A Coruña: Nacionalismo galego aquén e alén mar, con Uxío-Breogán Diéguez

OUxío-Breogán Diéguez mércores 13 de abril, ás 20:00 horas, en Portas Ártabras (Rúa Sinagoga, 22, baixo), na Coruña, Uxío-Breogán Diéguez falará sobre Nacionalismo galego aquén e alén mar, sobre a obra homónima publicada en Laiovento, nun acto organizado pola A. C. O Facho.

Pontevedra: actividades previstas para o Festival de Poesía Ponte Poética 2016

Ponte Poética 2016

A Coruña: proposta Manuel María, na túa voz, o 23 de abril

“OManuel María 23 de abril celébrase o “Día Internacional do Libro”. Desde a Fundación Manuel María de Estudos Galegos están a traballar na realización de multitude de actos simultáneos en toda Galiza consistentes na lectura pública da obra de Manuel María.
O evento servirá de homenaxe literaria e popular ao escritor ao que se lle dedica este ano as Letras Galegas, Manuel María, e á súa obra creativa.
Manuel María tivo unha moi importante vinculación coa cidade da Coruña. Xa nos anos cincuenta participa en diversos recitais poéticos na nosa cidade e foi tamén aquí, no Teatro Rosalía de Castro, onde se lle tributou unha grande homenaxe con motivo da súa xubilación no ano 1995. Pouco despois, unha vez que tamén se xubilou Saleta, escollen a nosa cidade para nela vivir até o seu falecemento o oito de setembro de 2004. Neste tempo foi unha personalidade de referencia para toda A Coruña.
Desde a Asociación Cultural Alexandre Bóveda estamos a colaborar coa Fundación Manuel María na organización desta homenaxe na nosa cidade para o día 23 de abril e por iso nos diriximos a ti para pedirche que participes neste evento, ben achegándote a gozar coa obra de Manuel María ou se así o desexas lendo algún texto de Manuel.
O acto comezará ás 12 da mañá no Museo de Belas Artes.
No caso de que queiras ler pregámosche que no lo comuniques neste correo irmandadesdafala@gmail.com e se xa che é posible, que poema ou texto vas ler de cara a intentar que non haxa repeticións.”

Xavier Queipo: “A exclusión social non causou a radicalización en Bruxelas”

EntrevistaXavier Queipo a Xavier Queipo en Atlántico Diario:
“(…) Xavier Queipo, residente en Bélxica, pasa uns días de vacacións en Galicia, tempo no aproveita para promocionar a súa última novela Os kowa, distinguida co premio Blanco Amor. Dende a distancia analiza, aínda impactado o recén atentado de Bruxelas: “Foi tremendo; teño dúas compañeiras de traballo en coidados intensivos, xa que a estación de metro onde estouparon as bombas, está a carón da nosa oficina”, afirmou. Como escritor, participará ao seu retorno nun acto de protesta e indignación que están a organizar o colectivo de poetas da cidade: “Moitos deles son de orixe musulmá, e algúns practicantes; todos están abraiados cos feitos, consecuencia directa das predicacións salafistas que inculcan a morte dos infieis e que son unha minoría”. (…)
Xavier Queipo presentou onte na librería Andel o seu último libro Os kowa, premiado co Blanco Amor. “Tivo un comezo moi bo, porque é un dos tres premios máis importantes da narrativa galega co Xerais e co Ánxel Casal; agora xa teño a colección enteira”, apuntou orgulloso. Conta a historia dun investigador, acostumado ao laboratorio que ten que pasar unha tempada no Amazonas. “É unha novela de aventuras e psicolóxica”, asegura.”

