Luísa Villalta, Día das Letras Galegas 2024

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebra a escolla de Luísa Villalta como persoa a quen se dedicará o Día das Letras Galegas en 2024 por parte da Real Academia Galega.
Mantivo unha importante vinculación coa AELG, sendo partícipe do Consello Directivo entre 1993 e 2002. A súa creatividade manifestouse en diversos campos, desde a poesía até a narración, ensaio, teatro, escrita xornalística e tradución, xunto á súa outra gran paixón, a música, sempre cunha calidade indiscutíbel e unha posición independente á vez que comprometida coa lingua e literatura galegas e a sociedade do seu tempo.
Lembramos aquí a Homenaxe Volver a Luísa Villalta. No outro lado da Música, a Poesía, que tivo lugar en 2014, co descubrimento dunha placa na casa onde vivira Luísa, e a intervención de Cesáreo Sánchez, presidente da AELG, naquel acto.

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta

Desde a Real Academia Galega:
“O pleno da Real Academia Galega acordou dedicarlle o Día das Letras Galegas 2024 a Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), cadrando co vixésimo aniversario do seu pasamento. Creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90, o 17 de maio de Luísa Villata será unha ocasión excepcional par reivindicala en toda a súa amplitude como a intelectual que foi. A autora coruñesa foi unha escritora para facermos pensar o mundo contemporáneo, a través dunha obra marcada polo pensamento apaixonado, a procura do rigor e tamén a exploración estilística. O cruzamento entre a poesía e a música é outro dos trazos definitorios dunha autora recoñecida sobre todo como poeta, pero que tamén cultivou con talento o teatro, a narrativa de ficción, o ensaio, o articulismo e a tradución.
Todos eses perfís serán motivo de atención o ano que vén arredor dunha celebración que permitirá actualizar e ler a súa figura á luz de novos marcos de análise, e tamén ao abrigo dos afectos que a súa personalidade segue a xerar.
“Luísa Villalta é unha intelectual. A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés [poeta da mesma xeración], que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas”, expón a proposta sometida a votación este mediodía. “Os acentos da súa voz, os focos da súa obra, o alento da súa escrita fan dela unha autora que sorprende na singularidade e pon de relevo, unha vez máis e fóra de estereotipos, a amplitude do campo literario que se estende en trazos de autoras únicas”, prosegue o texto.” (…)

O XIV Premio de Ensaio Manuel Murguía da Deputación da Coruña recae na investigadora e docente Blanca Paula Rodríguez Garabatos

Desde a Deputación da Coruña:
“A compostelá Blanca Paula Rodríguez Garabatos é a gañadora do XIV Premio de Ensaio Manuel Murguía, que concede a Deputación da Coruña, pola súa obra Catro exemplos da ‘arte dexenerada’ galega fóra da España saudable. O premio está dotado con 6.500 euros e coa publicación da obra.
A autora é investigadora, catedrática de Xeografía e Historia, escritora e docente de secundaria. Ten impartido clases e conferencias sobre arte, moda, semiótica e literatura na Universidade e en congresos internacionais. Ademais, é doutora en Estudos Literarios pola Universidade da Coruña cunha tese titulada: Moda de la Belle Epoque e indumentaria en la obra de Emilia Pardo Bazán.
O xurado estivo composto por ensaístas, docentes e escritores como Manuel Gago, María López Sández, Rafael Quintía, Inma Otero Varela e o gañador da pasada edición, Bieito Alonso. Tamén forman parte o deputado de Cultura, Xurxo Couto, e a xefa da sección de Cultura, Mercedes Fernández Albalat.
O xurado valorou que a obra gañadora “traza confluencias entre catro dos artistas máis destacados da arte galega do século XX: Colmeiro, Granell, Maruja Mallo e Seoane, no contexto histórico dos fascismos europeos. Desde unha perspectiva interartística, afonda nas artes plásticas cun enfoque ideolóxico e hermenéutico. O texto ten vontade de estilo e a súa lectura flúe nun ton ensaístico que traza as vidas cruzadas dos artistas e a súa plasmación na produción, revelando as proximidades e diverxencias das súas biografías -marcadas pola Guerra Civil-, mais tamén as circunstancias da época e as ideas en conflito que a modelaron”. (…)”

O Plenario do Consello da Cultura Galega incorpora a Xavier Queipo

Desde o Consello da Cultura Galega:
“O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou no serán do 28 de xuño unha sesión plenaria ordinaria. Nela a presidenta, Rosario Álvarez, deu conta do conxunto de accións do segundo trimestre, no que se levaron a cabo 34 actividades, das que o 46% se desenvolveron fóra de Santiago de Compostela. Ademais, fixo un balance do foro Pensar o mundo dende Galicia, co que a institución celebra o seu 40º aniversario. Tamén se aprobou a incorporación de Xavier Queipo (Santiago, 1957) ao plenario do CCG na quenda de personalidades electivas, no lugar deixado por Xulio Ríos.”

Montse Pena Presas, Bieito Silva e Diego Rodríguez, novos membros correspondentes da Real Academia Galega en 2023

Desde a Real Academia Galega:
“Na sesión plenaria ordinaria da Real Academia Galega celebrada o 29 de xuño tamén foron elixidos membros correspondentes da institución Bieito Silva, experto de referencia na planificación lingüística escolar e sobre a situación da lingua galega no sistema educativo; Montse Pena Presas, especialista en literatura infantil e xuvenil contemporánea; e Diego Rodríguez, responsable das áreas de patrimonio e cultura da Fundación Barrié.”