Paula Carballeira: “Na obra reúnense moitas teimas que teño desde sempre”

Entrevista a Paula Carballeira no Diario de Ferrol:
“(…) – Diario de Ferrol (DF): Hai referentes reais –o caso de María Barbeito–. Como foi o labor de contextualización da obra?
– Paula Carballeira (PC): A obra abrangue desde a II República até finais da ditadura, 1970, que é cando morre María Barbeito, mestra destas dúas alumnas, Elvira Fontao e Rosa Lires, ás que se refire o título. Eu nacín no 72 e tiña referencias directas, por exemplo, da miña nai, pero como estamos a falar de antes da Guerra Civil houbo un importante labor de documentación. Con todo iso elaborei un discurso que no referido a María Barbeito non é complicado porque hai obra publicada, pero recrear a época si custa un pouco máis porque, máis alá da figura histórica de Barbeito, o resto son creacións en base ao que eu recollín, o que me foron contando ou o que eu mesma vivín coa miña ollada de nena que, porén, xa non viviu directamente esa época.
– DF: Como definiría a Barbeito?
– PC: Para min fixo un labor revolucinario a nivel pedagóxico. Introduciu unha maneira diferente de entender o ensino e métodos que co paso do tempo se foron instaurando pero que daquela eran pouco menos que revolucionarios: educación mixta, accesible para todas as persoas, alén das clases sociais, que prestase atención a cada persoa e á súa capacidade crítica e creatividade… É un exemplo destas mulleres que caeron no esquecemento coa Guerra Civil. O Comité de Depuración apartouna da vida pública, forzárona a xubilarse e quedou na súa casa, e todo ese traballo cara a fóra quedou silenciado. Aínda resoa algún eco de quen foi, pero moito foise esquecendo, un exemplo do que acontece con moitas mulleres na Historia.
– DF: Como foi o trauma para as mulleres que tiveron a oportunidade de coñecer ese ensino e que co golpe de Estado sufriron a involución?
– PC: Ese é o tema da obra porque as dúas protagonistas da peza, Elvira e Rosa, representan dous camiños distintos que seguiron posibles alumnas de María Barbeito: unha delas seguiu o ronsel da mestra e adicou a súa vida a continuar con esa maneira de entender o ensino a costa da represión, o exilio… Outra decide ir polo outro camiño: quedar na casa e facer o que se espera dela nesa sociedade que se abriu paso despois da guerra.
– DF: Na consecución deste éxito, que papel xogou a súa longa traxectoria como narradora oral?
– PC: Totalmente decisivo. Estamos a falar de artes escénicas que beben das doutras. Nesta peza hai momentos en que as personaxes lle falan ao público e aí a narración oral serviume de moito para conectar con el. A miña traxectoria nas artes escénicas, ademais, fai que entenda o xeito de contar a historia de maneira dramática, mesturando referentes. É unha obra contemporánea porque mestura textos informativos con ficción. Esta peza é resultado desa traxectoria; se non a tivese, non sería posible.”

Verso a verso con Yolanda Castaño, premio Nacional de poesía 2023: «Estou máis preto da loita das nais críticas que de moitas que deciden non ser nais»

Entrevista de Ana Abelenda a Yolanda Castaño en La Voz de Galicia:
“(…) A poesía de Yolanda Castaño (Santiago, 1977) ten dende o pasado 27 de setembro o Premio Nacional de Poesía 2023 por Materia, pero leva trinta anos levedando como materia rebelde, abrindo e ampliando o campo para o debate social. Falamos coa escritora, cun feixe de versos escollidos deste poemario, da familia, da amizade, da memoria, da maternidade como escolla consciente, como lousa e como renuncia, como sistema desigual contra as mulleres. «A poesía é o xénero menos dogmático, é un xénero que permite crear realidades máis hospitalarias, vivibles», di. «Conciliación, saúde mental e neurodiverxencia» son temas poéticos, amosa a autora que se revelou con Elevar as pálpebras (1995). Materia é unha poldra nese camiño de pedras sobre o río revolto da vida que é a obra de Yolanda Castaño.
«O corpo está neste poemario nun sentido moi amplo. O corpo son tamén os nosos sentidos. Na poesía desactívase a parte máis racional e actívanse a impresión, as sensacións. Á vida e ao traballo enfrontámonos a través do corpo, non de maneira etérea», sinala. Iso enlaza, segue, «coa raíz dalgunhas das nosas preocupacións sociais, como son os coidados e o papel da muller na sociedade e na esfera privada». (…)”

