Arquivos mensuais: Marzo 2019
Bases do XXXI Premio Torrente Ballester de Narrativa en Lingua Galega
Cacheiras, Teo: presentación de O río do Porto, o río grande da Terra de Soneira
Vídeo da presentación na Coruña de Contra todo isto, de Manuel Rivas
Compostela: 3º Obradoiro de escrita creativa, con Eduardo Estévez
Beatriz Maceda: “Lúa en Ningures saiume do corazón”
Desde Xerais:
“O programa Hoy por Hoy A Coruña, da cadena Ser, emitiu unha entrevista coa escritora Beatriz Maceda sobre o libro: Lúa en Ningures, ilustrado por Laura Veleiro. A entrevista pode escoitarse nesta ligazón.”
Ourense: presentación de A invención dun Deus. Xesús de Nazaret. II, de Xulio López Valcárcel
O 28 de marzo, ás 20:00 horas, no Café Cultural El Cercano (Rúa Cardeal Quevedo, 20), en Ourense, Xulio López Valcárcel presenta A invención dun Deus. Xesús de Nazaret II. A configuración do mito, publicado por Laiovento. No acto estará acompañador por Pura Veiga e Daniel López Vispo.
“Punto de encontro”, por Ánxela Lema París
Artigo de Ánxela Lema París na Plataforma de Crítica Literaria A Sega:
“Pasar as páxinas do Spleen en catro tempos de Arancha Nogueira é adentrarse nun mapa onde todos os puntos marcados nos resultan familiares. Un mapa por onde todas as que nacemos entre finais dos oitenta e principios dos noventa vagamos zombies, cansas e ansiosas. Un espazo que creou como punto de encontro para o acougo e o entendemento, para a empatía e a rede.
Un discurso poético con pegadas dunha Lupe Gómez cando lemos as súas vontades “de saír correndo polas rúas/ espida e vermellísima/ case igual que como nacín” e, como os de Lupe, versos directos, desgarrados, reais, que doen por momentos e que, por outros, sacan un sorriso. Un espello no que non sempre e cómodo verse, mais si necesario.
Encontramos aquí unha cidade escura e gris, unha Compostela na que vivimos de aluguer, na que os corpos teñen cicatrices e nada teñen que ver cos maniquís utópicos, na que xa non están as amigas de sempre porque tiveron que emigrar e onde as que aquí ficamos imos dun lado para outro en constante transición precaria. Nogueira mostra sen filtros de Instagram a crúa realidade da nosa xeración cunha angustia constante que percorre todo o poemario sobre as promesas nunca realizadas, os obxectivos nunca acadados e con ese conflito continuo co que vivimos entre a realidade e a ficción. Porque, como ben di, “o feo sempre nos molesta” nunha ollada afeita ao mundo de Mr. Wonderful, cheo de emoticonos e un mundo dixital tan perfecto como irreal que nos fai cuestionarnos a cada paso. Ben ao contrario, o que nós temos como paisaxe é unha “chaira enorme de plantas de interior” que nunca fotografamos por vergoña a partillar. E como iso, o silenciamento do número de lavadoras que poñemos, do blue tac que queda pegado nas paredes de cada piso que habitamos e das postais que non imos mandar porque iso, como o feo, incomoda. (…)”
A Rede Galega de Teatros e Auditorios acolle na Estrada a estrea do espectáculo da compañía Talía A primeira vez
Desde Agadic:
“O Teatro Principal da Estrada acolle o vindeiro venres 29 de marzo ás 21:00 h. a estrea do espectáculo A primeira vez, a cargo da compañía Talía Teatro. A función está programada no marco da carteleira da Rede Galega de Teatros Auditorios (RGTA), impulsada anualmente pola Xunta de Galicia en 40 espazos escénicos galegos e en colaboración cos concellos respectivos. En A primeira vez, Artur Trillo dirixe e versiona ao galego un texto do autor polaco contemporáneo Michal Walczak, un dos expoñentes da nova escena europea.
Na peza abórdanse as relacións de parella e a incomprensión desde unha perspectiva traxicómica que reflicte as tensións humanas, con crueldade pero tamén con sentido do humor.
Na interpretación están María Ordóñez e Toño Casais, habituais de Talía Teatro, que hoxe acompañaron a Artur Trillo, a Juan M. Constenla, concelleiro de Cultura da Estrada, e a Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), na rolda de prensa de presentación da montaxe, unha proposta á que os seus artífices se refiren como “drama disfrazado de comedia”. (…)”