XXV Xornadas de Lingua e Literatura: un punto seguido arredor de Manuel María

DesdeXXV Xornadas de Lingua e Literatura Manuel María Sermos Galiza:
“A Casa Museo Manuel María acolleu na xornada do sábado dúas iniciativas que xiraron arredor do autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas. Dunha banda, as XXV Xornadas de Lingua e Literatura da CIG-Ensino e da AS-PG e, doutra banda, a xuntanza de traballo da iniciativa Cultura que Une, que perfila actividades sobre as obras de Manuel María e Miguel Torga.
As XXV Xornadas de Lingua e Literatura, nas que participan arestora máis de medio cento de docentes, comezaron pasadas as 10:30 h, cunha palestra do estudoso e antólogo de Manuel María Manuel López Foxo. Baixo o título “A poesía de Manuel María: O País é tamén unha viaxe cara a dentro”, Foxo recuperou, con especial sensibilidade, a obra existencialista de Manuel María, a parte menos divulgada dos seus poemas.
Após a visita guiada á Casa Museo, as xornadas continuaron coa presentación dos recursos didácticos sobre Manuel María deseñados para Primaria e Secundaria. Anxo Gómez (CPI Vicente Otero Valcárcel) expuxo a unidade na que se traballan a lingua e a literatura a partir da escrita do autor nado en Outeiro de Rei, unha unidade que abrangue desde a sociolingüística, até calquera xénero literario, pasando todas as temáticas e destinada a todas as idades. Tamén presentou a súa unidade didáctica o Seminario Galán, que inclúe materiais en formato papel, en rede e soporte Edilm, un conxunto de traballos a disposición de quen quixer na web seminariogalan.org.
Xa durante a tarde tivo lugar o roteiro guiado por Outeiro de Rei, que levou as persoas participantes a coñeceren de primeira man a vida de Manuel María a través dos espazos referenciais da obra do autor. Da man de Alberte Ansede, María Calvo e Mateo Docampo, os presentes puideron descubrir a importancia da carballeira de Santa Isabel –unha das paisaxes máis fotografadas na tarde deste sábado- nos seus poemas, así como da Lagoa de Cospeito, entre outros recunchos. O roteiro complementouse coa lectura de poemas do autor homenaxeado neste 2016.
A fin das xornadas terá lugar a partir das 20h, co espectáculo de maxia a cargo do ilusionista Martín Camiña. (…)
A Casa Museo Manuel María tamén abeirou este sábado unha xuntanza de traballo no seo da iniciativa Cultura que Une na que participaron a Fundación Vicente Risco, a Tertúlia Araújo Correia, a Livraría Traga-Mundos de Vila Real e Ponte nas Ondas, amais de profesores e profesoras a título individual.
En declaracións a Sermos Galiza, Luís Martínez Risco sinala que a xornada deste sábado foi “unha continuidade da que tivo lugar o 3 de marzo para concretarmos a metodoloxía que nos permita facer intercambios de alumnado, agrupamentos escolares e de profesorado entre colexios de Galiza e de Portugal arredor do eixo das obras de Manuel María e Miguel Torga”. Non se trata só dun intercambio de alumnado, tamén se traballará nos eidos do patrimonio histórico, no ecolóxico, no lingüístico…
O grupo de traballo estudará até xuño o programa de actuación co fin de que no inicio de curso os centros poidan implementar as medidas acordadas de maneira flexíbel, segundo nos conta Luís Risco, da Fundación Vicente Risco.
Manuel María tamén foi o protagonista do roteiro que se desenvolveu este sábado no Val de Quiroga, arredor dos sonetos que o autor lle dedicou a este lugar. Na iniciativa participaron máis de medio cento de persoas.”

Entrevista a Manuel Pereira Valcárcel

EntrevistaManuel Pereira Valcárcel a Manuel Pereira Valcárcel en Palavra Comum:
“- Palavra Comum (P): Que é para ti a literatura?
– Manuel Pereira Valcárcel (MPV): A literatura é unha paixón, unha necesidade, un camiño imprescindible.
A literatura é busca e expresión, comunicación e pescuda, loita e achados.
A literatura é vida e é a vida.
– P: Como entendes (e levas a cabo, no teu caso) o processo de criação artística?
– MPV: Tratando de responder con palabras ao desconcerto, á mágoa, á alegría, á emoción. A todo o que atravesa a miña existencia. Ao que me prende e tamén ao que me libera.
– P: Qual consideras que é -ou deveria ser- a relação entre a literatura e outras artes (música, artes plásticas, fotografia, etc.)? Como é a tua experiência nestes âmbitos?
– MPV: As artes supoñen unha necesidade de resposta, fronte á éxtase ou a desolación. Por tanto, todas elas poden converxer ou compartir espazos.
Eu, que tamén son un apaixonado da fotografía, usei fotos feitas por min nalgún dos meus libros e nun deles debuxos dunha pintora amiga.
En canto á música, é recorrente en case todas as miñas presentacións. En ningún caso se trata de interpretacións miñas, dada a miña incapacidade para esa arte, a pesar do meu gusto pola música. (…)
– P: Qual é a tua opinião sobre a literatura e cultura galegas?
– MPV: Penso que esta é unha cuestión complicada para responder con certo criterio. Non vivo en Galicia e iso faime ter unha visión parcial da súa sociedade. Para min Galicia, vista de lonxe, é, fundamentalmente, a cultura galega. E cando vou atopo un desinterese enorme por esa cultura que con tanto esforzo constrúen moitas e moitos creadores. Os índices de lectura e demais seguimentos son moi pequenos, co cal é doado ser pesimista. Mais estamos obrigados a seguir adiante. Desafortunadamente, é un mal que non só afecta á nosa cultura. (…)”

