Nigrán: Xornadas “Alfonso Álvarez Cáccamo na memoria”, do 25 ao 28 de xuño

Branca Trigo: “A Residencia Mariñán permitiume sentirme poeta e non autónoma”

Entrevista a Branca Trigo Cabaleiro na revista A Movida:
“(…) – A Movida (AM): Que cres que achegan estas residencias ao tecido cultural galego?
– Branca Trigo (BT): Achegan comunidade, algo moi difícil de conseguir hoxe en día. Cremos que vivimos conectadas grazas ás redes, pero non é o mesmo que a convivencia persoal. Tamén achegan circunstancias materiais; por exemplo, non tiven que pensar en cociñar ou facer facturas. Deixas de lado as pequenas tarefas que quitan tempo da creación e sénteste realmente poeta e non autónoma.
– AM: Empezaches a escribir moi nova e gañaches o teu primeiro premio con só doce anos. Cando soubeches que querías dedicarte á poesía e como foron eses primeiros pasos?
– BT: Sempre souben que quería facer algún tipo de arte, pero que sería a poesía sóubeno hai catro ou cinco anos. Crecín nunha familia artística: o meu pai é ilustrador e pintor, a miña nai era encadernadora artesanal; a min tocábame ser escritora. De feito, con sete anos escribín o contiño La cosa negra que pasó por mi ventana —aí aínda era castelanfalante—, o meu pai ilustrouno e publicouno unha editorial. Na adolescencia escribín pouco, inclineime máis pola música, e volvín escribir ao entrar na carreira de Ciencias da Linguaxe. Realmente a falta de recursos económicos para elixir outra universidade tivo moito que ver na escolla. De vivir en Pontevedra, probablemente agora estaría pintando cadros. (…)
– AM: Es coeditora, xunto a Alfredo Vázquez, do selo independente Malafera. Cal é a súa filosofía?
– BT: Malafera naceu para autoeditar Coñecemento do Medo, o meu primeiro poemario, porque tiña moi clara a estética que quería darlle e prefería ilustralo e editalo eu mesma. Son bastante maniática co deseño gráfico e as tipografías dos libros. Tamén era consciente de que había moitas persoas escribindo cousas que non encaixaban no sistema tradicional e gustounos a idea de ser «casa» para quen o precise e queiramos ver en papel. Levamos desde 2021 e temos só oito libros publicados. Creo que en Galicia ás veces se publica demasiado, desde logo máis do que se le, e presúmese do número de títulos, non da calidade. Nós non vivimos de Malafera, polo que non temos metas de produtividade. (…)”

A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño

Desde a Real Academia Galega:
“A Real Academia Galega dedicaralle o Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño (Vigo, 14 de outubro de 1964 – Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2014). Así o decidiu a institución no pleno ordinario celebrado esta mañá no pazo municipal de María Pita (A Coruña), unha sesión na que tamén se valoraron as candidaturas de Antón Tovar, Miguel González Garcés e Enrique Labarta Pose. A RAG celebrará a narradora, autora serodia de dúas novelas nas que reescribiu os mitos da Odisea e o artúrico, e mais a xornalista, nun momento en que urxe reconstruír o espazo dun xornalismo para a cidadanía, comprometido coa verdade e co uso do galego. Coa lembranza de Begoña Caamaño, as Letras 2026 serán unha festa asomada á contemporaneidade, á pulsión do presente e á ollada feminista que vertebrou o seu pensamento, o seu traballo intelectual e a súa biografía.
A proposta de Begoña Caamaño foi presentada polas académicas Ana Romaní, Marilar Aleixandre, María López Sández, Margarita Ledo Andión, Chus Pato e Francisco Fernández Rei. De acordo cos estatutos da RAG, discutiuse canda as outras tres formalizadas na primeira xuntanza ordinaria do pleno da institución tras a sesión extraordinaria do Día das Letras Galegas do ano en curso, que ten as cantareiras e a poesía popular oral como protagonistas. A que se homenaxeará no 2026 será de novo unha voz feminina, desta volta a dunha autora en singular pero que escolleu proxectarse no colectivo da palabra literaria e da voz xornalística.
“Literatura e xornalismo son na autora instrumentos para o coñecemento, outra forma de reflexión e acción, desde o rigor do saber, o estimulante exercicio da razón e a complicidade da maxia e dos soños”, reza o texto da candidatura aprobada. “A figura de Begoña Caamaño dialoga hoxe cunha parte moi activa da profesión xornalística e literaria, traslada outra experiencia de ambas as dúas. Cómplice dese tecido de voces que é a literatura, coma colchas tecidas con retallos, voz coral na que se recoñece, entrégase á narrativa sen desoír a interrogación da xornalista e a esixencia da lectora”, prosegue.
A de Caamaño é así unha obra para a ética, para o movemento, para o pensamento crítico, para un país e un idioma que cultivou con precisión e esmero, conclúen as propoñentes, que subliñan a imposibilidade de delimitar seccións na súa traxectoria. “A constante implicación con causas sociais, culturais e políticas perfilan unha biografía movida por unha magnética paixón vital de lúcida intelixencia e xenerosa determinación. Atenta lectora da realidade social, audaz nas súas formulacións, vibrante no debate, Begoña Caamaño, viaxeira curiosa á procura do encontro co outro, do recoñecemento da diferenza, implícase na defensa dos dereitos humanos, o pacifismo, a solidariedade, a dignidade, a liberdade, con sólidas conviccións  mobilízase na crítica da inxustiza social, as opresións, o poder o os seus abusos, as desigualdades e os privilexios”, abundan. (…)”