicos. A sociedade galega é xa ampla abondo e tamén madura en moitos casos como para saber escoller aquilo que máis lle interesa. Insisto: non se combateu o preconcepto sobre as letras galegas, deixou que se espallase nas novas xeracións, que xa foron alfabetizadas na nosa lingua, que non había propostas que encaixasen cos seus gustos e intereses. Tamén penso que estas eivas, quizais por culpa da crise, se están a intentar corrixir.
– B: Neste tempo de crise, xa non só as editoriais teñen que traballar na difusión dos libros que publican. Os autores teñen que ter moitas máis capacidades alén da de saberen escribir.
– FC: Con certeza. Hoxe o labor de escrita é, no mellor dos casos, só a metade do traballo dun escritor que queira publicar e gañar lectores. Hai que achegarse á xente, contactar con blogs de lectura, visitar clubs, facer presentacións… Manexar e manter a atención nas redes sociais… É un traballo cansado e, sinceramente, non sei até que punto compensa. Quero dicir, pasar horas e horas no facebook facendo promoción en que se concreta? Cantos lectores se gañan? Hai outras vías, como ter axente literaria (no meu caso aínda non me conseguiu ningunha nova publicación) pero ao final sen un gran selo detrás, o fomento esixe moito do autor e réstalle tempo e folgos para o principal, que é escribir. (…)”
Compostela: presentación de Fontán, de Marcos Calveiro
O mércores 13 de xaneiro, a partir das 18:00 horas, na Gentalha do Pichel (Rúa Santa Clara, 21) de Santiago de Compostela, Marcos Calveiro falará sobre a súa obra narrativa Fontán, publicada en Galaxia.
María Alonso publica Despois do cataclismo
Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“”Levamos séculos vivindo nunha distopía”. María Alonso publica Despois do cataclismo, unha historia sobre un futuro que se asemella ao pasado, en Urco Editora. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”
Adolfo Caamaño gaña o certame Modesto R. Figueiredo
Desde La Voz de Galicia:
“O premio galego de narracións curtas Modesto R. Figueiredo deste ano xa ten dono. Trátase de Adolfo Caamaño Vázquez, escritor de Pontevedra, que gañou a convocatoria con Pinball do Pombal. O xurado reuniuse o sábado 9 de xaneiro no municipio de Teo, xa que este Concello colabora coa Fundación Pedrón de Ouro, organizadora deste concurso literario, unha participación que, segundo recoñece do Concello teense supón unha «honra».
Ao premio Modesto R. Figueiredo, que este ano chegou á edición número corenta e un, o que o converte no certame máis antigo e consolidado de Galicia, presentáronse 45 traballos orixinais. O gañador recibirá un premio de mil euros, pero non é o único recoñecemento en metálico, xa que o xurado tamén concedeu dous accésits. O primeiro foi para Sagradas Escrituras, de Diego Giráldez (O Porriño), e o segundo correspondeulle a obra Monsieur Bocskai, de Lionel Rexes (Alfoz). Nos dous casos, a asignación é de 400 euros. O xurado tamén tomou en consideración o texto A primeira pedra para a súa publicación, per sen dotación económica.
A entrega farase no concello de Teo o vindeiro 22 de xaneiro. Na selección das obras participaron como xurado Mercedes Queixas, en representación da Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG); Eli Ríos, como integrante da organización do Pedrón de Ouro; X. M. Regueira, como membro do Concello de Teo; Manuel Guede, do Pen Clube de Galicia; X. R. Fandiño, presidente do Pedrón de Ouro; e David Otero, secretario do Pedrón e do xurado.”
Vilaboa, Culleredo: tertulia sobre Culleredo na Idade Media, con Carlos Pereira
O mércores 13 de xaneiro, ás 11:30 horas, na Biblioteca Xosé Cardeso Liñares de Vilaboa (Culleredo), terá lugar unha tertulia de historia a cargo de Carlos Pereira Martínez, baixo o título de Culleredo na Idade Media. A entrada será libre para o público interesado.
Un estudo sobre as mouras, gañador do Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais
Desde Sermos Galiza:
“O gañador foi Rafael Quintiá Pereira, que presentou “un rigoroso ensaio sobre o valor simbólico da Moura como herdeira das deidades femininas arcaicas, con posibilidade de retrotraelas a tempos prehistóricos, mesmo ao neolítico”.
Segundo o xurado, o traballo gañador “ten o valor especial de desligalo do concepto amplo ‘mouros’ para chegar á cerna arcaica das deusas da terra e a súa transformación despois da cristianización, en diversas manifestacións da Virxe, que se apropia das cualidades positivas da moura, permanecendo as negativas para as bruxas o as mouras pagás”. O estudo baséase nun traballo de campo que achega abundante simplificación descritiva que se sustenta nunha dimensión comparativa coas mitoloxías universais.
Rafael Quintiá (Vigo, 1971) é licenciado en Antropoloxía Social e Cultural e en Ciencias Empresariais, escritor e músico tradicional. É membro fundador e presidente da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA) e membro fundador da asociación cultural e grupo de música tradicional Os Chichisos. Tamén foi membro fundador do Grupo de Estudos Etnográficos Serpe Bichoca. Ten publicado varios ensaios sobre antropoloxía, música e etnografía. Mantén un blog chamado ‘A sombra de Bouza Panda‘.
O traballo gañador titúlase Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega. O premio está dotado con 4.500 euros e a obra gañadora será publicada por Sotelo Blanco Edicións.”
Nace lermos.gal, punto de encontro da literatura en galego
“Logo dun longo tempo de traballo, o equipo de lermos.gal, formado por Alex Bayorti, Xosé Duncan e Martinho Terrafria, temos a honra de inaugurar este novo web, unha revista en liña dedicada ao mundo das letras en lingua galega.
A nosa intención é informar e divulgar de xeito programado e ordenado sobre os acontecementos literarios máis sobranceiros, as últimas novidades editoriais e todos aqueles temas que sexan susceptíbeis de se converter en noticia. Asemade, contamos cunha sección de entrevistas a profesionais do mundo do libro e a lectura, un apartado de recursos destinado a divulgar determinados coñecementos relacionados co ámbito literario, e unha axenda de eventos, na que se irán actualizando datas de presentacións, premios literarios, feiras etc.
Lermos.gal nace tamén cunha clara vocación de cara ás redes sociais, a través das que traballaremos pola difusión dos contidos literarios na nosa lingua.
Como lermos.gal é un proxecto colaborativo e aberto, todas as achegas a ampliar o contido e a mellorar calquera aspecto do site serán benvidas.
Para contactares connosco pódelo facer no correo electrónico lermos.gal@gmail.com ou nos teléfonos 615451703 e 655451464.”