Entrevista a Rafael Quintiá no Diario Cultural

Desde OLYMPUS DIGITAL CAMERAo Diario Cultural da Radio Galega:
“Rafael Quintiá desliga o mito das mouras do concepto dos mouros nesta obra coa que gañou o Premio Vicente Risco de Ciencias Sociais, Análise estrutural e simbólica do mito da moura galega. A entrevista completa pode escoitarse aquí.”

Marcos Calveiro: “Fontán é case un personaxe de western”

EntrevistaMarcos Calveiro 2 a Marcos Calveiro en Diario de Pontevedra:
“(…) – Diario de Pontevedra (DP): Lembra cando escoitou falar por primeira vez de Domingo Fontán?
– Marcos Calveiro (MC): Claro. A primeira nova que teño de Fontán é a través doutro libro. De Otero Pedrayo, evidentemente. Ao final de Arredor de si o tío de Adrián Solovio pídelle que lle leve ao leito de morte a Carta Xeométrica de Galicia, de Fontán, e iso fai que todo cobre sentido. A min a novela non é que me gustase moito, aínda que soe a herexía, pero si que quedei coa historia do mapa. E dende aí levo con el na cabeza. Practicamente dende a adolescencia.
– DP: Por iso escribiu o libro?
– MC: Converteuse nunha teima. Cada dato que atopaba íao gardando primeiro nunha carpetiña e despois no ordenador persoal. É unha historia da que levo detrás 30 anos. Porque ademais o mapa de Fontán é un elemento moi simbólico da cultura galega, aínda que moi pouca xente sabe del. É unha figura medio esquecida, aínda que estea no Panteón de Galegos Ilustres con Rosalía e Castelao. Pero para a xeración Nós si que foi alguén moi importante, el e a idea de poñerlle rostro ao país. Otero Pedrayo, Cunqueiro, Castelao… todos falaban do mapa de Fontán. (…)
– DP: A novela, máis alá dunha biografía ficcionada de Domingo Fontán, é un retrato dun tempo polo que van desfilando dende Voltaire a Godoy pasando por Napoleón e Fernando VII.
– MC: É que todo iso me parecía moi interesante. A medición do meridiano foi unha das aventuras científicas máis importantes do século XIX. Falamos de xente que marchaba para a selva que se tiraba alí non sei cantos anos intentando medir o meridiano do Perú. Xa me dirás se eran ou non uns tipos alucinantes. Tiñan moito de científicos, pero outro tanto de aventureiros. Quero dicir que naquel momento a ciencia ocupaba as cubertas dos xornais. Había unha verdadeira carreira entre as nacións europeas por ver quen era quen de medir o meridiano ou coñecer a forma da Terra, entre outras cousas. E aí estaban varios científicos galegos polo medio. Iso é algo extraordinario porque a maioría da xente pode pensar que Galicia era naquel momento un sitio illado, abandonado, inculto e ignorante e non é certo. Todo o contrario. Hai un grupo de científicos da Universidade de Santiago de Compostela que ten contacto directo co mellor da ciencia europea sen pasar por Madrid. Collían un barco na Coruña e acababan en La Havre, en Francia. Xosé Rodríguez, o mestre de Fontán, é un tipo que se cartea co mellor da ciencia europea, que visita as mellores universidades francesas, alemás e inglesas, e que merca os primeiros instrumentais xeográficos e topográficos para a Universidade de Santiago. (…)”

Alfredo Ferreiro: “Admitir varias normativas do galego no certame garante a liberdade creativa”

EntrevistaAlfredo Ferreiro a Alfredo Ferreiro en La Opinión:
“O certame Manuel Murguía xa ten novo coordinador no seu 25 aniversario. Trátase de Alfredo Ferreiro, un escritor nado en A Coruña, que viviu en Carral e que agora está en Arteixo. Ferreiro explica que o certame manterá a súa “tolerancia” coas diferentes normativas do galego. (…)
– La Opinión (LO): Pensa que o certame Manuel Murguía xa alcanzou un alto grao de recoñecemento?
– Alfredo Ferreiro (AF): Hai unha gran cantidade de xente de certo prestixio entre os gañadores. Joel Gômez, Xavier Alcalá, Isidro Novo, Rosa Aneiros, etc. Hai un montón de xente coñecida.
– LO: Que destacaría sobre o certame?
– AF: Quero explicar que o certame ten tolerancia coas diferentes normativas [do galego]. Non ten obxectivos gráficos, senón literarios. Admitir varias normativas garante a liberdade creativa.”

