Arquivos mensuais: Outubro 2019
Vigo: presentación de Iridium, de Francisco Castro
Compostela: Bienio Pidalino en Galiza
Compostela: presentación de Ben-Cho-Shey inédito, de Paco López-Barxas
VII Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco
Desde a Cidade da Cultura:
“Tes unha idea innovadora para emprender no ámbito das industrias culturais? A túa carreira profesional ou estudos van da man do deseño, a ilustración, a comunicación, a xestión cultural, a fotografía e o audiovisual, a creación artesá ou artística…?
Os VII Premios Emprende Gaiás – Sixto Seco danche o apoio que precisas para facer realidade os teus proxectos!
Convocado pola Fundación Cidade da Cultura de Galicia, este concurso ten como obxectivo impulsar a posta en marcha de ideas emprendedoras e proxectos innovadores no ámbito da creación e da cultura.
Podes participar en dúas modalidades:
– Aplicacións informáticas relacionadas co sector cultural ou proxectos culturais na internet.
– Proxectos na área do deseño, a xestión cultural, e a creación artística e plástica.
PREMIOS
O premio en cada unha das modalidades inclúe:
– 3.000 euros para darlle á túa idea o pulo que precisa.
– Poderás incorporarte de balde, durante un ano, ao coworking do Centro de Emprendemento do Gaiás.
– Asesoramento personalizado para desenvolver o teu proxecto durante a túa estancia no CEM.
CANDIDATURAS
O prazo de recepción de solicitudes está aberto entre o 5 de outubro e o 4 de novembro e as candidaturas poderanse presentar, preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes, presencialmente ou por correo postal, no Rexistro da Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.
Consulta máis polo miúdo esta información nas bases -publicadas no DOG do 25 de setembro (código de procedemento CT899A)- e no noso apartado de dúbidas frecuentes.
Os premios Emprende Gaiás – Sixto Seco contan coa colaboración do IGAPE e de Afundación.”
Máis información aquí.
Antía Yáñez gaña o III Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade
Alicia Fernández gaña o XIX Premio de poesía Fiz Vergara Vilariño
Compostela: María Xosé Queizán. Homenaxe a Rosa Luxemburgo, o 31 de outubro
Antonio Piñeiro gaña o IV Premio Neira Vilas de Novela Curta
Desde Sermos Galiza (foto: Fundación Xosé Neira Vilas):
“O escritor ribeirense Antonio Piñeiro resultou gañador do IV Premio Xosé Neira Vilas de Novela Curta con Esca, un relato “tenebroso” e con elementos simbólicos ambientado na ría de Arousa dos anos 20, concretamente no Balneario da Toxa.
Así o decidiu por unanimidade na súa reunión deste xoves o xurado deste galardón, composto por Rosalía Morlán, Pilar Sampedro, Juan Andrés Fernández e Fernando Redondo, membros do padroado da Fundación Xosé Neira Vilas, así como polo crítico literario e profesor Armando Requeixo.
Segundo narrou Juan Andrés Fernández, de entre todas as obras presentadas, o xurado decidiu conceder o premio este ano á presentada por Antonio Piñeiro, da que destacou a súa “calidade literaria”, o “uso do vocabulario” ou a “posta en escena” da trama, ambientada nos anos 20.
Esca está ambientada no balneario da Illa de Arousa e ten como protagonista a un “vello burgués retirado”. “Ao seu ao redor viven unha serie de personaxes secundarios que van entrando e saíndo da novela dunha forma un tanto nebulosa”, destacou Juan Andrés Fernández.
Na trama conviven personaxes adultos e infantís cun “asunto tenebroso” e “elementos simbólicos” que se desenvolven nunha atmosfera de tensión crecente e que conflúen nun “brillantísimo final”, que permite ao lector comprender “gran parte da novela”.
Aínda que a calidade das 13 obras presentadas este ano levou ao xurado a ter que debater durante máis de dúas horas a decisión, finalmente foi esta “calidade literaria”, unida á súa riqueza léxica e ao impactante final, o que motivou a súa elección.”
Miguel Cavadas, María Caíña e Paula Marina García fanse cos premios literarios da USC
Desde Sermos Galiza:
“Nai, un poema de Miguel Cavadas Docampo, que achega “unha ollada descarada e subversiva cara tanto a maternidade como a identidade de xénero”, alcanzou o primeiro premio do V Concurso literario Mazarelos organizado pola Facultade de Filoloxía da universidade compostelá.
As gañadoras do segundo e terceiro premio foron María Caíña Hurtado e Paula Marina García Pardavila. María Caíña foi distinguida cun segundo premio por Dous gatos a discutir a autenticidade do rato, composición da que o xurado destacou a súa “orixinalidade, sobre todo formal, así como a súa vontade de crítica social a través do xogo metapoético”.
Formas de determinación é o título do poema de García Pardavila, do que o xurado salienta “a súa ollada potente cara ao mundo, que logra poemas e imaxes suxestivas, evocadoras, alén de fiar un discurso co combina o cotián co filosófico”.
O xurado do V Premio Mazarelos da USC foi composto polas escritoras Inma López Silva e Estíbaliz Espinosa Río, as profesoras María Teresa Amado Rodríguez e Ramón Mariño Paz mais a gañadora da pasada edición, Arancha Rodríguez Fernández. Os premios do certame están dotados con 700, 400 e 200 euros e un diploma honorífico e na presente edición concorreron un total de trinta e seis obras.
A USC, a través do Servizo de Normalización Lingüística da Facultade de Filoloxía, promove este premio coa intención de “fomentar a creatividade da mocidade universitaria e de desenvolver a súa capacidade de expresión en lingua galega, así como a contribuír a descubrir potenciais figuras da literatura na nosa lingua”. O Concurso literario Mazarelos conta co apoio económico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galiza.”