Arquivos mensuais: Decembro 2017
Ourense: recital Cantata e fuga para Carlos Casares, con Xosé Carlos Caneiro (poesía) e Emilio Rúa (música)
Sarria: entrega do XVII Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño
Manuel Ferreiro: “Pondal estivo preocupado por que a súa memoria ficase viva”
Entrevista a Manuel Ferreiro en La Voz de Galicia:
“(…) – La Voz de Galicia (LVG): Pondal tiña medo de ser esquecido? Á luz dalgún verso…
– Manuel Ferreiro (MF): Pondal estivo preocupado toda a súa vida por que a súa memoria ficase viva, que a obra que el concibiu ao servizo do pobo galego fose lida e tida en conta no seu tempo, pero tamén nos tempos de hoxe. Nese poema que dita na pensión La Luguesa dous ou tres meses antes de morrer, explica ben o que é a súa obra.
– LVG: Cumpriuse a súa vontade?
– MF: [Suspira] Non vivimos bos tempos. Continúa a ser moi necesario que os galegos e galegas volvamos ler o que os nosos antepasados escribiron, e nomeadamente aqueles que entregaron a súa vida a que a nosa patria non desaparecese. Probablemente se reflexionaría, e moitas actitudes poderían variar: poderiamos construír ou reconstruír unha patria que está en perigo.
– LVG: Que é Pondal na súa vida?
– MF: Comecei a traballar con Pondal un pouco de casualidade, como un traballo académico, investigador, facendo o doutoramento. Eu nin sequera son bergantiñán, son chairego, e moi rexionalista. Sinto que a miña patria de orixe é esa, pero recoñezo que teño unha fraqueza especial por Bergantiños, e foi a partir de Pondal. Para el Bergantiños era Galicia. Cando dedicas moitas horas, días, semanas, meses e anos a traballar sobre un autor acaba habendo unha especie de identificación. Pondal é un home complexo e non todo me gusta na mesma medida, claro. Mais síntome satisfactoriamente acompañado por el. (…)
A Deputación da Coruña pon en marcha a Rede Cultural 2018
Desde a Deputación da Coruña:
“A área de Cultura da Deputación da Coruña pon en marcha unha nova edición da Rede Cultural cun orzamento que supera os dous millóns de euros. Unha das principais novidades da Rede é o programa “Lingua a escena!” que nace co obxectivo de contribuír á dinamización da lingua galega.
Coa apertura do prazo para a inscrición de compañías, artistas e producións, a área de Cultura da Deputación da Coruña bota a andar unha nova edición da Rede Cultural, a ferramenta para apoiar a existencia dunha oferta cultural ampla e diversa no conxunto dos concellos e comarcas da provincia. Artistas, compañías ou produtoras teñen até o 27 de decembro para inscribir as súas propostas telematicamente na web que a Deputación da Coruña pon a súa disposición para a xestión da Rede Cultural.
A área de Cultura da Deputación da Coruña, que dirixe a tamén vicepresidenta Goretti Sanmartín Rei, inviste en 2018 máis de 2.000.000 € neste programa co que apoia a actividade artística profesional e non profesional do campo das artes escénicas, a música e o audiovisual a través dun sistema de cofinanciamento das programacións culturais nos concellos.
Nesta edición, ademais dos tres programas que se viñan ofertando, inclúese un novo dentro da categoría profesional destinado a espectáculos de música, teatro, danza, narración oral ou monicreques con contidos específicos orientados á dinamización social da lingua galega para concellos. Con “Lingua á escena!” a área de Cultura e Lingua da Deputación da Coruña busca, “contribuír a promocionar espectáculos e propostas que teñan a dinamización lingüística como obxectivo, a través da Rede pódese mesmo incentivar a creación destas propostas específicas interesantes para a promoción da nosa lingua, en especial, nas xeracións máis novas”, segundo a responsábel da área, Goretti Sanmartín Rei.
Para alén deste novo programa, a Rede Cultural oferta de novo dúas programacións profesionais, “Escena ao Vivo” para compañías de teatro, monicreques e danza, “Visións” de cinema e contidos audiovisuais, os tres para concellos. Ademais, o circuíto de programación da Deputación da Coruña inclúe o programa “Alicerce” de música, danza e teatro non profesional para concellos e entidades.
Na edición deste ano 2017 da Rede Cultural desenvolvéronse 1.170 actuacións nos concellos e 505 as de entidades o que fan un total de 1677, por un total de case tres millóns de euros, sumando as achegas da Deputación, dos concellos e das entidades. Destes, uns 2.250.00 foron destinados á programación dos concellos.
Goretti Sanmartín salientou a “aposta clara pola Rede Cultural, que a nivel orzamentario se pon na altura dos anos previos á crise e que se viu reforzada nestes dous últimos anos no que ten a ver coa profesionalización, a mellora e ordenación das programacións”
O programa cultural da Deputación ponse agora en marcha coa apertura do prazo de inscrición que rematará o 27 de decembro ás 14:00 horas. A segunda fase de solicitude de espectáculos prolongarase do 7 ao 20 de febreiro de 2018. Finalmente a resolución de adxudicación realizarase antes do 22 de marzo.
