Escarlatina, a cociñeira defunta, fala coreano”

Desde Sermos Galiza:
“O máis exitoso dos exitosos libros da escritora Ledicia Costas, Escarlatina, a cociñeira defunta (2014), fala coreano. A editorial Pink Whale acaba de publicar a historia de Escarlatina, a cociñeira do século XIX que, acompañada da araña Lady Horreur, elabora “gorentosas receitas” no inframundo. A tradución é de Jeongha Kim.
A obra que lle valeu a Costas (Vigo, 1979) o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura, nas librarías da man de Edicións Xerais, atópase traducida ao castelán ou ao catalán. O pasado ano, a autora deulle continuidade ao personaxe con Os arquivos secretos de Escarlatina (Xerais).”

Morre Victoria Ruiz de Ojeda, especialista en Rosalía de Castro

Desde Sermos Galiza (foto da Fundación Rosalía de Castro):
“A profesora e investigadora María Victoria Álvarez Ruiz de Ojeda morreu este domingo en Vigo. Nesa cidade nacera en 1961. Especialista en Rosalía de Castro, Ruiz de Ojeda deixa unha ampla serie de ensaios e estudos sobre a autora.
Licenciada en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, foi activa colaboradora do Anuario de Estudos Literarios Galegos, Grial, Festa da Palabra Silenciada ou no Boletín da Real Academia Galega.
Rosalía de Castro para nenos (1988) foi un dos libros ao seu nome. Da poeta explorou tamén e en profundidade a súa faceta xornalística, algunha correspondencia ou os aspectos biográficos. Tamén foi editora de Entrevista con Eduardo Blanco-Amor.
A Fundación Rosalía, da que era membro do plenario e mais do consello de redacción da revista Follas Novas, lamentou “a perda irreparábel dunha persoa fundamental para o rosalianismo”.
Victoria Ruiz de Ojeda estaba casada co profesor e académico Xesús Alonso Montero.”

Escola de Escritoræs. Obradoiro de creación literaria, con Eva Mejuto: Escrita ilustrada

O Obradoiro de creación literaria, con Eva Mejuto: Escrita ilustrada é unha iniciativa da Escola de Escritoras-es da AELG, coa colaboración do Pazo da Cultura e o patrocinio e colaboración do Concello de Pontevedra.

Álbum ilustrado, libros ilustrados, cómic, novela gráfica… Son narrativas visuais nas que texto e imaxe conflúen para contar unha historia. Neste curso afondaremos principalmente no álbum como categoría propia, no formato, tipoloxía, público destinatario (maioritariamente álbum infantil pero tamén para público adulto), así como en cuestións prácticas de cara ao mercado editorial: cuestións legais e consellos para o contacto coas editoras. Tamén nos achegaremos, en función do público presente, ao mundo da banda deseñada, traballando en diversas propostas de guión.

A cargo de Eva Mejuto, e con clases maxistrais de Kiko da Silva.

Calendario e inscrición
– Días: venres 21 e 28 de setembro; venres 5, 19 e 26 de outubro; venres 2, 9, 16 e 23 de novembro; e venres 7 e 14 de decembro.
– Horarios: de 18:00 a 20:00 todos os venres de setembro, outubro e novembro. Os venres 7 e 14 de decembro de 17:30 a 20:30 h.
– 25 prazas para persoas maiores de 16 anos.
– As prazas asignaranse por orde de solicitude.
– Inscrición, necesaria e gratuíta, en inscricions@pontevedra.eu, indicando os seguintes datos:

  • Nome e apelidos
  • Correo electrónico
  • Núm. do documento de identidade
  • Enderezo completo
  • Data nacemento
  • Ocupación

O obradoiro desenvolverase no Pazo da Cultura (Rúa Alexandre Bóveda), no Seminario 8 – Aula da Escola de Escritoræs da AELG.

O obradoiro enmárcase na Escola de Escritoras e Escritores da AELG, iniciativa que centra os seus esforzos en impartir, por concellos de todo o país, obradoiros con formatos e destinatarios diversos, nos que se abordan diferentes xéneros literarios e contidos. Trátase dunha iniciativa que, cos autores/as como guías, ten o obxectivo de transmitir a experiencia apaixonante do acto creador, tentando concienciar á sociedade do imprescindíbel que é a estimulación creativa na escrita e o seu papel complementario na formación do individuo. O proxecto aposta por ofrecer á mocidade un sistema lingüístico, literario e cultural propio no que asentar as súas raíces.

Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018: Diana Varela Puñal

Os Paseos pola Coruña Literaria Outono 2018 son unha iniciativa da AELG desenvolvida coa colaboración e patrocinio do Concello da Coruña.
Os Paseos pola Coruña Literaria constitúen unha iniciativa para coñecermos unha cidade diferente da man de diferentes autoras e autores.

Terán lugar os sábados indicados para cada paseo, de 12:00 a 13:30 h., aproximadamente.
Están dirixidos a maiores de 16 anos e son gratuítos para as persoas interesadas (hai un límite de 55 prazas por paseo).
É necesaria a inscrición previa, que se abrirá a partir das datas indicadas para cada un dos paseos. Pode facerse dos seguintes xeitos:
– Presencial na Conserxaría do Centro Ágora.
– No teléfono 981 189 888 (a partir das datas indicadas para cada paseo).
– Enviando un correo electrónico a lingua@coruna.es, onde deberá constar o/s nome/s e apelidos da/s persoa/s inscritas e un teléfono de contacto.

  • Sábado 22 de setembro (a partir das 12:00 h): paseo con Diana Varela, Mulleres donas do seu soldo. A inscrición ábrese o 10 de setembro a partir das 09:00 h.

A escritora e avogada Diana Varela proponnos unha viaxe que entretece literatura e dereito a través de nomes propios e oficios enraizados na cidade.

Será unha viaxe que entretece literatura e dereito a través de nomes propios e oficios enraizados na cidade. Desde Emilia Pardo Bazán e o seu libro La tribuna, que trata o traballo das cigarreiras, que camiñaron á par das cerilleiras e pescantinas na historia da cidade, até Victoria Kent e Clara Campoamor, profesionais do dereito e mulleres fundamentais para a historia da democracia en España e a loita feminista.

    • Sábado 20 de outubro (a partir das 12:00 h): paseo con Antía Yáñez, arredor de Senlleiras. A inscrición ábrese o 8 de outubro a partir das 09:00 h.

Un percorrido pola Coruña dos anos 30 e as súas singularidades que ambienta a novela Senlleiras. A autora amosaranos os principais escenarios desta novela, recente gañadora do II Premio Illa Nova: os edificios modernistas, a antiga sede de A Nosa Terra, a localización dos hoteis desaparecidos…

  • Sábado 27 de outubro (a partir das 12:00 h): paseo con Olga PatiñoA Cidade Vella. A inscrición ábrese o 15 de outubro a partir das 09:00 h.

Este vai ser un percorrido pola luz das pedras. Por esa luz subterránea que nos achega ao bafo dos ancestros. Para a paisaxe invisíbel do tempo está a voz d@s poetas, cuxas pegadas nestas pedras da Cidade Vella foron e son capaces de facer o instante eterno, de vagar pola sinuosidade do vento e achegármonos á hora involuntaria do asombro nas pálpebras dos soños certeiros…

Laura Ramos Cuba gaña o XIº Premio de poesía Victoriano Taibo coa obra presentada baixo o título de A situación actual

Desde o Instituto de Estudos Miñoranos:
“O xurado do certame poético Victoriano Taibo que convoca o Concello de Gondomar en colaboración co Instituto de Estudos Miñoráns, integrado polos escritores e escritoras Iria Misa, Gonzalo Navaza, Miguel Anxo Mouriño, Marta Dacosta en nome do IEM e Rafa Vilar, gañador da Xª edición, resolveu que o libro gañador desta XIª edición era o presentado co título de A situación actual que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría de Laura Ramos Cuba.
O xurado valorou que se trata dunha obra absolutamente contemporánea en que atopamos unha voz intimista moi forte. Unha voz dunha grande radicalidade, capaz de reflectir unha situación límite, unha crise emocional. Destaca a capacidade de poetizar o cotián con sinxeleza e fondura a un tempo. O xurado tamén salientou a unidade do libro, que mantén ao longo da lectura o pulso e o ritmo.
Laura Ramos Cuba é unha moza burelá graduada en xornalismo e comunicación audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela. Este é o seu primeiro premio e, será, o seu primeiro libro publicado, co que o certame Victoriano Taibo ten a satisfacción de permitir que saia á luz esta voz actualísima que nos fala desde as súas propias coordenadas inseridas neste século XXI.
A entrega do premio será o día 17 de novembro nun acto que decorrerá no Auditorio Lois Tobío de Gondomar.”