Tradutores/as de todo o mundo poderán viaxar a Coruña para exportar obras en galego co apoio da Xunta de Galicia

Desde a Xunta de Galicia:
“Coa intención de impulsar ao sector da tradución e contribuír á proxección exterior da literatura galega, a Xunta de Galicia vén de lanzar en colaboración coa Residencia Literaria 1863 a primeira edición de Residencia Xacobeo. Trátase dunha iniciativa coa que se apoia aos tradutores literarios que traduzan unha obra orixinalmente escrita en galego a calquera lingua do mundo facilitándolles os medios para facelo desde Galicia. A iniciativa foi presentada hoxe polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a escritora e promotora de Residencia Literaria 1863 Yolanda Castaño.
Como explicou o representante autonómico, este programa enmárcase no traballo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade por divulgar e difundir a literatura galega e apoiar aos profesionais. “Era preciso levar a cabo propostas como esta que nos permiten incentivar o extraordinariamente importante labor da tradución literaria ao tempo que promovemos o intercambio internacional e levamos obras literarias galegas por todo o mundo desde o mesmo contexto cultural onde se crearon”, explicou Anxo M. Lorenzo.
O programa Residencia Xacobeo consiste en que a Xunta e a Residencia Literaria 1863 facilitarán ao beneficiario un espazo en Galicia para o seu traballo e investigación durante todo o mes de maio. O beneficiario aloxaranse na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX no casco histórico da Coruña que combina residencia con centro de xestión cultural. O programa incluirá o billete aéreo dende o país do tradutor e dietas para gastos básicos.
A iniciativa ten tamén como obxectivo achegarlle o proceso de creación ao público, con accións abertas. Porque o beneficiario, se así o desexa, terá a oportunidade de ofrecer un encontro público de mostra do seu traballo durante o tempo de residencia. Ademais, na Coruña terá acceso prioritario a museos, galerías, bibliotecas, concertos, visitas guiadas, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural.
Poderá concorrer calquera tradutor literario maior de 18 anos que elixa unha obra de literatura en galego, en calquera xénero literario, para calquera lingua do mundo. Os proxectos presentados serán sometidos a un proceso de selección por un Comité de Valoración designado pola Residencia Literaria 1863 e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Estará composto por profesionais de recoñecido prestixio na tradución e a literatura galega, quen elixirán as mellores candidaturas a este programa en residencia. As solicitudes deberán presentarse antes do día 12 de marzo ás 22:00 no enderezo electrónico 1863coruna@gmail.com“.

Novo rexistro dixital para protexer a propiedade intelectual de autores/as e editores/as en CEDRO

Desde CEDRO (Centro Español de Dereitos Reprográficos):
“CEDRO vén de lanzar un innovador rexistro de certificación dixital de obras para protexer a propiedade intelectual de autoras/es e editoras/es socias/os.
Este servizo, baseado na xeración de pegadas dixitais do contido dixital indexado, pode usarse para xestionar os seus dereitos nos procesos previos á administración, nas negociacións coas plataformas tecnolóxicas e en calquera controversia relativa á propiedade intelectual. O rexistro integrarase nas páxinas web das asociacións de autoras/es e editoras/es que o soliciten.
Segundo Jorge Corrales, conselleiro delegado de CEDRO, “autoras/es e editoras/es poden rexistrar todo tipo de obras textuais, como libros, artigos, teses, guións ou obras de teatro, aínda que non sexan divulgadas”.
Este servizo, accesíbel desde a área de privada de socias/os de CEDRO, ofrece aos autoras/es e editoras/es tres funcionalidades: rexistro, certificación e verificación das súas obras.
Segundo explica o CEO de CEDRO, “este rexistro é un sistema innovador que funciona xerando pegadas dixitais das obras indexadas. En ningún caso, a entidade garda copias dos ficheiros das obras ”.
Cada obra rexistrada ten un certificado dixital que, como indica Corrales, “é unha proba de confianza de que existe unha obra nun momento determinado, o que é moi útil para autoras/es e editoras/es”. E engade que “este certificado é unha ferramenta que se pode empregar para o desenvolvemento de procedementos administrativos, como solicitar a compatibilidade da pensión de xubilación cos dereitos de autoría; en situacións controvertidas sobre propiedade intelectual; ou en negociacións con plataformas tecnolóxicas, unha vez que a directiva sobre dereitos de autoría no mercado único dixital se incorpore á lexislación estatal”.
Con este rexistro, autoras/es e editoras/es tamén poderán verificar tanto a validez do seu certificado como a posible coincidencia coas pegadas doutras obras indexadas neste rexistro, o que permitirá identificar, por exemplo, citas e referencias, un servizo moi útil para profesorado universitario.
Jorge Corrales conclúe que “este rexistro é un servizo máis que ofrecen ás súas socias e socios para proporcionarlles as ferramentas necesarias que lles garantan un ecosistema dixital seguro para os seus dereitos”.”