Vigo Literario | Primavera 2016

CartelVigoLiterarioPrimavera2016Abannervigoprimavera2016 Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Vigo e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega organizan este programa de paseos polo Vigo literario.

– Todos os paseos con saída ás 11:30 h.
– 50 prazas por paseo, que se asignarán por orde de chegada das solicitudes.
– A inscrición é independente para cada un dos paseos, sempre a partir das 10:00 horas do día que se detalla en cada paseo, no correo electrónico actividades.snl@vigo.org:

Sábado 9 de abril
Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos, con Fran P. Lorenzo

· Inscrición a partir do día 2 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Rúa Privada Moderna.
Recórdao ti e recórdallelo aos outros… Esa obriga, expresada nun verso do poema 1936 de Luis Cernuda, é a que alenta o percorrido titulado Memoria, política e cidade. O Vigo de Cabalos e lobos. O roteiro ten no seu epicentro o edificio de Gran Vía, 2, auténtico protagonista da novela Cabalos e lobos, de Fran P. Lorenzo, Premio Blanco Amor 2014. A visita, que atravesa os lugares desa ficción pero que tamén pretende dialogar coa magoada memoria da cidade e dos seus espazos perdidos, partirá da Privada Moderna, unha singular rúa, moi preto do Calvario, no vello límite do concello de Vigo e Lavadores. Desde aí, en menos de dez minutos, e cun alto previo no muro de Vía Norte, chegarémonos a Gran Vía, 2, o fogar da familia Beckmann, os protagonistas de Cabalos e lobos, cabo da cicatriz invisíbel do Scalextric. O arquitecto dese edificio, Francisco Castro Represas, e a súa obra racionalista serán tamén algúns dos fitos deste paseo que atravesa por entre vellos cafés que non existen xa, refuxios antiaéreos, teatros pantasma, cinematógrafos, polas rúas Urzaiz, con parada no vello Derby, a entrada de Príncipe, Colón, Cine Fraga, a vella redacción do Faro de Vigo, Policarpo Sanz (Cable Inglés, Café Colón), Casa Sanchón, a Porta do Sol no horizonte, o Teatro García Barbón, o Teatro Rosalía, Marqués de Valladares, a Alameda (Editorial Galaxia) e As Avenidas, cabo do Bar Comercio, o Navy Bar de Manuel Antonio. Alí fronte ao Náutico e ao pé da Estación Marítima, fronteira do alén, remata o roteiro de Cabalos e lobos.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.

Sábado, 16 de abril
Urbanita, rural e libertario, o Vigo do que vimos, con Rexina Vega
.
· Inscrición a partir do día 9 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Estación Marítima, diante do Náutico.
O paseo comenza na Estación Marítima, pasaremos polo Berbés, subiremos polo Casco vello e Porta do Sol ata o escenario dos fusilamentos no 36 no Monte do Castro.
Percorreremos tanto as orixes ligadas ao mar, pesca e emigración, como a vida recreativa e teatral de principios de século. O golpe de estado que en Vigo se escenificou na Porta do Sol e a primeira represión no monte do Castro rematarán a viaxe.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.

Sábado, 30 de abril
Vigo. A estética do desequilibrio, con Xosé María Álvarez Cáccamo.

· Inscrición a partir do día 23 de abril (inclusive).
· Punto de partida: Cruce Vía Norte con Escultor Gregorio Fernández, a carón do muro da estación do tren.
Este será o traxecto: Vía Norte – Urzáiz – Príncipe – Velázquez Moreno – Progreso – Pracer – San Sebastián – Ferrería – Paseo de Alfonso XI – Elduayen – Porta do Sol – Policarpo Sanz – Doutor Darío Álvarez Blázquez – Marqués de Valadares – Reconquista – Praza de Compostela – García Olloqui – Cánovas del Castillo – Peirao de Trasatlánticos.
A duración aproximada do roteiro é dunha hora e corenta e cinco minutos.