Xurxo Alonso: “Non hai temas que escapen da luz poética, sempre hai unha fenda por onde pode entrar”

Entrevista de Laura Veiga a Xurxo Alonso en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): Como se embarcou no proxecto de ilustrar Rosalía para as crianzas? De onde saen estas cartas que conforman o poemario?
– Xurxo Alonso García (XAG): Hai unha parte ficticia e unha parte real. Eu normalmente fago un tipo de poesía que ten compoñentes como de materia escura na que vou desvelando cousas. É como se houbera un cristal embazado que vou limpando para ver, pouco a pouco, a paisaxe que hai detrás. Parto do descoñecido para chegar a certas cousas que ao final se desvelan no poema e, neste caso, partín dunha idea moi concreta.
O poemario trata de dúas irmás que envían cartas sobre o que está pasando durante os primeiros días da Guerra Civil. Unha destas é interceptada pola Garda Civil polo que ambas as irmás son enviadas ao psiquiátrico de Conxo, desde onde seguen enviando estas misivas que nunca chegan ao seu destino -familiares, amizades- porque hai unha monxa que as vai interceptando. Varios dos feitos que se contan son reais, aconteceron, e eu vounos convertendo en cartas.
O resto é ficticio, o que ocorre é que son moi verídicas porque aluden a cousas que pasaron en moitos puntos da Galiza de maneira similar a como eu as conto. Son temas moi achegados para todo o mundo. Ademais, como dicía antes, cando teño que definir un dos meus libros de poesía é complicado porque normalmente desenvolvo tramas moi tupidas onde non se sabe moi ben a quen me dirixo, mesturo moitos temas e moitas situacións de maneira que queden abertos.
Deixo moito espazo para que a persoa que me lea poida recrear o poema. De feito, no que respecta á historia das irmás non se expresa demasiado desde que ingresan no psiquiátrico, déixase ver que pasan alí moitos anos e que acaban por morrer sen saír das súas paredes, pero a maior parte da súa historia queda á imaxinación de quen le.
– ND: Por que escolleu contar esta historia a través dunha poesía epistolar?
– XAG: A cuestión das cartas parecíame a maneira máis directa de presentar as situacións e os temas: unha persoa que mira e conta o que ve ou o que lle contan á súa vez. A moita xente sorpréndelle que trate a Guerra Civil no eido da poesía, aínda que xa teño escrito un libro sobre a guerra de Iraq, Cidades de area (Espiral Maior, 2005) e outro sobre a pandemia e o confinamento, As vaidosas agonías (Xerais, 2021). Para min non hai temas que escapen da luz poética, sempre hai unha fenda por onde pode entrar a poesía. Levo moitos anos pintando, pero á poesía cheguei máis tarde, arredor dos 40 anos e por unha sorte de emulación. Cando comecei a escribir notei tamén que a poesía para min era un agasallo que me veu visitar, como dicía Czeslaw Milosz, poeta polaco premiado co Nobel, e por iso tamén esta historia ten forma de poesía, porque eu non toco outros xéneros da escrita.
Tamén quixen que fosen dúas mulleres as que estiveran ao fronte do poemario porque estas eran, en xeral, as que tiñan que aguantar cando os seus homes estaban fuxidos, agochados ou na fronte. Evidentemente moitas veces acababan por sufrir as represalias ou as presións para que delatasen. (…)”

A Coruña: Roteiro 2º de Poeta, con Lucía Aldao

O Roteiro 2º de Poeta, guiado por Lucía Aldao, é unha iniciativa da AELG desenvolvida co apoio do Concello da Coruña.
Terá lugar o sábado 18 de novembro, a partir das 12:00 horas, na cidade da Coruña, tendo como punto de saída o IES Puga Ramón (Rúa Leopoldo Alas Clarín, 4).
Agradecemos que as persoas interesadas se inscriban previamente no correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome e apelidos. A inscrición realizarase por orde cronolóxica de chegada das solicitudes.
En palabras de Lucía Aldao: “Hai anos deseñei para os Paseos pola Coruña literaria de AELG a actividade 1º de poeta, e co público asistente paseei polo meu colexio da infancia intentando falar da vocación e dos primeiros achegamentos á literatura. Propóñovos agora asistir a 2º de poeta, un paseo da man da poeta adolescente coas súas lecturas reveladoras, os seus tormentos e a súa teima, aínda intacta, pola poesía.”

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.