Lois Pérez: “Unha das protagonistas foi alumna miña en Riotorto e faríame moita ilusión dar con ela”

Entrevista de Eva Cid Rivas a Lois Pérez en Nós Diario:
“(…) – Nós Diario (ND): No libro fai unha crítica á sociedade occidental. Que opina do noso rol colectivo nas crises migratorias?
– Lois Pérez (LP): Como cidadáns estamos atrapados nunha contradición difícil de resolver. Unha das orixes do problema é o desigual reparto da riqueza, que fai que uns naden na abundancia e outros pelexen por vivir. Na medida en que a cidadanía tome conciencia desta cuestión, esixirá aos seus representantes que dean pasos para cambiar as cousas.
Por suposto, temos unha parte de culpa moi grande como sociedade, mais os poderes tamén promoven, de maneira interesada, a banalidade e o espellismo tecnolóxico para que deixemos de lado a realidade. Esta realidade é que a nosa vida ten o mesmo valor que a de calquera outra persoa na outra punta do planeta.
– ND: A separación das familias é recorrente no libro. Houbo algunha experiencia de alguén da súa contorna que inspirara esta historia?
– LP: Si. Unha das protagonistas é Alexandra, unha nena de ascendencia caboverdiana que vive en Burela. Esa nena hoxe terá sobre 20 anos. De feito, faríame moita ilusión dar con ela porque existe. Fun mestre seu en Riotorto hai 12 anos. Ela vivía soa con súa tía porque seu pai estaba embarcado no Gran Sol e súa nai estaba en Cabo Verde e ese é un dos motivos. O outro é pensar en todas as nenas e nenos que están separados por centos de miles de quilómetros de seus pais por supervivencia.
– ND: A ultradereita acusa as persoas migrantes de “vir roubar a Europa”. Cal é a súa visión sobre iso?
– LP: É unha visión moi frívola da realidade. Calquera sabe perfectamente que ninguén se xoga a vida, ninguén deixa a centos de miles de quilómetros os seus seres queridos, por vir delinquir. Tentan salvar a vida. Tentan salvar a xente que queren ou a da súa tribo. Tentan ser alguén, que é un dereito que temos todas e todos neste mundo. Todas temos dereito a ser.
A moita xente estáselle denegando ser no seu propio lugar de orixe. Esta visión que ten moita xente está directamente relacionada coa ignorancia e coa mala fe. Detrás de cada persoa agóchanse feridas de todo tipo. (…)”

A Coruña: presentación de Esgrafiado Galego. un Museo ao Aire Libre, de Mar López Sotelo

O 4 de xaneiro, ás 19:30 h., na A. C. Alexandre Bóveda (Rúa Santo André, 36, 1º), na Coruña, terá lugar a presentación de Esgrafiado Galego. Un Museo ao Aire Libre, de Mar López Sotelo, publicado por Teófilo Edicións. Despois da presentación haberá unha cata cultural de viño comentada, a cargo de Mercedes Touzón. As persoas interesadas poden inscribirse previamente aquí.

Xosé Ricardo Losada Vicente gaña o XXII Certame Literario de Aventuras Antón Avilés de Taramancos

“O 29 de decembro 2023, os membros do xurado do XXII Certame Literario Relato de Aventuras Antón Avilés de Taramancos reuníronse na Casa da Cultura para emitir publicamente a súa decisión e dar a coñecer o novo gañador do XXII Certame Literario.
O xurado constitutído por Santiago Freire Abeijón, presidente de honra; Oliva Fraga Lombardía, traballadora da concellería de cultura e que actuou en calidade de secretaria; Antonio Puentes Chao, profesor e escritor; Raúl Soutelo Vázquez, profesor e escritor, e Antonio Piñeiro Fernández, profesor, editor e escritor, e despois das deliberacións, e por unanimidade, declarou gañador a obra titulada Un inferno frío, da autoría de Xosé Ricardo Losada Vicente, de Rianxo.”

Alberto Mancebo gaña a XXX edición do Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey

Desde o Concello do Grove:
“O Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey é un premio literario convocado polo Concello do Grove dende 1992, que conta coa colaboración do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, co obxectivo da convocatoria é honrar a vida e obra do escritor e xornalista e, asemade, coadxuvar na promoción da escrita en galego e na divulgación dos seus autores. O premio está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra gañadora por Edicións Xerais de Galicia.
O xurado do premio composto por Armando Requeixo, Ánxela Gracián, Carmen Ferreira Boo, Héctor Cajaraville Araujo e Álex Alonso (gañador da anterior edición) reuniuse na tarde do 15 de decembro para ditaminar esta XXX edición do Premio.
Despois de deliberar o Xurado, por maioría, acordou declarar como gañadora da presente edición a novela presentada baixo o título a concurso Indolente co lema “Marco Bano”.
Acto seguido procedeuse a apertura da plica da novela premiada. O autor da obra gañadora resultou ser “Alberto Mancebo Soto”.
O xurado destacou en Indolente a capacidade para defrontarnos cos riscos dun mundo futuro de ameazas climáticas que abisman a Humanidade a unha situación límite que fai aflorar os instintos máis primarios.
Novela de narración poderosa, de desacougante escenario agónico, a súa trama crea unha hipnótica atmosfera rebordante de violencia na que os personaxes teñen que decidir inclinarse pola supervivencia solidaria ou pola loita individualista, atrapados nunha témera tormenta solar.
Inquedante, insólita e apelativa, esta historia convida a repensar o fondo da alma humana, coas súas faíscas luminosas, mais tamén coas súas miserias insondables.”

Susana Sanches Arins: “Unha das cousas máis interesantes da infancia é como lidamos cos medos”

Entrevista a Susana Sanches Arins no Zig-zag da Televisión de Galicia:
“As cinco corujas protagonistas deste libro andan a aprender a arte do voo. Adoitan estar sempre xuntas e están extremadamente atentas, cos ollos ben abertos. Unha desas Cinco corujas é a autora do libro, Susana Sanches Arins, que nos devolve a unha infancia e unha realidade que moitas vivimos. No seu caso, no Foxo, na casa do mestre. A entrevista pode verse aquí.”