A Rede Cultural está financiada pola Deputación da Coruña e conta co cofinanciamento dos concellos que achegan o 25% do orzamento en concellos de menos de 5.000 habitantes, o 40% cando son de 5.000 a 10.000 habitantes, 50% de 10 a 20.000 habitantes, o 60% para concellos entre 20.000 e 50.000 habitantes e 70% para os de máis de 50.000 habitantes.”
María Rosendo: “O amor que se presenta en Diáspora é combativo porque rompe as normas do heteropatriarcado capitalista”
Entrevista de Montse Dopico a María Rosendo en Praza:
“Cartas de amor en forma de poemas. Que conforman un relato da ausencia, do anceio por reencontrarse coa persoa amada. Así é Diáspora de Amor Balea, o poemario co que María Rosendo e Andrea Nunes gañaron o premio Illas Sisargas de poesía erótica. Mais é moito máis ca iso. Mediaba, entre as dúas autoras, a distancia física, xa que Andrea atopábase en China e María en Galiza. Mais o libro reflicte outra migración, cunha pegada tanto ou máis fonda. Un movemento cara “outros xeitos de amarse, de construírse na afectividade”, tal como nos explica María nesta entrevista, na que falamos tamén da súa obra anterior, Nómade, ademais de analizar un pouco a conexión de Diáspora cos anteriores poemarios de Andrea Nunes.
– Praza: En realidade, os dous libros, Nómade e Diáspora de Amor Balea, están relacionados coa migración. De que xeito? Non sei, ademais, se podemos dicir que o feito de que os dous traten ese tema está relacionado coa situación dunha xeración (a vosa), que tivo que volver emigrar. Que pensas ti diso?
– María Rosendo: Si, os dous poemarios teñen a temática da migración presente, dun xeito ben transversal, mas eu acho que é unha migración que vai para alén dos territorios físicos. É certo que Nómade foi escrito na súa meirande parte fóra, na Arxentina, mas o que moveu os poemas, o que os fixo posíbeis non foi a diáspora física mais un sentimento de estranxeiría na propia pel. Nómade existe pola necesidade de pór palabras a un estado de sitio histórico contra das mulleres, que se dá desde que existe o patriarcado e que nos fai a todas aquelas socializadas como mulleres, ter que ir na busca do nós propias, do noso centro, que nos foi usurpado para atendermos antes os desexos dos outros.
En Diáspora de Amor Balea a voz que eu represento é a que fica na casa, na Galiza, no lugar onde o amor foi posíbel. E si, aquí hai unha referencia a unha emigración mais forzada; no poemario non sabemos o por que, mas si sabemos que é contra vontade, e esa distancia é a que nace para facer posíbel o texto, o intercambio poético.
Mas tamén teño que dicir que a cuestión migratoria en Diáspora de Amor Balea ten así mesmo un compoñente que vai para alén da distancia que existe entre a China e Galiza; penso que o poemario nos fala tamén dun movemento migratorio amoroso, dunha migración -tamén forzada- cara a uns outros xeitos de amarse, de construírse na afectividade. E aí imos, migradas, porque o feminismo non nos deixa un outro lugar. Daquela eu atreveríame a dicir que aquí dáse un movemento que é complexo, que ten moito de soidade, como nas migracións territoriais físicas, mas que acho ten un destino ulterior, que é o lugar da emancipación. (…)”
Compostela: presentación de O arte e a sua historia, de Antía Cal e Antón Beiras
O sector do libro galego reclama á Xunta un verdadeiro plan de fomento da lectura
- Asociación Galega de Editoras (AGE)
- Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
- Federación de Librarías de Galicia (FLG)
O sector do libro galego reclama á Xunta un verdadeiro plan de fomento da lectura
- As tres asociacións realizamos hoxe unha intervención conxunta na reunión do Consello Asesor do Libro convocado pola Xunta de Galicia
(Santiago de Compostela, venres 15 de decembro de 2017) A Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Federación de Librarías de Galicia fixemos hoxe un chamamento conxunto á Xunta de Galicia, durante a reunión do Consello Asesor do Libro.
Os tres colectivos celebramos que por fin se convoque este Consello Asesor do Libro ao tempo que solicitamos que deste órgano saia, primeiro, unha diagnose da situación actual do sector do libro e da lectura en galego; en segundo lugar, que sexa un verdadeiro, real e efectivo Plan de Fomento da Lectura de Galicia e da lectura en galego, e que as decisións que o Consello adopte sexan vinculantes.
Ese Plan real de Fomento da Lectura debe pasar inescusablemente por recuperar a dotación económica das Bibliotecas públicas, por un apoio efectivo á internacionalización en diálogo continuo co noso sector, polo apoio ás librarías que resisten na defensa da nosa cultura ademais do apoio ás creadoras e creadores e, entre outros aspectos, pola activación dunha potente campaña de promoción lectora, que involucre a amplos sectores e referentes sociais.