Crónica videográfica da Gala Premios Mestras e Mestres da Memoria (III)

O 27 de maio tivo lugar en Lugo a Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria, actividade que contou co apoio das Áreas de Cultura do Concello e da Deputación de Lugo. Estes Premios concédense a informantes de literatura popular, por toda unha vida de dedicación exemplar á transmisión oral de saberes e valores da nosa cultura popular tradicional. A proposta da Sección de Literatura de Tradición Oral, coordinada por Antonio Reigosa, a asemblea xeral de Socios-as da AELG acordou outorgárllelos ás Pandeireteiras da Alén (Orosia e Alsira Gil Ramos e Ólida Diz Ramos) e a Serafín Mourelle Bugallo.

Aquí pode verse a crónica videográfica completa, da que publicamos hoxe estes vídeos:

Laudatio de Isidro Novo a Serafín Mourelle:

Entrega do Premio Mestre da Memoria a Serafín Mourelle Bugallo:

Agradecemento de Serafín Mourelle Bugallo:

“2018: as Letras de María Victoria Moreno”

Desde o Diario Cultural da Radio Galega:
“2018: as Letras de María Victoria Moreno.
Fina Casalderrey: “Acabou trunfando un pouco a xustiza e non me refiro a cotas”
María Reimóndez: “É moi habitual que aconteza coas mulleres en calquera periodo histórico: esa memoria tan curta que temos, que rapidamente desaparecen”.
Pode accederse ás entrevistas aquí.”

Pontevedra: actos destacados na Festa dos Libros para o venres 23

O venres 23 de xuño comeza a Festa dos Libros, na praza da Ferrería de Pontevedra, organizada polo Concello de Pontevedra e as librarías da cidade. O horario será de 11:00 a 14:30 h. e de 18:00 a 23:30 h. Os actos máis destacados para ese día son os seguintes:

18:00 h. Ana Cabaleiro presenta Sapos e Sereas, publicado en Galaxia. Participa xunto á autora Francisco Castro. No Auditorio.
18:30 h. María Solar asina exemplares de Os nenos da varíola, publicado por Galaxia, e As horas roubadas, publicado por Xerais, en Cronopios.
18:45 h. Xornalismo-literatura. Tensión sexual non resolta, por Xosé Manuel Pereiro, codirector da revista Luzes. No Auditorio.
19:00 h. Presentación de Inferno (Discursiva), de Daniel Peón Targus, e Atrofiadas as estrelas, de Alexander Vórtice, da mesma editora. En La Nube de Papel.
19:15 h. Mesa da memoria con Montse Fajardo: Un cesto de mazás; Luís Bará: Non des a esquecemento; e Susana Sánchez Arins: seique. No Auditorio.
20:00 h. Buenaventura Aparicio presenta Segredos ao descuberto. Paz.
20:30 h. Migallas: Canta connosco, na Espazo do Lector Nobel.
21:00 h. Pedro Feijoo presenta Os fillos do lume en conversa con Susana Pedreira, nun acto organizado por Cronopios, no Auditorio. O libro está publicado por Xerais.

O cuarto de… Marta Dacosta

Artigo de Marta Dacosta n’A Sega:
“Podería mostrarvos como é o lugar en que adoito traballar e sería unha ficción, porque ordenaría a mesa e a contorna da computadora para que non descubrísedes o caos que ás veces se apodera de min.
O certo é que naquel cuarto que tiven na casa dos proxenitores, fun proxectando aos poucos un futuro de meu, porque precisaba espazo e tempo e poder. Así foi que entre as lecturas de poesía, os apuntamentos de lingua e os dicionarios, o que facía realmente era trazar o mapa que me levaría fóra da casa do pai, os planos da independencia económica imprescindíbel para ser dona de min.
Hoxe vivo nunha casa de meu. Nun espazo que comparto por decisión propia e no que habitamos na igualdade de quen leva ao ámbito doméstico o que defende na rúa. Unha casa en que non hai fechaduras e nos encontramos na conversa e nos traballos. O noso espazo de paz.
Para quen fantasía, idea ou escribe en calquera lugar e momento, todos os espazos da casa son óptimos para a concentración. Desde aqueles que a iso foron dedicados, até os que teñen outro destino, mais acaban por adaptarse á función literaria. Así o recanto do oeste que inicia un poema de Acuática alma e representa un lugar ao pé da ventá orientada a poñente, un lugar de luz e calor antes de que o día remate.
Mais a casa non son só os espazos de dentro. O eido que a rodea acaba por ser tan principal coma os cuartos, porque ao final é xardín ou abandono creado á nosa imaxe e semellanza, mundo do que somos as únicas deusas. Por iso ese lugar sen paredes nin teito, en que respiramos por todos os poros do corpo, pode ser o espazo. Un espazo ao pé da natureza en que deixarse levar pola harmonía inaudíbel das árbores e o aloumiño da brisa. Alentar. Cos ollos fechados. Coas entrañas abertas. Sentíndose dona dese momento.
Porque escribir é unha actividade que precisa dedicación e método, que precisa domar as imaxes que adoito se desbocan e fannos saír alancando na súa procura, esforzarnos en rodealas co lazo que nos permitan suxeitalas, frealas. Domesticar a súa ansia. Aprendelas a camiñar canda nós, coma as bestas do monte.
Atopar ese punto de equilibrio entre o salvaxe e o cultural.”

Miguel Anxo Fernández: “Blues para Moraima mestura ‘thriller’ político e memoria histórica”

Entrevista a Miguel Anxo Fernández en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Alfonso, o protagonista, é un vello director de cine exiliado que decide volver a Galicia para un programa de televisión nos anos 80. Vostede dirixiu «Galicia no cine» na TVG naquela altura e un dos realizadores homenaxeados foi Carlos Velo. ¿Alfonso é Velo?
– Miguel Anxo Fernández (MAF): Podería, mais no protagonista da novela hai tamén cousas de Blanco Amor e de José Suárez. E a Moraima do título é unha chiscadela á dona de Celso Emilio Ferreiro. Todos eles intelectuais ourensáns exiliados, aínda que me coidei moito de non caer na trampa de servir ensaio histórico, de embarrancar na cousa ideolóxica ou na verborrea panfletaria porque entendo que o lector precisa de espazos de liberdade para interpretar o que lle contan.
– LVG: O regreso do realizador, que tivo que fuxir de Galicia para salvar a vida, reabre vellas feridas. Un político e un directivo da televisión son os seus antagonistas.
– MAF: Melitón e Ulpiano son os malvados porque foron historicamente malvados, así de claro. Non é maniqueísmo, son os vencedores da ditadura e punto. Que cada quen saque as conclusións que goste; iso si, son produto da miña imaxinación, non queda outra.
– LVG: Vellas historias que volven, represión, sucesos nunca contados que mudan o sentido da vida… ¿Como definiría a novela?
– MAF: É unha mestura de thriller político e de memoria histórica, no ambiente na transición do que tanto se fala agora. Semella un tema pouco tocado na narrativa galega, ou cando menos no ton que pretendo. Hai un xornalista de televisión empeñado en recuperar a un vello director exiliado, Afonso, ignorando que provocará unha singular catástrofe co seu empeño. O poder establecido, as institucións, mesmo a clase política, convulsionarán co regreso do director. (…)”