Entrevista a Tucho Calvo

EntrevistaTucho Calvo a Tucho Calvo en Palavra Comum:
“(…) – Palavra Comum (P): Que supõe para ti a literatura?
– Tucho Calvo (TC): Penso que hai que considerala como a mellor opción para poder transmitir todo tipo de experiencias. Na literatura está a vida da humanidade nun resumo da súa parte máis íntima, sobre a que precisaríamos de millóns de anos para poder coñecela persoalmente. Desde o punto de vista de lector, a literatura é unha ventá ao mundo, ao exterior e ao das realidades máis profundas das persoas. Unha fonte fundamental da miña formación e da miña cultura. E como escritor, quizais a forma de devolver eses coñecementos arrequecidos co filtro da miña experiencia. (…)
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, fotografia, plástica, etc.)? Que experiências tens neste sentido?
– TC: Non creo que poida haber compartimentos estancos a estas alturas. Esa idea da creación compartida con achegas diversas tívena sempre na cabeza e está moi explícita na miña segunda novela, PAE S. XXI, na que colaborou moita xente (ilustradores, arquitectos, fotógrafos…) e na que quixen que o fixesen moita máis… Pero a realidade -entre que non escribo moito ultimamente e que un traballo en equipo precisa de máis tempo e esforzo- é que non avancei por ese camiño. (…)
– P: Que caminhos (estéticos, etc.) estimas interessantes para a literatura, e quaisquer outras artes, na sua comunicação com a sociedade?
– TC: O importante é contar coa liberdade necesaria para que a humanidade exerza a súa creatividade. Despois, os camiños, carreiros ou vías de alta capacidade que percorra responderán ás peculiaridades dos receptores desas obras. E a liberdade depende en grande medida da cultura, de contar coas ferramentas que nos permitan non ser esmagados por poderes políticos, relixiosos ou económicos. As modas impostas a unha humanidade maioritariamente moi manexable por falta de criterios propios, desvirtúan as propostas que triunfan. O esforzo persoal, a creación crítica que está fóra dos circuítos culturais, adoita ser o máis interesante. (…)”

Premios Fervenzas Literarias para Os mellores libros do 2015

DesdeFervenzas Literarias 2015 Fervenzas Literarias:
“Tras pechar o día 14 de xaneiro o prazo de votacións temos, un ano máis, os resultados onde as lectoras e os lectores de Fervenzas Literarias decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2015.
Con esta edición, son xa nove as convocatorias onde os lectores amosan a súa voz para reflectir os seus gustos e as súas preferencias literarias. En total, este ano recibimos 439 enquisas.
Desde Fervenzas Literarias queremos agradecer unha vez máis a vosa participación e o voso interese en colaborar para formar estes listados de libros.
E agora os resultados… Os nosos parabéns aos premiados e premiadas…

– Mellor libro de narrativa para Os elefantes de Sokúrov, de Antón Riveiro Coello.
– Mellor libro de poesía para A boca da terra, de Manuel Rivas.
– Mellor libro de ensaio/investigación para Historia da Literatura Infantil e Xuvenil Galega, coordinado por Blanca-Ana Roig Rechou.
– Mellor libro de teatro para Raclette, de Santiago Cortegoso.
– Mellor álbum de banda deseñada para O bichero V, de Luís Davila.
– Mellor libro traducido para público adulto para Morte en Venecia, de Thomas Mann, por Laureano Xoaquín Araújo Cardalda.
– Mellor libro de literatura xuvenil para Europa Express, de Andrea Maceiras.
– Mellor libro de literatura infantil para O meu pesadelo favorito, de María Solar.
– Mellor libro traducido de literatura infantil e xuvenil para O papiro do César, por Xavier Senín e Isabel Soto.
– Autora do ano para Ledicia Costas.
– Ilustrador do ano para Xosé Cobas.
– Mellor capa de libro para adultos para O último día de Terranova.
– Mellor capa de libro de literatura infantil e xuvenil para Lendo lendas, digo versos, feita por Xosé Cobas.
– Mellor editorial do ano para Xerais.
– Mellor crítico/a literario/a para Armando Requeixo.
– O mellor acontecido para o Culturgal.
– O peor acontecido para o pasamento de varios escritores.
– Mellor Libraría para Libraría Couceiro.
– Mellor medio de comunicación para Praza.
– Mellor blog/web literaria para Criticalia, de Armando Requeixo.”