Bases do XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro

Desde Galaxia:
“A Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e a Editorial Galaxia, coa colaboración de Caixa Rural Galega, convocan o XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
Este premio convócase en memoria do escritor e filósofo Ramón Piñeiro, na tradición do pensamento literario e o xénero de ensaio, e acóllese ao espírito que inspirou a traxectoria intelectual da persoa á que se honra, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

1. Poderán participar todas as persoas que o desexen, sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en lingua galega; e o/a autor/a non fose distinguido/a nas últimas cinco convocatorias do certame.
2. A extensión dos orixinais abranguerá entre 150.000 e 300.000 caracteres, incluídos espazos, aínda que o xurado poderá considerar flexiblemente esta condición, conforme a calidade obxectiva da obra seleccionada. Deberanse presentar cinco copias dos orixinais en formato DIN A4 mecanografados a dobre espazo.
3. O tema dos ensaios será libre mais os traballos deberán evitar, na medida do posible, o enfoque propio da investigación especializada ou un excesivo carácter académico. A exposición do tema do ensaio deberase realizar exclusivamente mediante a escritura, sen empregar gráficos, cadros, fotografías ou elementos semellantes.
4. Os orixinais deberán enviarse por correo certificado, baixo plica, a: Editorial Galaxia, Avenida de Madrid, 44, 36204 Vigo, e indicando no sobre XXIV Premio de Ensaio Ramón Piñeiro.
5. O prazo para a recepción de orixinais rematará o 15 de novembro do ano 2024 e a decisión do xurado, que terá carácter inapelable, darase a coñecer no transcurso do mes de decembro.
6. Establécese un único premio de 3.000 euros (suxeito aos impostos que lle sexan de aplicación), que será outorgado ao ensaio que, en opinión do xurado, posúa maior fondura e orixinalidade e reúna suficientes méritos estilísticos e literarios.
7. Se ningún dos orixinais presentados reunise estes méritos ou o xurado así o considerase, o premio poderase declarar deserto.
8. A contía do premio inclúe os dereitos de autor da primeira edición da obra gañadora. A partir da segunda, a explotación comercial do libro premiado xerará o 10 por cento de dereitos sobre o prezo de capa sen IVE, para o/a autor/a ou para quen el/a libremente determine.
9. A Editorial Galaxia publicará e comercializará o libro na súa colección Ensaio e na cuberta salientará, ao par da editorial, a Xunta de Galicia, e na contracuberta os logotipos das entidades colaboradoras: Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega e Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.
10. As copias dos orixinais non premiados e as súas correspondentes plicas serán destruídas.
11. A interpretación destas bases corresponderalle exclusivamente ao xurado, cuxos membros, en número de cinco, se nomearán de común acordo entre as entidades convocantes.
12. A presentación ao premio supón a conformidade con estas bases por parte dos participantes.”

Bonito pra chover. Festival de arte e cultura brasileira en Santiago de Compostela. Recital poético-musical

Bonito pra chover é un Festival de arte e cultura brasileira en Santiago de Compostela, con diversas actividades que terán lugar durante o mes de outubro e inicios de novembro de 2024. A AELG colabora con esta actividade co apoio de CEDRO.

Bonito pra chover é uma expressão nordestina para quando o dia amanhece nublado. Desse céu cai fartura, o ipê floresce, a cisterna enche d’água. No Nordeste a chuva é arte. Igual que em Compostela quando chove. E dessa vez, com o Festival Bonito Pra Chover, vai chover arte e cultura brasileira. Aqui chove poesia, música, fotografia, pintura e cinema. Também chove arte gastronômica em Santiago de Compostela.
Este é um espaço criado para trocas culturais, como uma homenagem da comunidade brasileira ao país que nos acolheu, essa Galícia/Galiza diversa, aberta ao mundo, com sotaques que veem de muitos lados. O próprio Bonito Pra Chover também é diverso. Concebe o Brasil que não sai na mídia. Trazemos artistas de distintas origens e de várias linguagens. Dançaremos, cantaremos, declamaremos com diversos sotaques. Teremos oportunidade de conhecer pratos variados e também, aprender a cozinhar com artistas.
Assim, o Festival Bonito Pra Chover busca o intercâmbio, as aprendizagens e oferecer um pouco mais do calor brasileiro no aconchego da Galiza.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) colabora no recital poético-musical que vai ter lugar o 2 de outubro de 2024, ás 16:30 horas, no Panteón de Galegas e Galegos Ilustres, en Santiago de Compostela, con entrada libre até completar capacidade.

O programa é o seguinte:
– Breve introdución musical

– Saúda de Jakson Renner e Cesáreo Sánchez Iglesias

– Leitura de textos do poeta Jackson Sampaio.
Cesáreo Sánchez Iglesias
Daniel Asorey Vidal
Luiza Fernandes
Uxía

– Interpretacións musicais
Euterpe
Léo Pinheiro

O resto de actividades do Festival poden consultarse nesta ligazón.

Obradoiro Sen fronteiras. Creación literaria e diálogo entre xéneros, impartido por Paula Carballeira, en Compostela

O Obradoiro Sen fronteiras. Creación literaria e diálogo entre xéneros, impartido por Paula Carballeira e cunha sesión especial de Clara Gayo, é unha iniciativa da Escola de Escritoræs da AELG, co patrocinio e colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

O teatro dialoga coa prosa e, por suposto, coa poesía, porque hai poesía na novela e narración, ás veces, no drama. Neste obradoiro achegarémonos aos diferentes xéneros, creando textos, xogando, e descubrindo as posibilidades da escrita. Probaremos a esvaecer as fronteiras entre eles, a propoñer diferentes formas para as ideas que queiramos transmitir, a recoñecer as nosas habilidades na artesanía da linguaxe. E, sobre todo, divertirémonos en serio.

– Terá 8 sesións de 3 horas cada unha.
– Hai un total de 15 prazas para persoas maiores de 18 anos. A inscrición, gratuíta, farase, mediante o envío dun correo electrónico a oficina@aelg.org indicando o nome, apelidos e o nome do obradoiro.
– O obradoiro desenvolverase no Espazo Apego (Rúa República do Salvador, 12, entresollado), en Santiago de Compostela.

Calendario
– Días: sábados 26 de outubro; 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro; e 7 e 14 de decembro de 2024.
– Horarios: de 10:30 a 13:30 h.

Información sobre protección de datos
A/O responsábel do tratamento é a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega. A finalidade do tratamento é a prestación do servizo que se detalla na solicitude ou actividade organizada. A base legal do tratamento é o cumprimento dunha obriga contractual na prestación dun servizo. Os seus datos conservaranse unicamente durante os prazos de prescrición legalmente aplicábeis. Pódense comunicar os seus datos a terceiras/os organizadoras/es ou colaboradoras/es da actividade. No caso de solicitar certificado de asistencia, os seus datos comunicaranse ao/á impartidor/a da actividade. Pode acceder, rectificar, suprimir os seus datos e nos casos determinados opoñerse ao tratamento, limitar o seu uso ou portar a outra/o responsábel. Tamén pode solicitar a tutela da Axencia Española de Protección de Datos ou presentar unha reclamación ante a mesma.